Concellos de Valdeorras e ADEGA lanzan unha acción de voluntariado para restaurar áreas incendiadas

Presentación da acción de voluntariado, este xoves © ADEGA

ADEGA mobilizará esta fin de semana máis de 70 voluntarios e voluntarias para realizar labores de control de erosión e freo de escorrentías nos montes de Valdeorras, coa colaboración dos concellos da Rúa, Petín, O Barco, O Bolo e Vilamartín

ADEGA mobilizará esta fin de semana máis de 70 voluntarios e voluntarias para realizar labores de control de erosión e freo de escorrentías nos montes de Valdeorras, coa colaboración dos concellos da Rúa, Petín, O Barco, O Bolo e Vilamartín. A acción foi presentada este xoves pola mañá en rolda de prensa polo secretario xeral da entidade, Froilán Pallín, xunto con representantes dos concellos participantes.

A acción, que comezará o venres pola tarde e se estenderá o vindeiro domingo, reúne persoas chegadas de toda Galicia, que se dividirán en cinco grupos. O obxectivo é axudar aos concellos de Valdeorras que foron gravemente afectados pola vaga de lume nos labores de restauración hidrolóxica e ambiental das terras queimadas, con especial atención á preservación das traídas e captacións de auga de abastecemento das poboacións, que se poderían ver gravemente afectadas en caso de arrastres de cinza por efecto das fortes chuvias. 

Serra do Eixo e Trevinca tras os incendios do pasado agosto de 2025, nunha fotografía de Pedro Armestre para Greenpeace © Pedro Armestre / Greenpeace

A acción busca poñer en valor o papel do voluntariado ambiental, "non como man de obra puntual, barata ou estética, senón como axente necesario e fundamental en todo o proceso da restauración hidrolóxica e ecolóxica das zonas calcinadas do país".

Técnicas de ADEGA, co asesoramento de especialistas en restauración ambiental, visitaron e avaliaron previamente todos os espazos de intervención, para adaptar as accións a desenvolver a cada un. A entidade busca poñer en valor o papel do voluntariado ambiental, "non como man de obra puntual, barata ou estética, senón como axente necesario e fundamental en todo o proceso da restauración hidrolóxica e ecolóxica das zonas calcinadas do país".

O voluntariado de ADEGA tamén actuará nos espazos naturais protexidos, esta fin de semana en Pena Trevinca, e no Teixadal de Casaio en vindeiras datas, á agarda da autorización da Xunta.

ADEGA insta a Xunta, as confederacións e as deputacións privinciais a promover un voluntariado galego para a restauración hidrolóxica e ambiental das zonas queimadas que teña un carácter único e integrado e que sexa permanente ao longo do ano

ADEGA insta a Xunta, as confederacións e as deputacións privinciais a promover un voluntariado galego para a restauración hidrolóxica e ambiental das zonas queimadas que teña un carácter único e integrado, que implique a todos os axentes sociais e que sexa permanente ao longo do ano.

Froilán Pallín reclamou que as administracións “asuman as súas competencias e responsabilidades e colaboren de forma coordinada na resolución dos gravísimos problemas sociais, económicos e ambientais que os incendios forestais deixaron tras de si”.

Monte queimado en Seadur, Larouco, tras os incendios de agosto de 2025 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O voluntariado de ADEGA tamén actuará nos espazos naturais protexidos, esta fin de semana en Pena Trevinca, e no Teixadal de Casaio en vindeiras datas, á agarda da autorización da Xunta

Os cinco concellos de Valdeorras que colaboran nesta acción simultánea dotarán ao voluntariado de ADEGA do material necesario, da manutención e aloxamento nos seus equipamentos municipiais. Cada campo de voluntariado estará conformado de 10 a 15 persoas voluntarias, que serán coordinadas por dúas persoas técnicas de ADEGA, unha que dirixirá os traballos de campo, e outra que atenderá ás cuestións loxísticas.

ADEGA foi pioneira na organización e xestión de voluntariado galego en defensa dos montes tras os lumes forestais, impulsando o primeiro programa destas características tras a vaga de incendios de 2006, co apoio do goberno da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.