Máis de 29.364 euros por persoa. Esta é, como mínimo, a renda media anual da zona máis rica de Galicia. Trátase dunha das seccións do Ensanche coruñés, ao redor da Praza de Lugo, un grupo de rúas nas que, con todo, o 41% da súa poboación ingresa menos de 10.000 euros ao ano. Pola contra, no outro extremo atopamos un gran número de zonas con rendas medias anuais inferiores aos sete mil euros. En Lugo, Avión, Ribeira, Boborás, O Porriño, Carballo ou A Lama. A Galicia máis rica e a Galicia máis pobre, situadas en ocasións a poucos quilómetros unha da outra.
Podemos observar unha radiografía moito máis concreta da realidade social do país e das diferenzas que existen no seu interior
O INE publicou este mércores unha serie de informacións estatísticas correspondentes ao ano 2016 segmentadas por seccións censuais, con algunhas limitacións, como por exemplo que non se ofrecen datos das seccións que teñan menos de 100 habitantes. E, ademais, que cando unha sección ten unha renda media superior aos 29.364 euros anuais (coma a referida no centro da Coruña) ou inferior a 2.897 euros, non se ofrece o dato exacto.
Galicia divídese en case 2.200 seccións censuais, que nas cidades se corresponden con agrupacións de rúas dentro de cada barrio e que nalgúns concellos da zona rural se axustan aos límites dunha ou varias parroquias. Ao debullar a información estatística empregando esta delimitación (moito máis pequena que os 312 concellos ou os 603 distritos censuais que contén Galicia), podemos observar unha radiografía ben máis concreta da realidade social do país e das diferenzas que existen no seu interior, mesmo entre territorios próximos, entre unha e outra rúa, entre unhas zonas e outras dentro dun concello.
As zonas con maior renda sitúanse sobre todo nas cidades e áreas próximas e moi especialmente naqueles lugares máis industrializados
No mapa (facer zoom para observalo con máis detalle) pódense ver as zonas con maior renda, sobre todo nas cidades e áreas próximas e moi especialmente naqueles lugares máis industrializados. Por exemplo, a renda media é moi elevada nas Pontes de García Rodríguez, Cerceda, Xove ou Carballeda de Valdeorras. A renda é elevada, igualmente, en zonas cun sector agrario ou gandeiro máis desenvolvido. Pola contra, os datos son moi inferiores en concellos rurais e de zonas montañosas. Por exemplo, no interior da provincia de Pontevedra ou no sur da provincia de Ourense.
A renda media sitúase en Galicia nos 14.019 euros por persoa e ano, pero tan só 168 seccións sitúanse por riba dese dato. Iso si, algunhas zonas están moi por riba, con 19 seccións por riba de 20.000 euros de media, todas nos concellos da Coruña, Oleiros, Vigo e Compostela.
1.013 seccións censuais (case a metade do total) teñen menos de 10.000 euros de renda por persoa e ano. Entre elas, 51 teñen menos de 8.000 euros anuais por persoa.
319 seccións censuais superan o 40% de residentes que perciben unha pensión
Os datos do INE ofrecen tamén información sobre á porcentaxe de poboación que en cada sección recibe os seus ingresos a través do pagamento dun salario, que porcentaxe é pensionista e que proporción percibe unha prestación de desemprego. O mapa sobre a porcentaxe de pensionista está moi ligado á idade media de cada lugar e á proporción de poboación por riba dos 65 anos.
En consecuencia, as zonas rurais e máis envellecidas son as que presentan unha maior porcentaxe de pensionistas, con 319 seccións censuais que superan o 40% de residentes que perciben unha pensión. Pola contra, un total de 29 seccións presentan unha porcentaxe de pensionistas inferior ao 10%. Nomeadamente na Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo, Ames, Santiago, Teo, Brión, Vigo ou Salceda de Caselas.
Seccións de Meis, Carballo, Ourense, Meaño, Pazos de Borbén, O Grove e Redondela son as que presentaban no ano 2016 unha maior porcentaxe de poboación cobrando unha prestación de desemprego, por riba do 5%.
O sur de Galicia presenta maiores proporcións de poboación pobre
Finalmente, os datos amosan tamén aquelas zonas que rexistran máis pobreza, expresada na porcentaxe de poboación que ingresa menos de 7.500 euros anuais por unidade de consumo. O mapa indica que o sur de Galicia presenta maiores proporcións de poboación pobre, sobre todo no interior da provincia de Pontevedra e no sur da de Ourense. O mesmo sucede nalgúns concellos do eixo central, como Agolada, Toques, Vila de Cruces ou Monterroso, e tamén na Costa da Morte.
As seccións cunha maior porcentaxe de poboación con baixos ingresos, por riba do 40% dos residentes, sitúanse nos concellos de Avión, Ribeira, Ferrol, Carballo, Boborás, Maside, A Lama ou O Porriño.