O anterior propietario do chalé da parella de Feijóo non tiña ningunha concesión do terreo público

Terreo que Costas quere recuperar para o público e dá acceso á praia no chalé de Cárdenas, sobre un plano do expediente exposto ao público por Costas CC-BY-NC-SA Praza.gal

A finais do pasado 2024 a Dirección Xeral da Costa do Goberno de España iniciou, como avanzou en exclusiva Praza.gal, o proceso para recuperar o uso público dun terreo que permite o acceso directo á praia dende o chalé mercado en Moaña no 2019 por Eva Cárdenas Botas, parella do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. No marco dese procedemento, Cárdenas solicitou poder acollerse á posibilidade que ofrece a Lei de Costas para outorgar concesións aos anteriores usuarios de terreos públicos por 30 anos. No seu caso, contados dende que o correspondente deslinde precisou en 2007 que eses 210 metros cadrados son de dominio público marítimo-terrestre.

Eva Cárdenas solicita ser concesionaria ata 2037 da parcela de terreo público anexa á vivenda que mercou en 2019

Este 11 de marzo finalizou a exposición pública aberto por Costas para dar oportunidade de presentar alegacións ao expediente no que Cárdenas solicita poder ser concesionaria ata 2037 dunha parcela que, na práctica, está pechada conxuntamente coa propiedade na que adoita descansar o actual líder estatal do PP. A ese proceso concorreron, entre outros, o Concello da localidade, que quere incluír ese terreo público no miradoiro lindeiro. Todo isto sucede nun contexto no que Costas vén de acreditar que o anterior propietario do chalé non gozaba dunha concesión sobre o terreo como a que agora pide Cárdenas

Destaques da resposta de Costas constatando que o anterior propietario do chalé non gozaba da concesión do terreo público anexo que solicita Cárdenas CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Regulamento Xeral de Costas (2014) establece que a Administración competente na materia -o Goberno de España- debe ter un Rexistro público no que inclúa "fichas individuais" ou "banco de datos" sobre os usos de cada un dos terreos coma este e, se é o caso, as concesións que rexen neles. O acceso dixital a ese rexistro público estivo avariado por tempo prolongado, ante o que Praza.gal solicitou acceso aos seus datos ao abeiro do artigo 80 da propia norma.

"Non consta a existencia de título concesional ningún" sobre o terreo que dá acceso directo á praia dende o chalé no que adoita descansar o ex-presidente e actual líder do PP

Na súa resposta, o Servizo Provincial de Costas da provincia de Pontevedra non facilita unha ficha ou cadro de datos sobre a parcela anexa ao chalé de Cárdenas que está a recuperar para o dominio público. Pero si confirma oficialmente que "non consta a existencia de título concesional ningún" sobre o terreo. Cando menos, non dende que no ano 2007 o deslinde o identificou como parte do dominio público marítimo-terrestre. Daquela, o anterior propietario do chalé, unido de facto ao terreo público, non gozaba del mediante unha concesión como a que Cárdenas solicita ter "respectando os usos e aproveitamentos existentes" presentándose como "causahabiente do propietario orixinal".

Nesa mesma contestación Costas evidencia que ten en marcha o expediente relativo "á determinación dos posibles dereitos que puidesen corresponder" a raíz da solicitude da parella de Feijóo. No caso de que o resolvese "favorablemente", o expediente finalizaría "co outorgamento dunha concesión de dereitos transitorios" sobre unha parcela na que Costas constatou "a imposibilidade física de acceder" por mor dun peche construído antes de que Cárdenas mercase a súa propiedade, pero no que a porta con pechadura foi renovada cos mesmos acabados que ten actualmente a vivenda.

Como vén informando Praza.gal, ante o inicio do expediente para recuperar o terreo como parte do dominio público, unha voceira autorizada do ex-presidente respondeu a este xornal que Eva Cárdenas mercou o terreo privado sendo consciente de que o terreo público era tal e que ese espazo "non o están usando". O cambio da porta foi atribuído pola mesma portavoz a que "un vendaval" deteriorou a anterior e, dado que Costas "non a substituía", foi reposta "para protexer o espazo".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.