O PP pasou de criticar atrasos duns días nos prazos das obras a reclamar agora tipos concretos de trens, mentres o BNG quere un ente ferroviario galego que o PSdeG apoia no marco dunha coordinación co transporte en bus da Xunta
20 anos e 9.000 millóns de euros despois de iniciarse as obras da alta velocidade en Galicia, e dez anos despois de comezar a funcionar os primeiros treitos no Eixo Atlántico e entre Ourense e Santiago, este luns inaugúrase a conexión entre Galicia e a Meseta que deixará as viaxes entre Madrid e Ourense en tan só dúas horas e cuarto, a metade de tempo que por estrada. Chega á fin unha data que durante dúas décadas centrou boa parte do debate político sobre as infraestruturas en Galicia, que ante a ameaza de quedar orfo de aldraxes agora está comezando a reorientarse.
Cando as obras máis complexas da alta velocidade entre Galicia e a Meseta, entre Ourense e Zamora, aínda nin comezaran, hai algo máis dunha década, e dependían dun Goberno de España a cargo do PSOE, o daquela portavoz en materia de infraestruturas do PP galego, Alejandro Gómez, chegou a denunciar unha demora parcial nos trámites previos dunha semana e a dar ultimatos de 10 días para cumprir cos prazos. Aínda nos últimos meses, coas obras xa rematadas e só pendentes das probas de seguridade que non dependían do ministerio, a última promesa a respecto da entrada en servizo da liña neste “outono” levou ao presidente da Xunta mesmo a preguntarse se sería así ou xa sería no inverno, ata que finalmente se confirmou a inauguración para este luns 20 de decembro, último día do outono antes de que na tarde do día 21 comece oficialmente o inverno.

PP e PSOE veñen atribuíndose o mérito da construción das liñas de alta velocidade galegas e deitando os atrasos no seu contrincante político, malia que os dous partidos veñen repartíndose o goberno central a partes case iguais desde a colocación da considerada primeira pedra, o 21 de xullo de 2001, con prazos que daquela fixaban o remate do Eixo Atlántico en 2007 e a conexión coa Meseta en 2009 ou 2010.
Finalmente as obras duraron o dobre, pero tanto os 4.102 días (algo máis de 11 anos) de gobernos centrais socialistas como os 3.355 días de executivos populares (algo máis de 9 anos) terían bastado por si sós para cumprir as sucesivas promesas de prazos de cada unha das dúas formacións aínda que a outra non fixese absolutamente nada.
Superados á fin os debates sobre os prazos das obras, malia que aínda quedan actuacións pendentes como a variante de Taboadela de entrada na cidade de Ourense, agora as tres principais formacións galegas están a derivar o foco das súas propostas e críticas en materia ferroviaria cara aos servizos que se prestan.
O PP centra agora os seus reproches ao Goberno central no feito de que o servizo AVE só chegará durante uns meses ata Ourense polo suposto atraso na entrada en servizo dun tipo de tren, o Avril de ancho variable, que poida seguir circulando polo resto da rede interior galega ata o resto de cidades. A construción deses trens non foi encargada ata finais de 2016, tras cinco anos de goberno central popular e cando xa se coñecían as dificultades que habería en Galicia para conectar a liña de alta velocidade coa Meseta en ancho internacional co resto da rede interior que se mantén en ancho ibérico para non dificultar os movementos de mercadorías.

Mentres non entren en servizo os trens Avril, o resto de cidades máis alá de Ourense seguirán conectadas con trens de alta velocidade Alvia, que chegan ata os 250 quilómetros por hora e que xa aproveitarán as vantaxes da nova liña de alta velocidade. Pero para o PP a denominación AVE e os 20 minutos que aforrarán os Avril é agora a clave das súas críticas ata que eses tren entren en servizo en cuestión de meses.
Pola súa banda, o BNG, como xa fixo en diversas ocasións no pasado, insiste na necesidade de contar cun ente ferroviario galego que considera que xestionaría mellor as infraestruturas e servizos do país e permitiría crear servizos de proximidade. Pero a Xunta, que carece de persoal con especialización ferroviaria, vénse negando e opta por deitar esa responsabilidade no Goberno central, ao tempo que respalda as protestas de persoas usuarias contra as reorganizacións horarias que está a realizar Renfe ao aumentar os seus servizos tanto de longa distancia como de media distancia pola entrada en funcionamento da nova liña coa Meseta.
O propio Feijóo vén admitindo que o novo desafío é "a coordinación racional de horarios" entre o tren e outros servizos
O ente ferroviario galego é tamén apoiado polo PSdeG, con matices a respecto de se primeiro deberan transferirse os servizos a Galicia ou primeiro crear o ente, pero os socialistas miran máis alá e poñen o foco na necesidade de que ese ente, ou un consorcio de transportes, en todo caso a Xunta, traballe para coordinar os servizos ferroviarios co resto do transporte público galego, nomeadamente cos autobuses interurbanos de competencia autonómica. O propio presidente Feijóo vén admitindo que ese, o da coordinación dos sistemas de transporte, é o gran reto pendente tras dúas décadas de obras.