Moaña quere incluír o terreo público que a parella de Feijóo pide en concesión no miradoiro lindeiro

En primeiro termo, o deteriorado paseo-miradoiro público do Fiunchal e a continuación, pechado por un muro, o terreo tamén público entre a praia e a casa de Cárdenas para o que esta pide agora unha concesión CC-BY-SA Praza Pública

O Concello volveu pedir esta mesma semana unha reunión con Costas para que arranxe o deteriorado paseo marítimo a carón da vivenda de Eva Cárdenas e quere amplialo co terreo ata agora pechado conxuntamente coa súa propiedade

A propiedade e competencia sobre o terreo público que a parella de Feijóo, Eva Cárdenas, vén de pedir en concesión en Moaña é do departamento de Costas do Estado, que será quen decida sobre a súa solicitude. Pero o Concello de Moaña, gobernado polo BNG, está de acordo coa intención inicial de Costas de recuperar a posesión dese espazo público ata agora pechado conxuntamente coa propiedade privada de Cárdenas desde antes de que ela a mercase. 

O goberno local quere incluír ese terreo no lindeiro miradoiro do Fiunchal, un pequeno paseo marítimo cuxo deterioro o mantén pechado desde hai anos e cuxo arranxo vén instando o Concello, que esta mesma semana volveu pedir unha reunión con Costas.

Situación do terreo pedido en concesión por Eva Cárdenas e paseo-miradoiro do Fiunchal, do que é unha continuidade natural, a partir dunha imaxe do visor do dominio público marítimo-terrestre de Costas CC-BY-SA Praza Pública

O proceso para recuperar o uso público do terreo de dominio público marítimo-terrestre ata agora pechado conxuntamente coa propiedade de Cárdenas, á que facilita acceso directo á praia, iniciouno Costas en novembro, como desvelou en exclusiva Praza.gal. Naquel momento, segundo sinala a alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, o Concello non deu ningún paso porque está "de acordo" con esa intención de recuperar para uso público un terreo que é público.

No marco dese expediente de recuperación do terreo por Costas agora Cárdenas vén de pedir unha concesión ata 2037, en aplicación do teórico dereito do anterior propietario da súa vivenda a unha concesión por 30 anos desde o momento en que o deslinde marítimo-terrestre aprobado nesa zona en 2007 estableceu que esa parcela é pública. Ante esta nova situación, para a que Costas vén de abrir un prazo de exposición pública ata o 11 de marzo, agora o goberno local de Moaña estuda "presentar alegacións para que a Costas lle quede claro que ao Concello lle interesa recuperar o dominio público".

"Levamos anos insistíndolle a Costas para que actúe e repare ou refaga o miradoiro do Fiunchal", lembra a alcaldesa de Moaña, Leticia Costas

A carón do terreo en cuestión, duns 210 metros cadrados, e en continuidade natural só interrompida polo muro de peche conxunto coa propiedade privada de Cárdenas, hai un pequeno treito de paseo marítimo público, o denominado miradoiro do Fiunchal. Ese espazo de uso público ten algo máis de 300 metros cadrados pero está pechado por seguridade desde hai anos polo seu deterioro, con desprendementos do seu noiro sobre a praia.

"Temos pedida unha reunión coa dirección xeral [de Costas] polo estado do muro do Fiunchal que presenta problemas moi importantes desde hai anos, témolo pechado e levamos anos insistíndolle a Costas para que actúe e o repare ou o refaga, o que considere", lembra a alcaldesa. 

"Temos pendente unha reunión coa directora xeral, está pedida desde hai uns meses e se volveu reiterar esta mesma semana", salienta Santos, que di que "por parte do Concello estamos facendo todos os pasos para pedirlle á Admnistración competente no dominio publico marítimo-terrestre, neste caso Costas do Estado, que actúe. Para nós tamén sería importante que a esa zona do mirador do Fiunchal se puidese unir esa zona de dominio que agora está nun expediente de recuperación posesoria e á súa vez que a propietaria lindeira parece querer solicitar dereitos de uso sobre esa franxa de terreo que está en dominio público".

Unha portavoz de Feijóo asegurou en novembro que o terreo pechado de xeito conxunto coa vivenda "non o están usando" e que repuxeron nel unha porta de acceso á praia "xa que Costas non a substituía" e "para protexer ese espazo"

Ante a incoación por parte de Costas do procedemento para recuperar a posesión e á vista do estado coidado que presenta o terreo pechado conxuntamente coa propiedade de Cárdenas en contraposición co deterioro do espazo público lindeiro este diario preguntou en novembro a unha portavoz autorizada de Feijóo se o líder popular empregou nalgún momento de xeito privativo ese espazo de dominio público. A resposta oficial foi que Cárdenas adquiriu o terreo privado sendo consciente de que o terreo público era público por máis que pareza parte da mesma propiedade privada, e que ese espazo "non o están usando". 

Terreo para o que Cárdenas pide unha concesión, pechado cunha porta reposta por ela, e arriba á dereita muro de bloques que o separa do lindeiro paseo-miradoiro do Fiunchal CC-BY-SA Praza Pública

Tamén se indicou que o cambio da porta que dá acceso a ese espazo público desde a praia non significa que se estea a empregar como acceso particular á praia senón que se fixo porque "un vendaval" deteriorara a anterior porta. "Xa que Costas non a substituía", dixo a portavoz, decidiuse repoñer con cartos privados "para protexer ese espazo". Porén, o peche non se puxo entre ese espazo público e o privado senón entre a praia e o espazo en cuestión.

Reaccións de PP e PSOE

Este xoves, ante a petición de Cárdenas dunha concesión dese terreo, o PPdeG rexeitou pronunciarse. "Eu descoñezo ese expediente administrativo e como unha cidadá máis entendo que se cumpre a normativa e se fai unha solicitude conforme á lexislación vixente pois non teño nada que dicir", dixo a número 2 do partido en Galicia, Paula Prado.

O ministro Óscar López pide a Feijóo "que se preocupe menos polo seu acceso á praia na súa casa" e que "aplique a Lei de Vivenda" e o PSdeG anuncia alegacións en contra da concesión

E este venres foi o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, quen desde A Coruña pediu a Feijóo "que se preocupe menos polo seu acceso á praia na súa casa" e que "aplique a Lei de Vivenda", en referencia á negativa das comunidades gobernadas polo PP a aplicar as restricións aos prezos dos alugueiros contempladas na normativa estatal. 

Ao tempo, o PSdeG anunciou que presentará alegacións para pedir a Costas que non outorgue a concesión de "un dominio público que obviamente non é dela e non merece ser dela".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.