A parella de Feijóo pide unha concesión ata 2037 do acceso á praia do seu chalé en Moaña

A parella de Feijóo pide unha concesión ata 2037 do acceso á praia do seu chalé en Moaña CC-BY-SA Praza Pública

Costas ratifica que o terreo é público pero a lei permite que os anteriores usuarios pidan concesións por 30 anos desde o momento de aprobación do deslinde marítimo-terrestre, que nesa zona de Moaña foi en 2007

A parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva María Cárdenas Botas, vén de pedir unha concesión ata 2037 do terreo público que permite un acceso directo á praia desde o seu chalé de Moaña, no que adoita descansar o ex-presidente da Xunta e líder do PP. Unha petición que formula no marco dun procedemento iniciado en novembro pola Dirección Xeral da Costa, avanzado en exclusiva por Praza.gal, para recuperar para uso público ese espazo, pechado na práctica de xeito conxunto coa propiedade privada anexa que Cárdenas mercou en 2019. 

Plano do expediente exposto ao público por Costas co terreo para o que Cárdenas pide a concesión, entre a praia e o seu chalé en Moaña © Dirección Xeral da Costa

O terreo en cuestión, duns 210 metros cadrados, foi declarado dominio público marítimo-terrestre no deslinde aprobado nesa zona de Moaña o 17 de xullo de 2007. Porén, a Lei de Costas contempla a posibilidade de que o Estado outorgue concesións por 30 anos aos anteriores usuarios de terreos que se declaren dominio público. E iso é o que solicita agora Cárdenas, como "actual titular" da finca anexa, que mercou en 2019, e presentándose como "causahabiente do propietario orixinal". Esa concesión por 30 anos desde o momento do deslinde en 2007 estenderíase "ata o 17 de xullo de 2037", segundo a súa petición, que propón recibila "respectando os usos e aproveitamentos existentes".

Costas constatara "a imposibilidade física de acceder a unha porción de aproximadamente 210 metros cadrados de terreos de dominio público marítimo-terrestre (PDMT), na contorna da praia de O Con, no termo municipal de Moaña". "Dito acceso está impedido, ao nordeste, por un muro transversal ao DPMT de bloques de formigón de aproximadamente 5 metros e medio de longo, e ao sur, por un muro de contención que conta cunha porta de acceso pechada".

O peche con muros dese terreo público, unha franxa duns 25 metros de longo por 8 de ancho, que facilita un acceso directo á praia desde o terreo privado de Cárdenas, foi realizado anos antes de que a parella de Feijóo mercase a súa propiedade, pero a porta con pechadura que hai nel foi renovada recentemente cos mesmos acabados que o resto da vivenda. Esa franxa de terreo público así pechada está axardinada con céspede e árbores coidadas, a diferenza do resto do dominio público da zona, e vese en apariencia como unha continuidade do terreo privado.

Entre o espazo público a recuperar, axardinado, e a praia foi colocada unha nova porta con pechadura, pero unha portavoz de Feijóo nega que se empregase como acceso privado

Ante a incoación por parte de Costas do procedemento para recuperar a posesión e o estado coidado que presenta ese terreo pechado conxuntamente coa propiedade de Cárdenas este diario preguntou en novembro a unha portavoz autorizada de Feijóo se o líder popular empregou nalgún momento de xeito privativo ese espazo de dominio público. A resposta oficial foi que Cárdenas adquiriu o terreo privado sendo consciente de que o terreo público era público por máis que pareza parte da mesma propiedade privada, e que ese espazo "non o están usando". 

Tamén se indicou que o cambio da porta que dá acceso a ese espazo público desde a praia non significa que se estea a empregar como acceso particular á praia senón que se fixo porque "un vendaval" deteriorara a anterior porta. "Xa que Costas non a substituía", dixo a portavoz, decidiuse repoñer con cartos privados "para protexer ese espazo". Porén, o peche non se puxo entre ese espazo público e o privado senón entre a praia e o espazo en cuesión.

Fontes de Costas indicaran a Praza.gal, ao iniciarse o procedemento de recuperación posesoria, que nalgún momento sobre o terreo en cuestión puido haber "dereitos transitorios" tras o deslinde marítimo-terrestre, pero que posteriormente "renunciouse a eses dereitos transitorios". "Como constatamos que é dominio público e entendemos que hoxe non hai dereitos transitorios, decídese recuperar a posesión", explicaron. Porén, no proceso de exposición pública o 15 de novembro un representante legal de Cárdenas presentou un escrito solicitando a concesión do terreo ata 2037 "respectando os usos e aproveitamentos existentes".

Expediente de posibles dereitos sobre o terreo público no que Cárdenas pide unha concesión CC-BY-SA Praza Pública

Ante ese escrito, Costas iniciou un expediente de "determinación dos dereitos que puideran corresponder en relación con dito terreo" e deu a Cárdenas un prazo dun mes desde o 31 de xaneiro para que achegase "nova documentación que estime conveniente". Tamén fixou para este pasado luns 10 de febreiro, ás 13 horas, unha visita ao lugar en cuestión para levantar un acta con "como mínimo a superficie ocupada, edificacións, instalacións existentes, infraestruturas, así como os usos e aproveitamentos aos que son destinados" facilitando que Cárdenas acudise "co facultativo que considere adecuado".

E agora, no Boletín Oficial del Estado deste martes, Costas abre un novo proceso de exposición pública para que calquera persoa poida presentar as alegacións que considere ao expediente sobre posibles dereitos de uso dese terreo público.

Costas vén de recuperar a posesión doutros espazos de dominio público en Mollavao (Pontevedra) e na praia de Xan da Garda (Cangas)

Xunto con este terreo de Moaña o servizo provincial de Costas tamén tramitou nos últimos meses outras recuperacións posesorias no litoral pontevedrés, como fixo o pasado 30 de setembro con varias estruturas na praia Xan da Garda, en Cangas, ou o 29 de outubro cun espazo de 167 metros cadrados en Mollavao, no termo municipal de Pontevedra. Durante a exposición pública do segundo caso non houbo alegacións e no primeiro caso só se recibiu unha, fóra do prazo regulamentario, do titular dun predio veciño aceptando a recuperación do dominio público pero suxerindo que se conserve unha rampla de baixada á praia alí existente. Iso levou a Costas a acordar, en resolucións publicadas o 5 de decembro e o 24 de xaneiro, a "recuperación de oficio" deses dous espazos.

Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña CC-BY Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.