O TC estableceu en setembro, ante un recurso de Canarias, que as concesións compensatorias a antigos propietarios non teñen que ver coa ordenación do litoral, que pode ser traspasada ás autonomías, senón coa competencia do Estado sobre o dominio público fixado na Constitución
Concesións na costa como a que vén de pedir en Moaña a parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, seguirán sendo outorgadas polo Estado cando a Xunta asuma a aínda pendente transferencia da xestión sobre o litoral. Así o estableceu o pasado setembro unha sentenza do Tribunal Constitucional ante un recurso de Canarias por un caso que afectaba a unha concesión similar e así o asume o propio Goberno galego, que si poderá outorgar outro tipo de concesións costeiras.
A Lei de Costas estatal de 1988 contemplou dous grandes tipos de concesións: as que se poden outorgar en calquera momento para actividades que estean ligadas co litoral e as compensatorias pola expropiación de feito que supuxo e supón nalgúns casos o denominado deslinde marítimo-terrestre. Este é o acto administrativo polo que o Estado traza unha liña que establece ata onde chega o litoral público, con compensacións para quen tivese un terreo que pase a estar delimitado como tal. Esa compensación é unha concesión do terreo por 30 anos desde o momento en que se aprobe o deslinde.
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
-
Terreo que forma parte do dominio público marítimo-terrestre malia estar pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas -
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña -
Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa -
Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia -
Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña
Esa concesión compensatoria, regulada na disposición transitoria primeira da Lei de Costas, é o que solicita agora Cárdenas para o terreo de 210 metros cadrados que dá acceso directo á praia desde o chalé que mercou en Moaña en 2019 e co que está pechado de xeito conxunto. Alí o deslinde marítimo-terrestre fora aprobado en 2007 e aínda que o anterior propietario non tiña concesión sobre ese terreo agora Cárdenas solicita ese dereito ata 2037 "como causahabiente do propietario orixinal".
A propia Xunta asume que en casos coma este de concesións compensatorias a competencia seguirá sendo estatal mesmo cando obteña a transferencia da xestión do litoral
Esa petición foi formulada despois de que Costas do Estado iniciase en novembro, como revelou en exclusiva Praza.gal, o proceso para recuperar o uso público dese terreo público ao constatar que o seu peche conxunto coa propiedade de Cárdenas impide o acceso. E sucedeu, tamén, cando a Xunta está a piques de recibir do Estado competencias de xestión do litoral -xestión e non titularidade porque a Constitución establece que a costa é pública e estatal-. Pero entre esas competencias non estarán as concesións compensatorias como a que agora pide Cárdenas.
O pasado setembro o Tribunal Constitucional emitiu unha sentenza ante un recurso de Canarias que establece que "o outorgamento e a regulación das concesións" compensatorias polos deslindes marítimo-terrestres "aparecen estreitamente vinculados á facultade lexislativa que compete en exclusiva ao Estado".

Canarias, que ten as competencias de xestión do litoral xa transferidas, como agora vai pasar con Galicia, recorrera ao Constitucional contra unha decisión do Estado sobre unha concesión compensatoria, sobre a que o Goberno insular quería que a decisión fose autonómica. Pero a sentenza do Constitucional diferencia as concesións compensatorias, que mantén en poder do Estado, das ordinarias, que poden ser transferidas ás comunidades.
O Constitucional di que as concesións compensatorias como a que pide Cárdenas están "estreitamente vinculadas á facultade lexislativa que compete en exclusiva ao Estado"
Así, di que "non é sostible a posición do Goberno de Canarias cando equipara as concesións". Porque as compensatorias están "estreitamente vinculadas" á competencia exclusiva do Estado no litoral para "establecer as medidas que garantan a súa integridade física e xurídica e aseguren a súa libre utilización".
Foi por iso, di o Constitucional, que "o Estado, en cumprimento da súa obriga constitucional de adoptar todas as medidas que crea necesarias para preservar as características propias do demanio, impediu a pervivencia de enclaves de propiedade privada na zona marítimo-terrestre". E, evidencia, "compensou pola privación dos mesmos aos seus titulares coa concesión temporal dun dereito de ocupación e aproveitamento, suxeito aos usos e aproveitamentos existentes e chamado a extinguirse como garantía última do deslinde producido unha vez transcorrido o prazo de trinta anos e no seu caso da inicial e posterior prórroga prevista".
Esa competencia estatal "desvincúlase da concesión ex novo de novos usos e aproveitamentos asociados á ordenación do litoral", o outro tipo de concesións que si poden ser responsabilidade das comunidades ás que se transfire a xestión do litoral.
A sentenza tamén sinala como "doutrina constitucional consolidada que os decretos de transferencias [ás comunidades] non atribúen nin recoñecen competencias, senón que traspasan servizos, funcións e institucións". A sentenza tamén recolle, aínda que non fose relevante para a decisión final do Constitucional, que ningunha das comunidades autónomas que xa teñen transferida a xestión do litoral "nunca reclamaron nin exerceron función ningunha (nin de outorgamento nin de modificación, prórroga ou extinción) en relación coas concesións" compensatorias como a que agora pide Cárdenas.
E así o asume a Xunta. Fontes do Goberno galego admiten que en casos coma este de concesións compensatorias a competencia seguirá sendo estatal.