O incremento da poboación estranxeira permite recuperar os 2,7 millóns de habitantes nunha Galicia cada vez máis vella

Aínda que o número total de habitantes case non variou no último ano, a cantidade de persoas maior de 65 anos medrou en case 8 mil © Xunta

O INE publicou esta semana os datos provisionais do Padrón Continuo de poboación correspondentes ao 1 de xaneiro de 2020. Neste indicador, as cifras galegas practicamente non experimentan variación, pero o pequeno incremento poboacional (770 habitantes máis) permite recuperar o nivel dos 2,7 millóns, que se perdera no 2019 por primeira vez en varias décadas. En concreto -e á espera de que este datos se convertan en definitivos- Galicia pasa de 2.699.499 a 2.700.269 habitantes.

Este pequeno incremento prodúcese por pequenos aumentos nas provincias da Coruña e Pontevedra, que gañan ao redor de dous mil habitantes cada unha. Pola contra, as provincias de Lugo e Ourense seguen a perder poboación.

O número de galegos e galegas nacidos fóra do Estado español aumenta en máis de 14 mil persoas, elevando esta cifra a case 250.000 persoas, cen mil máis que hai 15 anos

Ao igual que vén sucedendo nos últimos anos, o pequeno incremento débese ao aumento da poboación estranxeira. O número de galegos e galegas nacidos fóra do Estado español aumenta en máis de 14 mil persoas, elevando esta cifra a case 250.000 persoas, cen mil máis que hai 15 anos. Neste tempo tamén foi aumentando o número de persoas nacidas noutras comunidades autónomas do Estado. Pola contra, vén descendendo de forma continuada o número de residentes que naceron en Galicia.

Entre eses case 250.000 galegos e galegas nacidas no estranxeiro, 112.022 teñen outra nacionalidade, nomeadamente doutros países europeos ou de América do Sur. Portugal (14.739), Venezuela (12.622), Brasil (9.367), Colombia (8.242), Romanía (8.057) e Marrocos (8.024) son os países máis habituais de procedencia.

Aínda que o número total de habitantes case non variou no último ano, a cantidade de persoas maior de 65 anos medrou en case 8 mil. Tamén crece en 8 mil persoas o número de habitantes entre 45 e 64 anos

O outro elemento que é clave para ler as cifras poboacionais galegas é o progresivo envellecemento, que continúa a medrar, ano a ano. Aínda que o número total de habitantes case non variou no último ano, a cantidade de persoas maior de 65 anos medrou en case 8 mil. Tamén crece en 8 mil persoas o número de habitantes entre 45 e 64 anos. Pola contra, descende a cifra de menores de 20 anos (-1.831) e sobre todo a de persoas entre 20 e 45 anos (-17.283), que é o grupo de idade que máis descendeu na última década. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.