O acordo que transfire competencias sobre o litoral dá á Xunta as concesións ordinarias ou os permisos para a temporada de praias, pero omite as concesións compensatorias como a que pide Cárdenas, en liña co establecido polo Constitucional
No que supón a primeira transferencia do Estado a Galicia en 17 anos, o 1 de xullo a Xunta pasará a exercer diversas competencias en materia de xestión do litoral, que non sobre a súa titularidade, que seguirá sendo estatal e pública, como marca a Constitución. Unha xestión que se centra fundamentalmente nas concesións para usos produtivos ou actividades económicas na costa, con intercambio de informes entre Xunta e Estado para aqueles casos nos que unha determinada competencia corresponde á outra administración.
Así se establece no acordo entre Xunta e Estado acadado o pasado 9 de abril en Santiago en presenza do presidente Rueda e do ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres.

A Lei de Costas estatal de 1988 contemplou dous grandes tipos de concesións: as que se poden outorgar en calquera momento para actividades que estean ligadas co litoral, reguladas no artigo 64 da lei, e as compensatorias reguladas nunha disposición transitoria a xeito de indemnización pola expropiación de feito que supuxo e supón nalgúns casos o denominado deslinde marítimo-terrestre. Este é o acto administrativo polo que o Estado traza unha liña que establece ata onde chega o litoral público, con compensacións para quen tivese un terreo que pase a estar delimitado como tal. Esa compensación é unha concesión do terreo por 30 anos desde o momento en que se aprobe o deslinde.
Esa concesión compensatoria, regulada na disposición transitoria primeira da Lei de Costas, é o que solicitou a parella de Feijóo, Eva Cárdenas, para o terreo de 210 metros cadrados que dá acceso directo á praia desde o chalé que mercou en Moaña en 2019 e co que está pechado de xeito conxunto. Alí o deslinde marítimo-terrestre fora aprobado en 2007 e aínda que o anterior propietario non tiña concesión sobre ese terreo agora Cárdenas solicita ese dereito ata 2037 "como causahabiente do propietario orixinal".
Esas concesións compensatorias quedan á marxe da transferencia do Estado á Xunta e non son xestionadas por ningunha das comunidades autónomas que xa tiña competencias sobre o litoral. O pasado setembro o Tribunal Constitucional estableceu unha clara diferenza entre as concesións ordinarias, que si poden ser transferidas ás comunidades, e as compensatorias, que considera "estreitamente vinculadas" á competencia exclusiva do Estado no litoral para "establecer as medidas que garantan a súa integridade física e xurídica e aseguren a súa libre utilización". E así o asume a Xunta.
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
-
Terreo que forma parte do dominio público marítimo-terrestre malia estar pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas -
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña -
Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa -
Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia -
Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña
De feito, o acordo Xunta-Estado nin menciona as concesións compensatorias reguladas pola disposición transitoria da Lei de Costas e só cita as concesións ordinarias reguladas polo artigo 64 desa norma. Así, as "funcións e servizos" que se traspasan a Galicia, segundo o acordo, son as seguintes:
- Outorgamento, xestión, extinción ou vixilancia das "concesións demaniais ás que se refire o artigo 64" da Lei de Costas, necesarias para realizar verteduras, explotacións de acuicultura, "usos especialmente intensos, rendibles ou perigosos", explotacións de recursos mineiros ou enerxéticos, e obras fixas no mar ou instalacións como embarcadoiros que non formen parte dun porto.
- Outorgamento, xestión ou vixilancia de autorizacións de usos de temporada en praias -como os chiringuitos- e no mar territorial -zonas de fondeo ou pantaláns- e autorizacións de ocupación do dominio público con instalacións desmontables ou bens mobles.
- Outorgamento, xestión e vixilancia de autorizacións en zonas de servidume de tránsito.
- Xestión do rexistro de concesións en dominio público marítimo-terrestre en Galicia.
- Planificación, elaboración e aprobación de proxectos, xestión e execución de obras e actuacións que non sexan de interese xeral.
- Emisión de informe previo ao rescate de concesións demaniais "cando, por razóns de interese xeral, sexa competencia da Administración Xeral do Estado o exercicio desta función".
Xunta e Estado intercambiarán informes naqueles casos nos que unha competencia corresponda á outra administración
Na liña desa última función, o acordo establece que Xunta e Estado emitirán informes recíprocos cando a outra administración queira planificar ou construír infraestruturas de transporte ou portuarias. E no que se refire ás concesións reguladas polo artigo 64 a Xunta notificará ao Estado "cada solicitude en tramitación para que, no prazo máximo de dous meses, emita por escrito o seu criterio en relación coa garantía da integridade física e do uso público do dominio público marítimo-terrestre". No caso de discrepancias con eses ou outro tipo de informes recíprocos abriranse períodos de consultas dun mes para tentar acadar un acordo.