Os socialistas piden ao líder popular que se preocupe máis pola aplicación da Lei de Vivenda para rebaixar os prezos dos alugueiros e "menos do acceso privado do seu chalé á praia"
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, anunciou este venres que a súa formación presentará alegacións en contra da petición que vén de formular a parella de Feijóo, Eva Cárdenas, para obter unha concesión de Costas do terreo que dá acceso directo á praia desde o seu chalé de Moaña. Torrado amosou o rexeitamento da súa formación a que Costas, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España, poida outorgar esa concesión de "un dominio público que obviamente non é dela e non merece ser dela".
En liña coas manifestacións de Torrado pronunciouse tamén este venres na Coruña o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, quen pediu a Feijóo "que se preocupe menos polo seu acceso á praia na súa casa" e que "aplique a Lei de Vivenda", en referencia á negativa das comunidades gobernadas polo PP a aplicar as restricións aos prezos dos alugueiros contempladas na normativa estatal.
E iso mesmo foi o que criticaron os socialistas galegos, que lamentan que "mentres o PP se preocupa de que o Chalét de Feijóo teña acceso directo á praia, as galegas e galegos loitan por unha sanidade accesible e unha vivenda que poidan pagar".
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
-
Terreo que forma parte do dominio público marítimo-terrestre malia estar pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas -
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña -
Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa -
Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia
A concesión estenderíase por 30 anos desde 2007, momento en que o terreo foi clasificado como dominio público marítimo-terrestre, ata 2037
O terreo en cuestión de Moaña, duns 210 metros cadrados e pechado de xeito conxunto coa propiedade privada que Cárdenas mercou en 2019, foi declarado dominio público marítimo-terrestre no deslinde aprobado nesa zona de Moaña o 17 de xullo de 2007. A Lei de Costas contempla a posibilidade de que o Estado outorgue concesións por 30 anos aos anteriores usuarios de terreos que se declaren dominio público. E iso é o que solicita agora Cárdenas, como "actual titular" da finca anexa, que mercou en 2019, e presentándose como "causahabiente do propietario orixinal". Esa concesión por 30 anos desde o momento do deslinde en 2007 estenderíase "ata o 17 de xullo de 2037", segundo a súa petición, que propón recibila "respectando os usos e aproveitamentos existentes".
Este xoves, ante a petición de Cárdenas dunha concesión dese terreo, o PPdeG rexeitou pronunciarse. "Eu descoñezo ese expediente administrativo e como unha cidadá máis entendo que se cumpre a normativa e se fai unha solicitude conforme á lexislación vixente pois non teño nada que dicir", dixo a número 2 do partido en Galicia, Paula Prado.
