A Xunta confirma que a concesión que pide a parella de Feijóo "vaina seguir levando Costas do Estado"

Terreo público pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas en Moaña para o que esta solicita unha concesión CC-BY-SA Praza Pública

A concesión dun terreo público do litoral de Moaña que pediu a parella de Alberto Núñez Feijóo, Eva Cárdenas, "vaina seguir levando Costas do Estado". Así o avanzou Praza.gal hai uns días e así o ratificou este luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que insiste en que son "moitos" os galegos con concesións similares. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co presidente Rueda no Consello da Xunta deste luns 14 de abril de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Tras asinar a pasada semana a Xunta e o Goberno de España a transferencia a Galicia de varias competencias en materia de xestión do litoral -non da súa titularidade, que a Constitución establece que é pública e estatal-, este luns Vázquez compareceu en rolda de prensa tras o Consello da Xunta para informar dos seguintes pasos administrativos que dará o Goberno galego para asumir as novas tarefas o 1 de xullo. Na comparecencia foi preguntada sobre a posibilidade de que agora sexa a Xunta quen asuma a xestión de concesións como a solicitada por Cárdenas.

A conselleira lembrou que hai dous grandes tipos de concesións no litoral, as ordinarias para actividades ligadas directamente á costa e as compensatorias por 30 anos a antigos propietarios sobre terreos que a lei estatal de Costas de 1988 pasou a considerar públicos. As primeiras serán xestionadas polo Goberno galego, pero Vázquez ratificou que "naquelas que son de carácter indemnizatorio non lle corresponde á Xunta de Galicia senón que o vai seguir levando Costas do Estado".

Hai uns días Praza.gal contou que o pasado setembro o Tribunal Constitucional pronunciouse sobre a cuestión, a raíz dun preito entre Canarias e o Estado, e estableceu que esas concesións compensatorias son competencia estatal. Así o asumiu o Goberno galego durante a longa reclamación das competencias de Costas ao Estado. E así o ratifica agora a conselleira de Medio Ambiente.

En setembro o Constitucional estableceu a competencia estatal sobre as concesións compensatorias a antigos propietarios como a que pide Cárdenas, aínda que no seu caso o anterior propietario non a tiña

No caso da concesión que pide Cárdenas, faino para poder seguir empregando un terreo público de 210 metros cadrados que dá acceso directo á praia desde o chalé que mercou en Moaña en 2019 e co que está pechado de xeito conxunto. Alí o deslinde marítimo-terrestre que estableceu que ese espazo é público foi aprobado en 2007 e aínda que o anterior propietario non tiña concesión sobre ese terreo agora Cárdenas solicita ese dereito ata 2037 "como causahabiente do propietario orixinal". Faino despois de que fose o Estado quen iniciou en novembro, como avanzou en exclusiva este diario, o proceso para recuperar a parcela para o uso público.

Nas súas respostas deste luns a conselleira referiuse ás concesións compensatorias que seguirán en mans do estado sinalando que "este é o caso desa titular" -en referencia a Cárdenas- "como moitos outros titulares que temos en Galicia". Non é a primeira vez que a conselleira de Medio Ambiente resta relevancia á petición de Cárdenas presentándoa como algo habitual entre a cidadanía galega. En febreiro a mesma Ángeles Vázquez xa asegurara que "moitísimas persoas" piden concesións a Costas como a que solicita Cárdenas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.