O Estado tenta corrixir de novo a reforma de Costas de Rajoy que facilitou a prórroga a Ence

Complexo industrial de ENCE en Pontevedra, nunha imaxe de arquivo © Greenpeace

Sánchez fixo máis restritivos a lei e o regulamento de costas, pero mentres a primeira reforma foi avalada polo Constitucional, o Supremo anulou por defecto de forma a segunda, que agora volve ser tramitada

Desde 2021 a Comisión Europea investiga a España por impedir a competencia nas concesións de Costas outorgadas para "por exemplo, empresas papeleiras". No foco estaban as reformas da Lei de Costas de 2013 e do seu regulamento de 2014 aprobadas polo Goberno de Mariano Rajoy que facilitaron entre outras a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra ata 2073 sen que o Estado abrise ningún concurso público a máis posibles interesadas.

Tras a investigación europea o Goberno de Pedro Sánchez corrixiu o regulamento de Costas en 2022 para restrinxir as concesións e as súas prórrogas e garantir a competencia, pero en 2024 o Supremo anulou esa corrección por un defecto de tramitación. Agora o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de presentar un novo regulamento de Costas para atender os requirimentos europeos e nel volve reflectir a limitación das concesións, o que xa está a ser criticado pola Xunta.

Construcións de todo tipo no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Ante o procedemento de infracción aberto pola UE contra a reforma de Rajoy da lei e do regulamento de Costas, o Goberno de España corrixiu a lei en 2021 establecendo que as novas restricións ás concesións non afectarían ás xa outorgadas previamente, como a de Ence. Aínda así a Xunta recorreu a lei ante o Tribunal Constitucional, e perdeu. O Constitucional lembroulle que as leis poden mudar e que non hai por que "preservar indefinidamente o réxime xurídico que se establece nun momento histórico dado".

Tras esa corrección da lei, o Goberno corrixiu tamén o regulamento. Pero fíxoo sen abrir antes unha consulta pública previa, un procedemento no que a cidadanía pode facer suxestións normativas antes mesmo de que a administración presente un texto articulado. Ese texto articulado si foi sometido a alegacións, pero o Supremo considerou que tamén era necesaria a consulta pública previa e en 2024 anulou a reforma do regulamento. 

Exposición de motivos do novo regulamento de Costas que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica CC-BY-SA Praza Pública

O ministerio insiste en que as concesións e prórrogas non se outorguen discrecionalmente como a de Ence senón cun "procedemento de selección entre os posibles candidatos" cunha "duración limitada"

Así que o Ministerio para a Transición Ecolóxica reiniciou a tramitación dun novo regulamento de Costas e en febreiro abriu unha consulta pública previa. E agora, apenas 20 días despois de rematar esa consulta, o ministerio vén de someter a exposición pública un texto xa articulado de proxecto de regulamento. Nel insiste, en resposta á investigación europea, en que as concesións sigan "un procedemento de selección entre os posibles candidatos no que se dean todas as garantías de imparcialidade e de transparencia". Tamén en que "estas concesións se concederán por unha duración limitada e adecuada e non darán lugar a un procedemento de renovación automática". 

A Xunta critica que Sánchez "pretende limitar a propiedade privada e a actividade económica no litoral" e "acurtar a duración das concesións", exactamente o que pide a UE

Antes mesmo de facerse público este novo articulado do regulamento de Costas a Xunta xa criticou, obviando que todo parte dun procedemento de infracción da UE, que o ministerio quere "establecer un uso máis restritivo do litoral e das actividades que poden desenvolverse nel", "limitar a propiedade privada" ou "acurtar a duración das concesións". E así o volveu criticar este martes nunha reunión coa patronal, na que certificou que o novo texto "plasma a vontade do Goberno central de limitar a duración das concesións". Exactamente o que pretende o Goberno e o que a Comisión Europea esixe a España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.