A fenda de ingresos entre barrios supera os 16.000 euros na Coruña e os 10.000 en Vigo

© Porto da Coruña / Turismo de Vigo

As estatísticas da Axencia Tributaria permiten coñecer, cunha ampla serie, a evolución do ingresos da poboación e os seus salarios a partir das declaracións da renda tanto en cifras globais para todo o Estado como por comunidades autónomas. A estes datos habituais vén de engadir unha nova serie estatística para os grandes municipios, que permite coñecer as diferenzas de rendas entre barrios dalgunhas das principais cidades. Nomeadamente, dos que teñan máis de 200.000 habitantes, máis de 100.000 declaracións da renda ou máis de 2.200 millóns de euros de renda bruta agregada -factores que, aclara, adoitan ser "simultáneos"-.

Segundo os datos de Facenda a renda media máis alta entre os barrios da Coruña e Vigo sitúase na área coruñesa de Juan Flórez, o 15004, cuns 35.400 euros anuais

No caso galego estes criterios cúmprense só nas dúas cidades máis poboadas do país, Vigo e A Coruña, e en ambas os datos reflicten amplas fendas entre os barrios con máis renda e aqueles nos que a veciñanza conta con menores ingresos. Tomando como referencia os códigos postais a Axencia Tributaria detecta que no último ano do período analizado (2013-2016) o barrio máis 'rico' das dúas principais cidades galegas era a contorna de Juan Flórez, na Coruña. 

No 15004 coruñés a renda media dispoñible por persoa era en 2016 de 35.438 euros, segundo os datos das declaracións da renda. Son case 17.000 euros máis que a renda dispoñible no barrio con menores ingresos, a área da Agra do Orzán e o Ventorrillo, onde a renda media dispoñible rolda os 18.600 euros, indica a estatística. Por baixo destas liñas pódese observar a situación sobre o mapa de cada zona analizada e, no cadro posterior, buscar os datos de cada barrio por nome ou código postal.

Vigo: 28.000 euros no centro, menos de 20.000 nos arrabaldes

Os 28.000 euros anuais de renda media dispoñible na contorna do Areal contrastan cos menos de 17.700 en Valadares

As diferenzas tamén son notables en Vigo, aínda que menos pronunciadas que na Coruña, segundo Facenda. Atendendo á estatística da Axencia Tributaria no ano 2016 o barrio vigués con máis renda media por persoa era o centro da cidade e a zona do Areal, con máis de 28.000 euros, seguido do Castro, con algo menos de 26.000.

Na banda contraria están algúns barrios periféricos da cidade e lindeiros con contornas rurais, como Cabral, Labradores ou Teis, todos eles por baixo dos 20.000 euros dispoñibles ao ano. A renda media dispoñible máis baixa rexístrase en Valadares, con 17.677 euros en 2016, o que supón unha diferenza superior aos 10.400 euros anuais con relación ao barrio máis 'rico' da cidade. Esta é a súa distribución sobre o mapa situado por riba da táboa interactiva, na que é posible consultar os datos por código postal ou nome.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.