As obras na Xunta (agora) non fan ruído

Vista do edificio central de San Caetano tras a restauración do complexo CC-BY-SA Praza Pública

Hai apenas unha semana o complexo administrativo de San Caetano liberouse das estadas que a cubriran durante os últimos meses. A desmontaxe destas estruturas de obra foi o sinal máis evidente da fin dos traballos de restauración na sede central do Goberno galego, cuxos muros locen agora unha inédita cor branca. Regresou tamén ao tellado do edificio central, mesmo un chisco máis alta que antes, a bandeira galega que o preside dende comezos dos anos 90 do século pasado.

As obras de restauración do complexo administrativo de San Caetano, ás que a Xunta destinou 6,48 millóns de euros, comezaron e remataron sen controversia política ningunha

A nova pintura e a nova carpintaría das fiestras son as mostras máis visibles duns traballos dos que aínda restan algúns axustes menores e que supuxeron a intervención máis relevante en San Caetano dende a remodelación integral dos edificios, a mediados da década dos anos 80 do século pasado, para acoller a Administración autonómica acabada de nacer. As obras comezaron e remataron sen a máis mínima controversia e sen que fosen obxecto de comentario político máis alá do día en que foron anunciadas polo vicepresidente, Alfonso Rueda.

O propio Rueda avanzara nunha comparecencia parlamentaria a finais de 2016 que o seu departamento prevía gastar uns 6,4 millóns de euros a "adecentar" San Caetano, onde traballan unhas dúas mil persoas, ademais do groso do Goberno e o seu persoal de confianza. E, efectivamente, así foi. A Vicepresidencia asinou durante 2017 catro contratos con outras tantas empresas para executar as obra que sumaron 6,48 millóns de euros. 

Plano do edificio central de San Caetano empregado para planificar os traballos, coas áreas deterioradas destacadas en azul © Xunta

O máis relevante, de 6,22 millóns, foi para a construtora San José, encargada de executar os traballos de "restauración e mellora da envolvente térmica" dos edificios. Nel incluíuse dende o novo illamento térmico ata o cambio do alumeado, pasando polas mudanzas estéticas.

A calma política que arrodeou estes traballos na sede central da Xunta contrasta coa dura pugna política na que tornaron outras obras na sede gobernamental cando o PP estivo na oposición

O proxecto a executar fora redactado pola empresa ELA Ingenería y Medio Ambiente por algo máis de 119.000 euros. A dirección de obra obtívoa Novotec, que recibiu 73.000 euros e un cuarto contrato, para a dirección da execución da restauración, levouno Proyfe, por 69.454 euros. En total, os devanditos 6,48 millóns, cantidade que nos meses que duraron os traballos non apareceu polo debate político galego, nin sequera nestes últimos meses marcados polas inminentes convocatorias electorais.

A calma política que arrodeou a restauración do complexo de San Caetano, cuxo deterioro fora denunciado por persoal que traballa alí en diversas ocasións, contrasta coa dura pugna na que tornaron outras obras na sede gobernamental executadas mentres o PP estivo na oposición. Aínda que o propio Rueda subliñou na presentación dos traballos que veñen de rematar que "dende 1985 non se facía nada", en referencia a que os edificios non experimentaran reformas de importancia en tres décadas, o certo é que el mesmo e outros cargos populares atacaran con dureza a realización de obras na Xunta por parte do Goberno de PSdeG e BNG.

As acusacións de desbalde tampouco xurdiron nos últimos meses cando, por exemplo, unha Secretaría Xeral dependente do presidente mercou unha mesa de 1.200 euros e catro cadeiras por 670

Así, por exemplo, pouco antes das eleccións galegas de 2009 o propio Rueda, no seu duplo papel de xefe de campaña e secretario xeral do PPdeG, considerou "bochornoso" e "un escándalo maiúsculo" que o Goberno galego realizase obras por importe de 4 millóns neste complexo administrativo. "Touriño segue empeñado en vivir a corpo de rei co diñeiro de todos", afirmara o popular, que atribuía as reformas de San Caetano a un suposto "empeño" do socialista para "levar vida de estrela do cine", en referencia as obras como as que foran executadas na área de Presidencia, que custaran uns 2 millóns de euros.

Nada disto sucedeu desta volta sobre unhas obras que nin sequera apareceron nos discursos dos líderes da oposición. Tampouco o fixeron compras de mobiliario como unha mesa de reunións de 1.198 euros ou catro cadeiras de oficina por 677 euros adquiridas recentemente para unha Secretaría Xeral con dependencia orgánica directa do presidente da Xunta. Noutrora, a compra de mobles para despachos da Presidencia foran interpretadas polo PP como "un insulto á dignidade dos galegos".

O complexo de San Caetano, durante a súa remodelación en 1985 para acoller a sede da Xunta, en imaxes captadas pola TVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.