37.819 hectáreas de terreo queimáronse nos espazos da Rede Natura 2000. No que levamos de século, tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos (10.949 ha) aproximouse, aínda que de lonxe, á deste ano
A vaga de incendios sufrida por Galicia este mes de agosto sitúa o ano 2025 como o segundo con máis superficie queimada dende que hai rexistros, con entre 120.000 e 145.000 hectáreas, só por detrás dos datos de 1989 (199.000 hectáreas). Este ano é xa, en todo caso, o peor do que levamos de século, con cifras superiores ás de 2006 ou 2017. E tamén o é no que atinxe á afección dos incendios aos espazos protexidos.
Datos solicitados por ADEGA ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), cifran en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que supón o 26% de todo o queimado ata o de agora este ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos (10.949 ha) aproximouse, aínda que de lonxe, á deste ano. O queimado en apenas tres semanas de agosto achégase á superficie arrasada entre 2014 e 2023.
O 11% da superficie dos espazos naturais protexidos (tomando en consideración unicamente a superficie terrestre) foi arrasada polo lume este mes de agosto. Os datos mesmo poderían incrementarse se toman en consideración as 8.841 hectáreas queimadas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluidas na Estratexia de infraestrutura verde, como a Serra de Vilamartín, que ardeu por completo (o 99,8%), Pena Corneira (61,5%) ou Videferre (40,9%).

"Actualmente non se coñecen datos oficiais das afeccións dos lumes durante este ano á Rede Natura galega, nin tampouco cal é o plan da Xunta (se é que existe) para a recuperación", denuncia Adega
A organización ecoloxista galega presentou este martes en rolda de prensa os datos da súa análise, denunciando en primeiro lugar que sexa unha entidade non gobernamental "e non a administración" a que ofreza datos "sobre a incidencia real dos incendios nestes espazos protexidos, as xoias do patrimonio natural galego".
"A opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural durante esta vaga de lumes foi parella ao seu desleixo e inoperancia", subliña ADEGA, a través de Fins Eirexas, secretario técnico, e de Belén Rodríguez, secretaria executiva.
"A opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural durante esta vaga de lumes foi parella ao seu desleixo e inoperancia", subliña a entidade
A entidade alerta de que "actualmente non se coñecen datos oficiais das afeccións dos lumes durante este ano á Rede Natura galega, nin tampouco cal é o plan da Xunta (se é que existe) para a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade".
"Resulta difícil de entender que, a sabendas do dano exercido polos lumes sobre os espazos naturais protexidos, a Consellaría de Medio Ambiente aínda non teña disposto ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais", critica, engadindo que o Goberno galego "só outorga axudas para os tecores e para a recuperación de infraestruturas".
O 56,8% do Bidueiral de Montederramo foi arrasado polo lume, o mesmo que o 52,4% do Macizo Central ou o 20,3% do espazo protexido de Pena Trevinca
ADEGA critica as declaracións públicas realizadas polo presidente da Xunta, que destacou que “arderon pedras e mato” e da conselleira de Medio Ambiente, que relacionou os incendios coa presenza de lobos. A entidade sinala que estas intervencións "son exemplo dunha preocupante ignorancia e dun “trumpismo ambiental” inaceptábel nuns responsábeis públicos".
A organización ecoloxista pide a posta en marcha de medidas urxentes de protección, restauración e rexeneración nos espazos naturais afectados polo lume, especialmente prioritarias en espazos naturais protexidos, para mitigar a perda de biodiversidade e a afectación do solo. Así mesmo, demanda a recuperación da figura do voluntariado en defensa do monte galego. Igualmente, reclama a publicación do mapa de riscos asociados aos recentes lumes forestais no que se concreten as zonas sensibles de erosión, a afección sobre os cursos e recursos hídricos, forestais e pesqueiros e infraestruturas.
Os datos mesmo poderían incrementarse se toman en consideración as 8.841 hectáreas queimadas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluidas na Estratexia de infraestrutura verde, como a Serra de Vilamartín
A entidade destaca que os espazos protexidos arderon máis que o resto do territorio galego, pois mentres que o lume arrasou o 4,9% do conxunto do territorio de Galicia, nos espazos da Rede Natura 2000 a porcentaxe se elevou ao 10,8%.
Particularmente importante foi a incidencia dos lumes nos espazos protexidos da provincia de Ourense. Así, os datos do EFFIS sinalan que en apenas unha semana de agosto, queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra; para un total de 31.837 hectáreas. E en Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 ha, o 5,2% da súa superficie.