O Defensor del Pueblo pide aos gobernos xestionar mellor o lobo en lugar de matalo

Un exemplar de lobo ibérico CC-BY 3Dinaani

Considera que a especie cumpre "unha función insubstituíble" e lembra que "da saúde dos ecosistemas" depende "a vida na Terra, tamén a dos seres humanos e a cabana gandeira"

O Defensor del Pueblo vén presentar o seu informe anual correspondente a 2025 no que pon o foco, entre outras cuestións, na desprotección legal do lobo como especie en perigo que están a impulsar en todo o Estado partidos da dereita e en Galicia a Xunta. Ante estes feitos o Defensor xa presentou un recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional e agora, no seu balance anual, pide a todas as administracións que melloren as súas políticas de xestión do lobo, con máis axudas aos gandeiros, en lugar de facilitar a súa caza porque, lembra, cumpre "unha función insubstituíble" para a "saúde dos ecosistemas" da que depende "a existencia da vida na Terra, tamén a dos seres humanos e a dos animais domesticados que constitúen a cabana gandeira". 

Presentación este martes do informe anual do Defensor del Pueblo de 2025 © Defensor del Pueblo

O lobo foi desprotexido hai un ano a través dunha emenda introducida a última hora nunha lei contra o desperdicio alimentario que saíu adiante co apoio de PP, Vox, Junts e PNV. A medida permitiu reactivar a súa caza, aínda que en Galicia esta posibilidade vén sendo paralizada de xeito cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ademais, o Defensor del Pueblo presentou un recurso de inconstitucionalidade contra dita reforma legal lembrando que o artigo 45 da Constitución reclama facer compatibles "a actividade económica coa protección do medio ambiente".

O Defensor del Pueblo di que ese recurso ao Constitucional "non supón unha toma de posición desta institución sobre o estatuto de protección que debe recibir o lobo en España, cuestión que debe basearse nos estudos e criterios científicos pertinentes e no principio de precaución". Pero si considera "oportuno insistir" en que é posible defender á vez os intereses do sector gandeiro e da especie en perigo.

"Non pode olvidarse que o lobo é un dos maiores sinais de identidade da natureza ibérica" e "un dos poucos grandes depredadores que existen" cun "papel ecolóxico clave". "Como depredador cumpre unha función insubstituíble, reguladora do equilibrio natural", explica o Defensor del Pueblo, que conclúe que "da saúde dos ecosistemas depende, á fin e ao cabo, a existencia da vida na Terra, tamén a dos seres humanos e a dos animais domesticados que constitúen a cabana gandeira". 

Un exemplar de lobo ibérico CC-BY-NC Fondo Lobo

O Defensor pide ás administracións que prioricen "a prevención e indemnización dos danos que causan, en lugar da eliminación física dos seus exemplares"

Por iso o Defensor demanda ás administracións que prioricen "a prevención e indemnización dos danos que causan, en lugar da eliminación física dos seus exemplares". Nesa liña pide "compensacións xustas e rápidas", "sen incorrer nos prazos de hoxe en día e que non son admisibles". Tamén pide que cubran "a suma dos gastos xerados polos ataques, e non só o mero valor do animal morto ou ferido" e que se actualicen eses valores "axustando á realidade os baremos existentes, así como reducir a complexidade do proceso de verificación de ataques, e aumentar a súa eficiencia".

Outras actuacións en 2025

O informe anual do Defensor recolle outras críticas á Xunta por actuacións en materia de dependencia, violencia de xénero ou acoso escolar

O informe anual do Valedor do Pobo recolle outras moitas actuacións realizadas pola institución ao longo de 2025, varias delas avanzadas por Praza.gal. Así, durante o pasado ano reclamou, ao igual que Valedora do Pobo sen éxito, que a Xunta indemnice a familias de dependentes mortos antes de cobrar as axudas que lles corresponderían. Tamén revelou o caso dunha vítima de violencia machista á que a Xunta lle retirou a atención psicolóxica en contra do criterio profesional. Ou amosou a súa "preocupación" coa lentitude do Goberno galego na loita contra o acoso escolar.

Resolución do Defensor del Pueblo sobre un caso de acoso escolar en Galicia CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.