"Non hai nada raro e oculto que non estean facendo moitísimas persoas". Así xustificou este martes no Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a petición dunha concesión de Costas formulada pola parella de Feijóo, Eva Cárdenas, para dispoñer ata 2037 dun acceso directo á praia desde o chalé de Moaña que mercou en 2019. Unha petición que vén de formular despois de que Costas, como avanzou en exclusiva Praza.gal, iniciase a recuperación para uso público dun espazo que actualmente está pechado de forma conxunta coa propiedade privada de Cárdenas.
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
A conselleira de Medio Ambiente remítese á posibilidade legal de pedir unha concesión por 30 anos cando en 2007 parte do terreo pasou a ser dominio público marítimo-terrestre, que Cárdenas pide agora tras mercar a vivenda en 2019
Foi o PSdeG quen preguntou na Cámara sobre que fará o Goberno galego cando en cuestión de meses ou semanas teña competencias sobre Costas se lle corresponde a el decidir sobre concesións como a agora pedida por Cárdenas. Os socialistas demandaron que as administracións primen o uso público dos terreos públicos e, no caso do solicitado en Moaña, propoñen empregalo para ampliar o miradoiro lindeiro, como tamén quere o Concello.
Na súa resposta a conselleira lembrou que a vivenda de Cárdenas non está en terreo público e que foi construída nos anos 40 do pasado século, antes da aprobación da Lei de Costas en 1988.
Vázquez tamén lembrou que esa norma contemplaba a posibilidade de pedir concesións por 30 anos cando un terreo, ao ser aprobado un deslinde marítimo-terrestre, pasase a ser considerado dominio público. Ese deslinde aprobouse no caso de Moaña en 2007, cando o anterior propietario puido pedir a concesión do terreo en cuestión ata 2037. Porén, é agora cando Cárdenas a solicita, varios anos despois de mercar a vivenda en 2019, polo que Costas do Estado analizará se a súa solicitude ten cabida legal.

Os socialistas, pola súa banda, salientaron que poñen o foco na "exemplaridade" da solicitude cando a Lei de Costas establece que as ocupacións do litoral deben estar "xustificadas".
