Rueda garante á parella de Feijóo trato igualitario se a Xunta decide sobre o terreo público que pide en concesión

Terreo entre a praia e a vivenda de Eva Cárdenas para o que esta vén de pedir unha concesión CC-BY-SA Praza Pública

O presidente pide ao Estado maior rapidez na transferencia a Galicia das competencias de Costas e asegura que o seu Goberno analizaría o caso de xeito "que todos sexan tratados por igual, sexan quen sexan"

A concesión dun terreo público en Moaña entre o seu chalé e a praia que vén de pedir a parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, está a ser analizada polo departamento de Costas do Estado porque é quen ten actualmente esa competencia. Pero as competencias sobre o litoral, logo de que así o establecese o Tribunal Constitucional, van pasar en breve a mans da Xunta, que está a negociar co Estado o momento e formas dese traspaso. Á espera de saberse quen decidirá finalmente sobre a concesión pedida por Cárdenas e en que sentido o fai, este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado sobre cal sería a postura do Goberno galego se lle toca decidir a el.

Feijóo e Rueda no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

"O traspaso das competencias vai máis lento do que debería ir, o meu desexo é que poida pecharse canto antes", dixo Rueda, quen pediu esperar a ver "como quedan establecidas as materias" competenciais para saber se ese tipo de concesións serían responsabilidade da Xunta ou se manterían no Estado. 

"Se nos corresponde a nós, todos serán tratados exactamente igual, resolveremos en dereito e de acordo coa normativa", responde Rueda ás preguntas sobre a concesión que pide Eva Cárdenas

"Se nos corresponde a nós, todos serán tratados exactamente igual, resolveremos en dereito e de acordo coa normativa", asegura Rueda ante a pregunta sobre o caso de Cárdenas, cuxa solicitude di descoñecer. Nesa liña, e malia que a petición de Cárdenas é pública, ao igual que a normativa que a rexería, Rueda di que lle fai "gracia" que haxa "quen sen coñecer a solicitude e a normativa presentan unhas alegacións por sistema. Unha crítica que pode estar dirixida de xeito encuberto ao Concello de Moaña ou o PSdeG que xa avanzaron que pedirán que o terreo público teña uso público.

"A nosa postura é aplicar a lei", reiterou Rueda, que garantiu que a Xunta analizaría o caso de xeito "que todos sexan tratados por igual, sexan quen sexan".

O PPdeG pide "axilizar o traspaso"

A pasada semana o PPdeG rexeitou pronunciarse sobre esta mesma cuestión. "Eu descoñezo ese expediente administrativo e como unha cidadá máis entendo que se cumpre a normativa e se fai unha solicitude conforme á lexislación vixente pois non teño nada que dicir", dixo a número 2 do partido en Galicia, Paula Prado. 

"Para os galegos o mar é emprego, riqueza e vida", dixo este luns en Cangas a 'número 2' do PPdeG

Este luns Prado, a poucos quilómetros do lugar en cuestión, nunha visita ao concello de Cangas, insistiu en "axilizar o traspaso" das competencias e que "Galicia necesita xa os medios para desenvolver a súa Lei do litoral". Segundo Prado, "para os galegos o mar é emprego, riqueza e vida”, polo que reclama que "o noso litoral poida ser xestionado desde Galicia e para os galegos”. 

Cargos do PPdeG, entre elas a súa 'número 2', Paula Prado, nunha visita este luns a Cangas para pedir "xa" as competencias sobre o litoral © PPdeG

"Non se pode seguir perdendo o tempo", incidiu, pola "parálise" dun Goberno central "ocupado exclusivamente en tapar a corrupción que envolve ao PSOE e que se estende xa por todo o territorio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.