Galicia nova, Galicia vella: máis de 30 anos separan a idade media dalgúns concellos rurais e algúns barrios urbanos

Escola infantil na Estrada Dominio Público Abalo Alonso Arquitectos, Elizabeth Abalo, Gonzalo Alonso, Francisco González Varela

Hai moitas galicias, fendas interiores marcadas polas diferenzas de renda, polo carácter urbano ou rural e, tamén, pola idade media da poboación. Galicia é un país envellecido no seu conxunto, pero aínda así ten áreas moi envellecidas, mentres que outras manteñen aínda importantes cantidades de poboación nova. As diferenzas son importantes entre uns e outros concellos, pero moito máis importantes se o que se analizan son os datos das distintas seccións censuais, máis ou menos barrio a barrio nas grandes cidades e parroquia a parroquia nos concellos da zona rural.

Determinados barrios da Coruña e Vigo son as zonas de Galicia cunha poboación máis nova, cunha idade media que mesmo baixa de 30 anos 

Ames é o concello coa menor media de idade e o único por debaixo de 40 anos (39,63). Ségueno Salceda de Caselas, Oroso, O Porriño, Ponteareas, Arteixo, Barbadás e Culleredo. No outro extremo, San Xoán de Río é o concello máis envellecido de Galicia, cunha media de idade de 62,48 anos. Ségueno Lobeira, Calvos de Randín, Verea e Larouco.

Pero se imos ás seccións censuais, atopamos que determinados barrios da Coruña (no barrio do Ventorrillo) e Vigo son as zonas de Galicia cunha poboación máis nova, cunha idade media que mesmo baixa de 30 anos (29,8 anos a máis nova) ou que os supera por pouco. Tamén en Ames (Bertamiráns), Pontevedra, Ribeira, Culleredo e Ponteareas atopamos núcleos con medias de idade por debaixo dos 35 anos.

A sección censual cunha idade media máis elevada están na Pobra do Brollón e chega aos 63 anos

Pola contra, son moitas as parroquias que superan os 60 anos de idade media. Sitúanse nos concellos que contan coas medias de idade máis elevadas, xa referidos, mais tamén na Fonsagrada, Navia de Suarna, O Irixo, A Pobra do Brollón, Maceda, Monterrei ou Navia de Suarna. A sección censual cunha idade media máis elevada están na Pobra do Brollón e chega aos 63 anos.

Poboación menor de 18 e maior de 65 anos

A estatística do INE segmentada por seccións censuais amosa tamén as zonas cunha maior porcentaxe de poboación menor de 18 anos ou con máis de 65 anos, con resultados semellantes e igualmente enormes diferenzas entre unhas e outras áreas. 

Barrios da Coruña e Vigo, pero tamén de Culleredo, Pontevedra ou Ames presentan unha maior proporción de poboación nova, superando o 30% de habitantes por debaixo dos 18 anos

De novo son determinados barrios da Coruña e Vigo, pero tamén de Culleredo, Pontevedra ou Ames os que presentan unha maior proporción de poboación nova, superando o 30% de habitantes por debaixo dos 18 anos e con porcentaxes de residentes con máis de 65 anos que en moitos casos non chegan ao 5%.

No outro extremo, hai 43 seccións censuais nas que os menores de 18 anos fican por debaixo dese 5%. Destacan algunhas parroquias de Montederramo, Lobeira, Parada de Sil, A Fonsagrada, Cartelle, Vilar de Barrio ou Verea, con porcentaxes por debaixo do 3%.

Hai 43 seccións censuais nas que os menores de 18 anos fican por debaixo do 5%

Hai, ademais, unha ducia de seccións nas que a poboación por riba de 65 anos de idade supera o 50%. Sitúanse na Pobra do Brollón, Calvos de Randín, Verea, Ramirás, A Teixeira, Lobeira, Maceda, Cartelle ou Boborás, zonas ademais nas que a porcentaxe de menores de 18 se move entre o 3% e o 6%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.