Cando o solicitante falece Política Social arquiva os casos sen recoñecer o dereito das familias a cobrar polo tempo que demorou o trámite, procedemento que o Defensor del Pueblo pide corrixir
A normativa establece que a Xunta ten un prazo de seis meses para resolver as peticións de prestacións de dependencia e que, se supera ese prazo, unha vez recoñecidas as prestacións concretas estas teñen efecto retroactivo desde aquel prazo máximo. Pero cando o dependente morre superado ese prazo de seis meses sen ter aínda unha prestación concreta, a Consellería de Política Social está a arquivar as solicitudes sen resolver os expedientes.
Agora o Defensor del Pueblo, amparándose en xurisprudencia do Tribunal Supremo, quere que Política Social resolva expresamente eses expedientes e indemnice ás familias dos dependentes falecidos coa prestación que debían ter recibido entre o momento en que superaron os seis meses de espera e o momento do falecemento.
A resolución coa que o Defensor del Pueblo vén de pedir a Política Social que "recoñeza o dereito" dos herdeiros dos dependentes non atendidos a tempo e "promova de oficio o procedemento de responsabilidade patrimonial da Administración" para indemnizalos ten a súa orixe nunha queixa transmitida á Xunta o pasado agosto e aínda non respondida polo Goberno galego. Segundo o Defensor, un dependente solicitou as súas prestación en maio de 2023 e faleceu en maio de 2025, dous anos máis tarde, "sen que a pesar do tempo transcorrido se aprobase o seu Programa Individual de Atención (PIA)". Días despois do falecemento, a Xunta arquivou a súa solicitude.
O Defensor del Pueblo analiza un caso no que o dependente morreu dous anos despois de pedir a prestación sen tela aínda recoñecida, e pide que a Xunta "revise de oficio" todos os casos similares para indemnizalos
A análise que fai o Defensor del Pueblo do ocorrido comeza salientando que as administración teñen "un prazo de seis meses para resolver as solicitudes de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións", dereito que "xerarase desde o transcurso do prazo de seis meses desde a presentación da solicitude". Se o dependente morre antes deses seis meses "non se terá a condición de persoa beneficiaria e non se xerará ningún dereito". Pero se morre tras eses seis meses de prazo máximo para a administración sen que esta ditase a súa resolución o Defensor considera que a lei "recoñécelle un dereito subxectivo a obter a cobertura".
Ese dereito, segundo xurisprudencia do Tribunal Supremo citada polo Defensor del Pueblo, a raíz dunha sentenza de 2024 dun caso similar en Andalucía, agora pode ser estendido aos herdeiros do dependente falecido. "Da conclusión do Programa Individual de Atención (PIA) depende saber o alcance do dano causado [aos herdeiros], ao ter asumido o custe da atención prestada", recolle a resolución do Defensor del Pueblo.
Ante esta situación, a resolución enviada a Política Social comeza lembrando o seu "deber legal que ten de resolver, en tempo e forma, os expedientes relativos á situación de dependencia". E a continuación pide á consellería "que se recoñeza o dereito dos causahabentes [herdeiros] da persoa recoñecida en situación de dependencia, falecida transcorridos máis de seis meses desde que presentou a súa solicitude, a que se continúe o procedemento para concretar o Programa Individual de Atención, como concreción do dereito á prestación que debía percibir ata a súa morte".
A resolución lembra á Xunta o "deber legal que ten de resolver, en tempo e forma, os expedientes relativos á situación de dependencia"
Pero o Defensor del Pueblo non queda só nesa recomendación para o caso da queixa concreta que recibiu senón que pide a Política Social que faga o mesmo en todos os casos similares. Así, pide "que se revisen de oficio as resolucións que declaran finalizados os procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema, e ordenan o arquivo das actuacións a causa do falecemento da persoa interesada, unha vez transcorridos 6 meses desde a solicitude, sen ditarse resolución recoñecendo unha concreta prestación".
Neses casos o Defensor quere "que se promova de oficio o procedemento de responsabilidade patrimonial [indemnización] da Administración, sempre que non prescribise o dereito á reclamación do interesado".