En xuño de 2010 o Goberno de España publicaba no Boletín Oficial do Estado o traspaso á Xunta de tres edificios na Coruña, Ourense e Pontevedra. O Executivo do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero completaba así co do PP de Alberto Núñez Feijóo os acordos que pechara ano e medio antes, en decembro de 2008, con Anxo Quintana como representante do Goberno galego de PSdeG e BNG na comisión Comisión Mixta Galicia - Estado, órgano no que se abordan os traspasos de competencias á Xunta.
Rueda asina este mércores o traspaso da xestión do litoral. As últimas transferencias ata agora chegaran en 2008, con Anxo Quintana representando á Xunta nas negociacións co Goberno de Zapatero
Ese trámite acordado era unha caste de anexo ao que o BOE publicara uns meses antes, en xullo do mesmo 2008, cando ambos gobernos culminaran o traspaso a Galicia de competencias com a xestión das asociacións, o hospital da Defensa de Ferrol e o Parque das Illas Atlánticas. Dende aquela pasaron catro lexislaturas galegas sen ningunha nova competencia. Unha seca de case 17 anos na que, dende a fin do Executivo presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, os sucesivos gobernos do PP exerceron mentres no Estado pasaron os equipos de Zapatero (ata a fin de 2011), Rajoy (ata maio de 2018) e o actual de Pedro Sánchez cun cero como resultado no balance do autogoberno ata este 9 de abril de 2025.
O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, rubrica este mércores en Santiago o traspaso á Xunta das competencias en materia de ordenación do litoral. Farao tendo na outra beira da mesa da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Galicia ao Goberno do presidente Alfonso Rueda, quen paradoxalmente estivo á fronte do departamento encargado de negociar estas cuestións co Estado durante os trece anos con Feijóo na presidencia. Rueda foi tamén quen, dende a oposición ao Goberno de PSdeG e BNG, descualificou como "traspasiños" as doce novas competencias obtidas no seu mandato de apenas tres anos e medio.
Durante os gobernos de Rajoy o PP galego chegou a dar por "esgotados" os posibles traspasos. Con Sánchez retornou á belixerancia sobre competencias coma o litoral ou a AP-9, en contraste con abertas renuncias como a Policía galega ou o tren de proximidade
A consecución das competencias sobre a a xestión das autorizacións de concesións e usos no dominio público marítimo-terrestre (a zona máis próxima á costa) non chega estritamente como froito dunha negociación política co Goberno de España. A Xunta deuna por asumida a través da nova Lei do Litoral, o Estado recorreuna no Constitucional e o tribunal de garantías avalouna no fundamental en abril de 2024. Tras esa sentenza si chegou a negociación sobre os detalles concretos do traspaso de medios materiais e persoal para facer efectiva a competencia, que é o que agora se asina.
O contador do autogoberno volve, deste xeito, funcionar cando menos unha vez tras máis de década e media na que, elección tras elección, o PP prometeu os mesmos traspasos de competencias sen lograr ningún. A actitude dos populares ao respecto, non obstante, non foi a mesma nos sete anos con Rajoy na Moncloa, durante os cales chegaran a dar por "esgotados" os posibles traspasos de competencias.

Dende mediados de 2018, coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España, o PP retomou as reclamacións neste ámbito, pero non a respecto de todas as competencias pendentes de asumir e desenvolver ao abeiro do Estatuto de 1981. Así, por exemplo, a belixerancia a respecto do traspaso do litoral que agora chega ou doutros coma o das competencias da autoestrada AP-9 -a lei para facelo efectivo volve estar bloqueada no Congreso- contrasta coa aberta renuncia a asumir traspasos clave coma o que permitiría implantar a Policía galega creada por lei en 2007 ou os que abrirían a porta a despregar unha rede galega de ferrocarril de proximidade.
O traspaso, efectivo dende o 1 de xullo
Rueda sinala o traspaso como "histórico" e, igual que o ministro, eloxia o ton das negociacións finais
Os 17 anos transcorridos dende as últimas transferencias de competencias a Galicia foron lembrados este mércores polo ministro Torres ao comparecer conxuntamente con Rueda tras a Comisión Mixta que formalizou o traslado. Ese longo período, sinala, é boa mostra de que "días coma este son importantísimos", considera o titular de Política Territorial, quen confirma que a Xunta comezará a exercer as competencias transferidas dende o vindeiro 1 de xullo.
Entre eloxios polo clima de diálogo acadado, o Ministerio especifica que de agora en diante pasan a depender do Goberno galego competencias como "autorizacións de usos de temporada en praias e no mar territorial", as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar ou a vixilancia e imposición de sancións. Da Administración Xeral do Estado seguen dependendo aspectos coma os canons que deben pagar as empresas e entidades que ocupan en concesión espazos do dominio público na beira do mar ou determinados rescates, entre outras.
Torres agradece a actitude de Rueda durante as conversas e o mesmo fixo o presidente, que cualifica o acordo final como "histórico". Defende o xefe do Executivo que "poder xestionar o litoral dende unha comunidade autónoma sen dúbida vai mellorar a xestión" e agrega que o seu gabinete o fará "con respecto á legalidade" e "todo o rigor". Tras anos de tirapuxas, Rueda admite que "o final do proceso foi impecable" polas "facilidades que tivemos unha vez nos sentamos a negociar".