Sen que se coñeza aínda o texto da nova normativa, o Goberno galego critica xa que o ministerio "pretende limitar a propiedade privada e a actividade económica no litoral" e "acurtar a duración das concesións", exactamente o que pide a UE
Hai tres anos a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España por impedir a competencia nas concesións litorais, poñendo como exemplo explícito as "empresas papeleiras". A UE puña o foco nas prórrogas de concesións "sen xustificación" e sen libre concorrencia doutras empresas, o que ocorrera uns anos antes cando o Goberno en funcións de Mariano Rajoy prorrogou a concesión a Ence na ría de Pontevedra ata 2073.
Ante ese procedemento de infracción, o Goberno de España vén de iniciar o proceso para reformar o regulamento da Lei de Costas, unha fase moi previa na que aínda non hai ningún texto articulado. Pero este xoves a Xunta, a través da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xa saíu a criticar a reforma ocultando que vén obrigada pola Unión Europea.
O Goberno de España xa impulsara unha reforma do regulamento de Costas para adaptalo ás esixencias europeas, pero foi anulado hai un ano polo Tribunal Supremo porque no comezo da súa tramitación non fora sometido a un trámite de consulta pública previa. Exactamente ese trámite é o que agora vén de dar o Ministerio para a Transición Ecolóxica, informando públicamente de que comeza a elaborar un novo regulamento e abríndose a recibir suxestións antes mesmo de comezar a elaborar ningún borrador de texto articulado. Un paso que por parte da Xunta é criticado como "un documento moi xenérico que non detalla que é exactamente o que se pretende facer".
Sen coñecer aínda ese futuro texto, a Xunta xa critica que o ministerio quere "establecer un uso máis restritivo do litoral e das actividades que poden desenvolverse nel", "limitar a propiedade privada" ou "acurtar a duración das concesións". E efectivamente iso é o que demanda a UE.
A UE puxo o foco nas concesións a "empresas papeleiras" tras a prórroga que obtivo Ence na ría de Pontevedra ata 2073 e a Xunta lamenta que se queira "acurtar a duración"
En contra da visión da Xunta, que vén defendendo prórrogas de todo tipo de concesións no litoral aos seus actuais adxudicatarios, a Comisión Europea critica que a normativa española permite concesións ou prórrogas "sen levar a cabo un procedemento de selección aberto e transparente" e que "tamén permite ampliar a duración de tales concesións por un período de ata 75 anos, unha vez máis sen procedemento de selección algún". Unhas medidas que para a UE infrinxen a Directiva de Servizos que vela polo mercado e a libre competencia.