O Consello da Xunta abordou este xoves un Informe sobre a necesidade de recuperación e mellora dos servizos ferroviarios e carácter rexional e de proximidade de Galicia. Segundo indicou posteriormente nun comunicado -estes documentos non son feitos públicos-, nel reclama ao Goberno de España repoñer as conexións de media distancia e proximidade "que aínda non repuxo tras a pandemia", que cifra nun 22%, ou máis servizos en "horas punta". Tamén reclama ao Estado "manter" e "incrementar os servizos ferroviarios" para "adaptalos ás necesidades reais" da poboación e, nomeadamente, unha "aposta clara polos servizos de proximidade rexional".
O tren de proximidade é unha das grandes materias pendentes en Galicia e o Goberno galego do PP prometera abordala coa creación do Ente Ferroviario Galego, que asumiría as competencias do Estado na materia
Esta última demanda, a do tren de proximidade, dista moito de ser nova. É unha das grandes materias pendentes en Galicia, a mesma que hai algo máis dunha década o Goberno galego do PP, co actual presidente Rueda como número dous do ex-presidente Feijóo, prometeu abordar coa creación do Ente Ferroviario Galego. Isto é, cun organismo ferroviario dependente do Goberno da Xunta chamado a absorber competencias ferroviarias do Estado como as conexións de proximidade e mesmo a ofrecer outras novas, coma os metros lixeiros. Así o fixo ata que acabou renunciando ao proxecto sen ofrecer grandes explicacións ao respecto.
A creación do Ente Ferroviario Galego figuraba con claridade no programa electoral co que o PP de Feijóo gañou por maioría absoluta as eleccións galegas de 2009 -páxinas 78, 79 e 81-, no que bosquexaba ademais algunhas das súas competencias. O novo Ente Ferroviario Galego, prometían, ía "xestionar as cercanías" e "dirixir a construción e explotación dos metros lixeiros das áreas metropolitanas da Coruña e Vigo", metros lixeiros que viñeran prometendo -primeiro para Vigo e despois para A Coruña e mesmo para Santiago- dende principios de século.
O Goberno de Feijóo, con Rueda como 'número dous', mantivo a promesa e en 2010 lanzou o contrato para crear o Ente Ferroviario. Ademais do tren de proximidade, anunciaban, asumiría tamén o impulso e xestión dos metros lixeiros en Vigo, A Coruña e Santiago
Tras a vitoria nas urnas, o programa electoral virou en programa de goberno e o propio Feijóo dixo manter o propósito. No seu primeiro discurso nun debate de política xeral, en marzo de 2010, o daquela presidente da Xunta anunciaba que o seu Goberno viña de comunicar ao Ministerio de Fomento -actual Ministerio de Transportes- que iniciaba os trámites para "avaliar a creación dun Ente Ferroviario Galego" que "poida xestionar unha rede de infraestruturas ferroviarias baseadas nas que quedan en desuso coa chegada do AVE". A iniciativa, lembraba, tiña o aval da "unanimidade" das forzas parlamentarias.
A creación do Ente, agregaba Feijóo, ía comezar coa contratación dun "estudo para definir as competencias, tipoloxía e natureza xurídica do Ente Ferroviario Galego". Apenas un mes despois, en abril do mesmo 2010, a daquela denominada Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, lanzaba a contratación por concurso público dun servizo "para elaborar o proxecto de lei" por 180.000 euros. Aquel proceso quedou deserto por problemas coa empresa adxudicataria, pero a Consellería lanzara outro pola vía do negociado sen publicidade que chegou a estar adxudicado provisionalmente á empresa estatal Ineco por 159.003 euros.
En 2011 o PP chegou ao Goberno de España e as reclamacións da Xunta na materia esvaeceron xunto coa promesa do Ente Ferroviario Galego
Con aquel proxecto, explicaba Xunta, íanse desenvolver de vez o artigo do Estatuto que outorga ao Goberno galego a competencia en "vías férreas e estradas non incorporadas á rede do Estado" e "o transporte efectuado por estes medios". Para facelo, abondaran nos meses seguintes, o seu plan era reclamar "a transferencia á Xunta da rede que vai queda fóra da alta velocidade". Como "paso previo", reclamaban ao Goberno de España que presidía José Luis Rodríguez Zapatero a "creación dunha Xerencia de Cercanías de Renfe en Galicia". O daquela conselleiro, Agustín Hernández, especificaba igualmente que, na liña do programa electoral, estaba previsto que o Ente incluíse "os metros lixeiros nos que avanza o Goberno galego para as tres grandes cidades do eixo atlántico".
Ao ano seguinte, en 2011, o PP chegou ao Goberno de España e as reclamacións da Xunta nesta materia esvaeceron. A promesa do Ente Ferroviario Galego non volveu rexurdir e os proxectos de metro lixeiro foron abandonados entre alusións á crise económica que naqueles anos constrinxía as políticas de gasto público. Mentres, a Xunta tampouco incorporou persoal especializado en materia ferroviaria.
Unha década despois, a Xunta vén de lanzar a súa Estratexia de Mobilidade, que relega o tren de proximidade ao resultado de eventuais "estudos de viabilidade" e, no informe abordado esta semana no Consello, "reclama unha aposta clara polos servizos de proximidade rexional, reforzando os servizos existentes e ofertando outros novos en estacións rurais que na actualidade están en situación de case semiabandono". Tamén "urxe o Executivo estatal a dinamizar os corredores ferroviarios arredor das urbes máis importantes".
O pasado 2021 o PP evitou apoiar unha iniciativa do BNG para retomar o Ente Ferroviario Galego. No seu lugar propuxo unha batería de demandas ao Goberno de España
Segundo o comunicado polo gabinete de Rueda, ese informe non aborda en ningún dos seus puntos a recuperación do Ente Ferroviario Galego. Tampouco dos metros lixeiros.
A ausencia de vontade neste sentido quedou tamén patente a finais de 2021, no transcurso do debate dunha proposición non de lei no Parlamento na que o BNG reclamaba retomar o Ente Ferroviario e poñer prazos concretos para iniciar os traballos en 2022. O PP negouse a asumilo porque, defendeu a través do deputado José Manuel Balseiro, "a creación do ente ferroviario galego supón agora mesmo asumir unha rede ferroviaria desastrosa e un conxunto de servizos incompleto", por iso propuña substituír a proposta do BNG por un texto alternativo con demandas ao Goberno de España, optando finalmente pola abstención.