O PPdeG non se pronuncia sobre a concesión que pide a parella de Feijóo a Costas "como unha cidadá máis"

Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña CC-BY Praza Pública

A número 2 do partido, Paula Prado, remítese a "se cumpre a normativa e se fai unha solicitude conforme á lexislación vixente"

A número 2 do PPdeG, a súa secretaria xeral, Paula Prado, foi preguntada este xoves sobre a concesión dun terreo público que vén de pedir á Dirección Xeral da Costa Eva Cárdenas Botas, parella do presidente do PP estatal e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que o seu chalé de Moaña siga tendo acceso directo á praia. A responsable popular eludiu pronunciarse sobre a cuestión pero puxo o foco no dereito que podería ter Cárdenas "como unha cidadá máis". 

Expediente de posibles dereitos sobre o terreo público no que Cárdenas pide unha concesión CC-BY-SA Praza Pública

A Prado preguntáronlle se considera adecuado que a parella de Feijóo se enfronte a Costas, que pretende recuperar ese espazo para uso público, para ter un acceso directo desde o seu chalé á praia. "Eu descoñezo ese expediente administrativo e como unha cidadá máis entendo que se cumpre a normativa e se fai unha solicitude conforme á lexislación vixente pois non teño nada que dicir", foi a resposta de Prado.

Como vén contando Praza.gal, en novembro Costas iniciou o proceso para recuperar o espazo en cuestión, de titularidade pública pero actualmente pechado de xeito conxunto co terreo privado que Cárdenas adquiriu en 2019 e que unha portavoz de Feijóo asegura que "non se está usando". Ante ese movemento de Costas, Cárdenas vén de pedir unha concesión sobre ese terreo ata 2037 amparándose nun suposto dereito preexistente do anterior propietario.

A Lei de Costas contempla a posibilidade de que o Estado outorgue concesións por 30 anos aos anteriores usuarios de terreos que se declaren dominio público, como sucedeu con ese espazo en cuestión cando en 2007 foi aprobado o deslinde marítimo-terrestre. Pero esas concesións deben pedirse ou outorgarse segundo un procedemento regulado que agora Costas analizará se é aplicable ao caso de Cárdenas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.