O Goberno de España nunca cumpriu cun dos preceptos clave da lei de dependencia do ano 2006. A pioneira norma, que aglutinou e acrecentou as prestacións e servizos para a poboación nesta situación, establece que as comunidades autónomas, co groso das competencias en materia de servizos sociais, terían que financiar o novo dereito cunha achega, como mínimo, "igual á da Administración Xeral do Estado".
O Goberno de España nunca cumpriu co financiamento do 50% da atención ás persoas con dependencia que marca a lei
A lexislación deixou claro que a vontade era repartir o esforzo económico do sistema de atención á dependencia en igualdade entre comunidades e Executivo central, ao 50%. Pero, case dúas décadas despois, o certo é que a maior parte dos fondos seguen saíndo dos orzamentos autonómicos. Con este pano de fondo, a Xunta e o PP veñen de adxudicar nos últimos días toda a débeda da dependencia -todos os fondos que o Goberno galego achegou a partir dese 50% legal- ao gabinete de Pedro Sánchez. Obviando, entre outros aspectos, os case 600 millóns de euros que deixou pendentes o Goberno do PP de Mariano Rajoy.
Foi precisamente o Goberno de Rajoy o que introduciu o denominado "certificado anual do gasto en dependencia", que obriga as autonomías a acreditar cada ano ante o Imserso cantos fondos públicos foron parar a esta finalidade. Ese documento está vixente dende 2012, polo que non existen datos comparables para os exercicios previos -os cinco primeiros coa lei en vigor, aínda durante os mandatos do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero- pero si é útil para observar a evolución posterior.
En 2023 a achega estatal para dependencia en Galicia achegouse por primeira vez a menos de dez puntos do limiar legal, con 209 millóns
Actualmente o Imserso ten pechados os certificados de gasto en dependencia dende o devandito 2012 e ata 2023. Foi unha década na que está acreditado o gasto de 4.459 millóns de euros en atención ás persoas dependentes en Galicia e na que só unha vez o Estado se aproximou a menos de dez puntos do devandito 50%. Sucedeu en 2023, no marco do plan de choque lanzado polo Goberno de España tras a pandemia da COVID. Daquela, o 40,69% dos 514,88 millóns destinados á dependencia en Galicia (209,51 millóns) chegaron do Ministerio de Dereitos Sociais e os 305,7 restantes, da Xunta.
Como amosan os gráficos que acompañan esta información, o efecto do plan de choque é obvio a partir de 2021 e mesmo o será tamén nos datos de 2024, cando estean dispoñibles. Segundo o avanzado polo Imserso, no pasado ano achegou á Xunta 221,75 millóns de euros para atender a poboación en situación de dependencia, case 12 máis que o ano previo. Resta coñecer o certificado final para saber se a porcentaxe sobre o total aumentou ou diminuíu.
Case 400 millóns de Sánchez, case 600 de Rajoy
Atendendo aos datos homoxéneos dos certificados de gasto, nos cinco exercicios completos con Pedro Sánchez na Moncloa dos que xa hai información comparable (de 2019 a 2023), para chegar ao 50% de financiamento da dependencia en Galicia o Goberno de España tería que achegar 395,95 millóns de euros máis dos que achegou. Neste período estaría o exercicio con maior fenda -en 2020, o inicio da pandemia, con 108,5 millóns de débeda- e tamén o ano con menor desequilibrio, o 2023, cando a inxección estatal pendente sería de algo menos de 44 millóns.
Nos anos do PP de Rajoy a débeda da dependencia roldou os 575 millóns. Política Social asegura que a cantidade total dende a implantación da lei ascende a 2.500 millóns, reclámalla a Sánchez e responsabiliza a BNG e PSdeG do impagamento
Mentres, na etapa de Rajoy o desequilibrio foi máis constante e o que deixou sen pagar a Galicia para equilibrar a balanza da dependencia ascende a 575,74 millóns, sempre atendendo á información dos certificados de gasto dispoñibles no Imserso. En total, a débeda do Estado con Galicia en materia de dependencia entre 2012 e 2023 ascendería a 981,69 millóns de euros.
A Consellería de Política Social, non obstante, eleva esa débeda a 2.500 millóns de euros. O departamento que dirixe Fabiola García asegura que ese é o montante total pendente dende a implantación da lei (con 2007 como primeiro ano completo) e ata a actualidade. Así o reiterou García este pasado martes a través dunha declaración aos medios de comunicación como resposta a unha información de La Voz de Galicia sobre a demora na reavalación do grao de dependencia que están a sufrir dous irmáns con discapacidade.
Nesa resposta García pon o foco en diversas medidas da Consellería para "valorar a todas as persoas" en situación de dependencia que teñen pendente ese trámite nun prazo de seis meses. Pero tamén en "reclamar a débeda histórica ao Goberno central e ao señor Pedro Sánchez", que cifra en "máis de 2.500 millóns de débeda acumulados".
Fronte aos devanditos datos do Imserso e á espera do balance oficial de 2024, García asegura que a Xunta está "poñendo o 70% da factura da dependencia" fronte a un 30% estatal -o último dato oficial, de 2023, sitúa a achega galega en algo menos do 60%-. A conselleira estende ademais a responsabilidade á nacionalista Ana Pontón e ao socialista José Ramón Gómez Besteiro porque, di, "lamentamos que a oposición non diga nada" e non esixan o pagamento "inmediato" deses 2.500 millóns.