A conselleira de Medio Ambiente relaciona lobos e incendios

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita o 6 de setembro a unha zona queimada polos incendios deste 2025 CC-BY-SA Xunta

Ángeles Vázquez critica que non se poida facer "xestión do lobo" porque esta especie mata animais que axudan a manter os montes limpos fronte o lume

Os cabalos, vacas e ovellas soltos nos montes axudan a limpalos e protexelos fronte aos incendios pero os lobos que se alimentan deles contrarrestan ese efecto. Esa foi a mensaxe que lanzou este mércores no Parlamento de Galicia a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Foi no marco dunha interpelación do BNG á conselleira sobre o impacto da vaga de incendios na biodiversidade e nos espazos naturais protexidos cando Vázquez relacionou lobos e lumes forestais. Tras pedirlle o deputado do BNG Luis Bará "decencia" na súa xestión ambiental e dos incendios, a conselleira replicoulle dicindo que "decencia" é pedir medidas ao Goberno de España ou "decencia" é traballar todos xuntos cada un coas súas competencias. 

Nesa enumeración do que para ela é "decencia" Vázquez engadiu esta argumentación: "Decencia é que non se diga unha cousa e despois a contraria. Porque agora falamos de silvicultura, pero tamén falamos de pastoreo, pero fíxense que vostedes son os primeiros que queren que haxa pastores, pero despois que non se poida facer absolutamente xestión do lobo. Esa é a realidade. E sabe vostede cantas reses levan mortas este ano? 3.225. E sabe cantos cabalos? Aqueles que din que son as desbrozadoras naturais? 582. E sabe vostede cantas ovellas? 1.300. Pero vostedes seguen anquilosados e entón aquí digo unha cousa, onde gobernan din a contraria e polo tanto falamos de pastoreo pero resulta que do demais non".

A axenda política da conselleira de Medio Ambiente caracterízase polo seu apoio á caza e a súa defensa do control poboacional do lobo, malia ser unha especie en perigo que segundo o seu propio departamento non está a medrar en Galicia senón que se mantén "estable".

A conselleira de Medio Ambiente o 23 de agosto nun terreo queimado en Dozón no que prometeu axudas para cazadores acompañada de Tomás Fernández-Couto, subdirector de Espazos Naturais e durante 20 anos responsable da loita contra incendios CC-BY-SA Xunta

A conselleira cifra en 3.225 as reses mortas por lobos no que vai de ano e 582 os cabalos, "desbrozadoras naturais" fronte aos incendios

Na recente crise de incendios o primeiro acto oficial da conselleira de Medio Ambiente por esa cuestión foi o 23 de agosto, dúas semanas despois de comezada a vaga, e centrouno en prometer axudas aos cazadores. Antes o seu departamento demorara seis días a prohibición de cazar en Ourense despois de que a Xunta declarase a emerxencia polos incendios en toda a provincia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.