A Audiencia Nacional propón xulgar por organización criminal a un ex-director xeral da Xunta que fora candidato da Falange

José Norberto Uzal, na súa etapa como director xeral de Administración Local da Xunta (2009-13) CC-BY-SA Xunta

O antigo director xeral de Administración Local está acusado polo xuíz de pertencer, xunto a unha vintena de persoas, a unha organización criminal que cometeu unha fraude fiscal por máis de 154 millóns 

A Audiencia Nacional propón xulgar a José Norberto Uzal Tresandi, ex-director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, xunto a unha vintena de persoas por delitos de organización criminal, branqueo de capitais e catro delitos contra a Facenda Pública. Todos, presuntamente cometidos na súa actividade empresarial, allea ao Goberno galego.

O xuíz José Luis Calama ditou un auto, cuxo contido feito público pola Audiencia Nacional, onde propón xulgar unha organización criminal constituída ao redor da empresa Hafesa Energía. No período comprendido entre 2016 e 2019 cometería supostamente unha fraude fiscal en concepto de IVE de hidrocarburos superior aos 154 millóns de euros.

Edificio da Audiencia Nacional en Madrid © Poder Xudicial

O maxistrado, que pon fin á instrución do caso, pide xulgar o presunto xefe da trama, o presidente do Grupo Hafesa, Alejandro Hamlyn, o director xeral da mercantil e o seu "lugartenente", o vigués José Norberto Uzal, así como a outra vintena de persoas. Considera acreditada a existencia dunha organización constituída ao redor de Hafesa Energía, ″que exerce a súa actividade no sector de hidrocarburos, dirixida polo seu presidente e socio único, Alejandro H., que valéndose do apoio do director xeral, José N. U., e a través do resto de procesados na presente causa, situados noutros niveis inferiores, deseñou, implementou, dirixiu e ordenou, de forma opaca, tanto unha operativa de fraude fiscal como de branqueo de capitais, servíndose para iso dunha estrutura de sociedades mercantís″.

José Norberto Uzal entrou na Xunta en 2009 despois de concorrer ás eleccións europeas pola Falange

José Norberto Uzal chegou á Xunta da man do actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, no ano 2009 como director xeral de Administración Local. Un nomeamento polémico polo seu pasado político, pois formou parte da Falange e concorreu ás eleccións ao Parlamento Europeo de 1994 na candidatura de Falange Española Independiente. Uzal abandonou a Xunta en 2013 alegando motivos persoais despois de aparecer ligado a un caso xudicial no concello de Palas de Rei, do que resultou absolto.

O xuíz da Audiencia Nacional afirma na súa resolución que a partir de Hafesa Enerxía crearon toda unha rede de sociedades mercantís que, carecendo de estrutura económica real, ″son cascas baleiras, operan como meros satélites″ da empresa ″cuxo único propósito é servir de instrumento para levar a efecto unha fraude no Imposto de Valor Engadido que grava o comercio de hidrocarburos, interpoñéndoas entre a súa posición e o consumidor final, utilizando a cantidade correspondente á falta de pagamento do imposto como marxe comercial da sociedade instrumental″.

José Norberto Uzal foi director xeral da Xunta de 2009 a 2013 CC-BY-SA Xunta

O auto xudicial sinala que a través desas sociedades instrumentais levaron a cabo un branqueo de capitais por un total de 46,5 millóns de euros, dos cales identificaron a finalidade última de case 30 millóns. Os principais destinos aos que a organización criminal dedicou esta cantidade son a compra de criptomoedas (5,37 millóns), transferencias ao estranxeiro (5,37 millóns) ou a compra da operadora Sanvez (5,67 millóns).

O ex-director xeral, que foi relevado en 2013 polo actual deputado no Parlamento de Galicia Alberto Pazos Couñago, rematou a súa andaina política en Galicia con desencontros no propio Partido Popular. Tras o seu cargo na Xunta fora asesor do concello de Santa Comba e concelleiro do PP en Rianxo de 2015 a 2016.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.