20 anos de cadea e 140 millóns de multa por delitos fiscais para un ex-alto cargo de Feijóo e Rueda

Norberto Uzal nunha imaxe como director xeral de Administración Local da Xunta entre 2009 e 2013 CC-BY-SA Xunta

A Audiencia Nacional fixo pública este luns unha sentenza na que condena unha trama de fraude de IVE en combustibles arredor da empresa Hafesa Energía. O número 2 ou director executivo desa empresa, Norberto Uzal, que foi director xeral de Administración Local da Xunta entre 2009 e 2013, recibiu condenas que suman preto de 20 anos de cadea e multas por 140 millóns de euros. 

Condena da Audiencia Nacional a Norberto Uzal CC-BY-SA Praza Pública

Norberto Uzal, director xeral de Administración Local na Xunta entre 2009 e 2013 e antes candidato da Falange, é condenado pola Audiencia Nacional xunto a outras 13 persoas por organización criminal arredor da empresa Hafesa Energía

José Norberto Uzal chegou á Xunta como director xeral no primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo e sendo conselleiro de Presidencia -área da que dependía Administración Local- o actual presidente, Alfonso Rueda. Foi un nomeamento polémico polo seu pasado político, pois Uzal formou parte da Falange e concorreu ás eleccións ao Parlamento Europeo de 1994 na candidatura de Falange Española Independiente

Uzal abandonou a Xunta en 2013 alegando motivos persoais despois de aparecer ligado a un caso xudicial no concello de Palas de Rei, do que resultou absolto.

No caso agora sentenciado pola Audiencia Nacional o tribunal considera probada a existencia dunha trama que defraudou 154 millóns de euros de IVE entre 2016 e 2019. A sentenza condena á empresa Hafesa Energía e a 14 persoas, entre elas Uzal. El é condenado a tres anos de cadea por pertenza a organización criminal, seis meses por branqueo de capitais e dous anos "por cada un dos delitos" contra a Facenda Pública que o tribunal considera probados en empresas e exercicios fiscais distintos, que son un total de oito, o que suma outros 16 anos. Ademais imponlle multas por todos eses delitos que suman uns 140 millóns de euros. 

Sede da Audiencia Nacional © CGPJ

O ex-director xeral, que foi relevado en 2013 polo actual voceiro do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago, rematou a súa andaina política en Galicia con desencontros no propio Partido Popular e críticas a Rueda. Tras o seu cargo na Xunta fora asesor do Concello de Santa Comba e concelleiro do PP en Rianxo de 2015 a 2016.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.