A finais do pasado 2024 a Dirección Xeral de Costas do Goberno de España iniciou, como avanzou en exclusiva Praza.gal, o proceso para recuperar o uso público dun terreo que permite o acceso directo á praia dende o chalé mercado en Moaña no 2019 por Eva Cárdenas Botas, parella do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. No marco dese procedemento, Cárdenas solicitou poder acollerse á posibilidade que ofrece a Lei de Costas para outorgar concesións aos anteriores usuarios de terreos públicos por 30 anos.
No seu caso, Cárdenas aspiraba a gozar desa posibilidade durante tres décadas contadas dende que o correspondente deslinde precisou en 2007 que eses 210 metros cadrados son de dominio público marítimo-terrestre. Isto é, ata 2037. Pero o departamento dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, como adiantou elDiario.es e puido confirmar Praza.gal, vén de rexeitar este mesmo xoves a solicitude da parella do actual presidente do PP, que xa foi notificada da resolución.
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
-
Terreo que forma parte do dominio público marítimo-terrestre malia estar pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas -
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña -
Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa -
Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia -
Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña
Costas encadra a súa resolución no feito de que a parcela de dominio público non é parte do terreo do chalé. Como desvelara Praza.gal, o anterior propietario nunca gozara de "título concesional ningún" sobre o terreo que dá acceso directo á praia do Con dende a propiedade onde adoita descansar o líder dos populares. Malia esta circunstancia, Cárdenas formulou a solicitude presentándose como "causahabiente do propietario orixinal".
Costas encadra a súa resolución no feito de que a parcela de dominio público non é parte do terreo do chalé
No inicio deste proceso Costas constatara "a imposibilidade física de acceder" ao terreo público por mor dun peche construído antes de que Cárdenas mercase a súa propiedade. A porta con pechadura foi renovada cos mesmos acabados que ten actualmente a vivenda.
Ante o expediente para recuperar o terreo como parte do dominio público, unha voceira autorizada do ex-presidente respondeu a este xornal que Eva Cárdenas mercou o terreo privado sendo consciente de que o terreo público era tal e que ese espazo "non o están usando". O cambio da porta foi atribuído pola mesma voceira a que "un vendaval" deteriorou a anterior e, dado que Costas "non a substituía", foi reposta "para protexer o espazo". Agora, contra a resolución negativa de Costas, notificada a Cárdenas este xoves, é posible presentar un recurso de reposición no prazo dun mes ou ante a vía xudicial.