Compostela súmase a Pontevedra, Ferrol e Ourense, que xa contaban con terminais lindeiras, e libera o espazo da anterior para máis oficinas da Xunta no marco dunha reforma global de San Caetano que supera os 70 millóns de euros
“A coordinación racional de horarios entre autobuses e trens” será agora, en palabras do presidente Feijóo, un dos “novos desafíos que afronta a Xunta no ámbito do transporte público” tras a posta en servizo este sábado da nova estación de autobuses de Santiago xunto á estación de trens. Compostela convértese así na cuarta cidade galega que conta con terminais lindeiras, tras Pontevedra, Ferrol e Ourense, neste último caso desde o pasado febreiro, mentres en Vigo as obras xa están moi avanzadas no novo complexo intermodal de Urzáiz e na Coruña e Lugo aínda se están a tramitar os pasos previos.

Na inauguración este sábado da estación de autobuses e da pasarela elevada que a conecta tanto coa estación de tren como co centro da cidade, o presidente da Xunta gabou o proxecto como froito “dunha colaboración institucional intelixente e exixente” entre a Xunta de Galicia, o ADIF e o Concello de Santiago. Unha colaboración que comezou hai agora cinco anos, en xuño de 2016, tamén con eloxios mutuos na sinatura do convenio para a execución da infraestrutura entre os daquela alcalde e ministra, Martiño Noriega e Ana Pastor.
A obra agora posta en servizo supuxo un investimento de 18,5 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea, dos que 14,4 millóns corresponderon á Xunta como responsable da estación de autobuses e o resto ás outras administracións para a reurbanización da zona e a pasarela que comunica coa estación de tren, á súa vez remodelada por Adif.

O espazo que ocupa a vella estación de bus será empregado para novas oficinas da Xunta cun investimento duns 30 millóns de euros que se suman a outros 40 en diversas melloras no veciño complexo de San Caetano
Pola súa banda, a vella estación de autobuses situada xunto ao complexo administrativo central da Xunta en San Caetano será agora derrubada e empregado o seu espazo para a construción de máis oficinas para a administración autonómica. A demolición vén de ser licitada por 1,4 millóns de euros e o novo edificio que inicialmente estaba previsto nuns 20 millóns de euros aumentou a 29 millóns, aínda que do seu proxecto caeu xa a pasarela elevada que o ía conectar co resto do complexo de San Caetano sobre a rúa que os separa.
Unhas obras que se engadirán aos 6,5 millóns de euros que xa custou a rehabilitación exterior dos edificios máis antigos do complexo, aos 5,3 millóns en que se estimou a mesma actuación no edificio máis moderno, e os 29 millóns que custará a remodelación interior de todos eles, o que elevará a preto de 70 millóns de euros o investimento da Xunta en obras na súa sede central.