A parella de Feijóo recorre á xustiza para manter o acceso privado á praia do seu chalé en Moaña

Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña CC-BY Praza Pública

A parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, vén de recorrer á xustiza contra a decisión de Costas do Estado de denegarlle unha concesión de terreo público que lle permitiría manter o acceso privado á praia desde o seu chalé en Moaña. Así o avanzou este venres elDiario.es e confirmou Praza.gal de fontes estatais.

Praza.gal revelou hai un ano que Costas quería recuperar o uso público do terreo, ante o que Cárdenas pediu unha concesión que lle foi denegada en maio, decisión contra a que agora presenta un recurso contencioso-administrativo

Hai case un ano a Dirección Xeral de Costas do Goberno de España iniciou, como avanzou en exclusiva Praza.gal, o proceso para recuperar o uso público dun terreo que permite o acceso directo á praia do Con dende o chalé mercado en Moaña no 2019 por Eva Cárdenas Botas, parella do ex-presidente Feijóo. No marco dese procedemento, Cárdenas solicitou poder acollerse á posibilidade que ofrece a Lei de Costas para outorgar concesións aos anteriores usuarios de terreos públicos por 30 anos.

No seu caso, Cárdenas aspiraba a gozar desa posibilidade durante tres décadas contadas dende que o correspondente deslinde precisou en 2007 que eses 210 metros cadrados, malia estar pechados de xeito conxunto co resto da propiedade privada, son públicos, de dominio público marítimo-terrestre. Isto é, pediu unha concesión ata 2037. Pero Costas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, rexeitou en maio esa solicitude. 

Costas encadrou a súa negativa no feito de que a parcela en cuestión de dominio público non é parte do terreo do chalé. Como desvelara Praza.gal, o anterior propietario nunca gozara de "título concesional ningún" sobre o terreo que dá acceso directo á praia do Con dende a propiedade onde adoita descansar o líder dos populares. Malia esta circunstancia, Cárdenas formulou a solicitude presentándose como "causahabiente do propietario orixinal".

Costas constatou que o anterior propietario non gozaba da concesión que solicitou Cárdenas CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cárdenas pediu a concesión como "causahabiente do propietario orixinal" do chalé que mercou en 2017, pero Costas constatou que o anterior dono non tiña ningunha concesión

Ante a negativa de Costas, Cárdenas podía presentar un recurso administrativo ante o propio ministerio ou directamente acudir á xustiza, que é o que vén de facer ao formular un recurso contencioso-administrativo, que polas competencias en cuestión en materia de Costas debe ser resolto pola Audiencia Nacional. Un proceso xudicial que pode demorar anos a recuperación para uso público dun terreo que todas as partes asumen que é público.

Ante o expediente iniciado hai un ano para recuperar o terreo como parte do dominio público, unha voceira autorizada do ex-presidente respondeu a este xornal que Eva Cárdenas mercou o terreo privado sendo consciente de que o terreo público era tal e asegurou que ese espazo "non o están usando".

Muro permitido "por seguridade" a Feijóo no seu antigo chalé de Moaña que agora a xustiza obriga a retranquear CC-BY-SA Praza Pública

Tras desvelar hai un ano o conflito do chalé de Cárdenas na praia do Con, Praza.gal tamén desvelou hai uns días que Feijóo ocupou "por seguridade" unha vía pública noutro lugar de Moaña co seu anterior chalé

Tras desvelar este conflito arredor do chalé de Cárdenas na praia do Con, Praza.gal tamén revelou en exclusiva o pasado 15 de setembro que Feijóo ocupou "por seguridade" parte dunha vía pública co seu antigo chalé noutro lugar de Moaña, nun monte da parroquia de Meira. Nese caso, un xuíz vén de rexeitar que o novo propietario do inmoble desde 2021 poida manter un muro "excepcional" levantado en 2017 por Feijóo.

Nese caso a Policía Nacional estableceu que para a seguridade do presidente o muro da parcela non podía ter ángulos mortos, o que impedía o seu retranqueo, e o Concello de Moaña cedeu 90 metros cadrados de vía pública mentres Feijóo fose o propietario do chalé.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.