Hai agora unha década Galicia arrecendía a eleccións. A crise económica comezaba a agromar e na contorna do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, medraban as voces que aconsellaban un adianto electoral para o outono dese ano, o 2008, e procurar así aproveitar a estela da segunda vitoria do PSOE de Zapatero, ademais de esquivar un deterioro socioeconómico que se dispararía nos meses seguintes. No daquela único partido da oposición galega, o PP, a maquinaria electoral levaba meses engraxada cara a un eventual adianto que finalmente Touriño desbotaría para despois recuperalo en parte -os comicios 'tocarían' en xuño de 2009, pero acabaron sendo en marzo-.
Nos argumentarios cos que os conservadores emprenderan a aposta por levar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia ocupaba un lugar destacado a caricaturización de Touriño como unha caste de novo rico amante do "desbalde" de diñeiro público, un "sultán" que compartía co seu vicepresidente, Anxo Quintana (BNG), o gusto polo "luxo asiático", reiteraban. Para facelo puñan como exemplo o uso de vehículos oficiais da marca alemá Audi, 32 coches dos que 29 procedían da etapa de Manuel Fraga. Neste contexto, o candidato Feijóo dera en prometer que se chegaba á presidencia apostaría ás claras polo uso de automóbiles Citroën, chegando a insinuar que nos seus desprazamentos oficiais empregaría un coche fabricado en Vigo, algo imposible tendo en conta que a factoría de Balaídos xa daquela estaba especializada en monovolumes e vehículos industrais.
Feijóo fixo da aposta por Citroën fronte a Audi unha das bandeiras da súa campaña contra o Goberno de PSdeG e BNG; a marca francesa é a máis numerosa no parque móbil da Administración, pero non chega ao 25% do total, como acredita a documentación das pólizas de seguro que a Xunta vén de contratar
Sexa como for, tras lograr a maioría absoluta naquel 2009 o Goberno do PP deu en escenificar unha nova xeira no parque móbil público no que os Audi ficarían desterrados de San Caetano en beneficio dos Citroën. No entanto, dez anos despois os automóbiles da marca francesa son apenas unha cuarta parte dos case 2.000 coches cos que conta a Administración galega, case a metade (879) turismos, nunha ampla maioría ao servizo do persoal das diferentes consellerías para desprazamentos por razóns do traballo. Así fica acreditado na documentación que o Goberno galego achegou ás empresas aseguradoras para contratar as pólizas do seu parque móbil dos vindeiros dous anos, contratación que gañou a filial española da compañía Zurich Insurance por 1,6 millóns de euros -a Xunta ofrecía ata 1,9 millóns-.
Segundo a información subministrada ás aseguradoras, o parque móbil da Administración autonómica -dende coches oficiais ata camións ou vehículos agrícolas- está conformado por algo máis de 1.900 unidades das que 444 son Citroën. A segunda marca máis frecuente é Nissan e a terceira, Seat. Tamén teñen unha presenza relevante Suzuki, Renault, Hyundai ou Uro, a compañía compostelá especializada en vehículos industriais. O seguinte gráfico amosa o reparto dos vehículos da Xunta por marcas. Baixo o epígrafe "outras" agrúpanse as que figuran no inventario oficial con menos de cinco unidades.
Vehículos no parque móbil da Xunta a 28/2/2018
A Xunta non se deu desfeito de todos os Audi ata 2015, cando colocou os 8 que lle quedaban ao Banco Pastor nunha operación de arrendamento de 84 coches; todos foran mercados en tempos de Fraga
E, que pasou cos Audi? A primeira gran escenificación do Goberno do PP para desfacerse deles culminara en fracaso: o gabinete de Feijóo puxo 20 á venda nunha poxa na que só conseguiu colocar 3 -un deles, o que utilizara Feijóo como conselleiro de Fraga-. Outros tres blindados cambiáraos por 12 turismos a un contratista habitual da Xunta e algúns máis foinos colocando como parte do pagamento doutras adquisicións. Así e todo, nos garaxes da Xunta seguiu habendo coches da marca alemá -cos conseguintes gastos en materia de seguros- ata o pasado 2015, cando incluíu os 8 que lle quedaban -seis eran utilizados por entes autonómicos como o Consello de Contas- no pagamento dun arrendamento de 84 e coches ao Banco Pastor coa modalidade do leasing. Todos eran do modelo A6 e todos eles foran mercados en tempos de Fraga.
Mentres, nesta década o presidente da Xunta empregou para os seus desprazamentos oficiais un Citroën C6, modelo da marca con fábrica en Vigo pero producido en Francia que xa utilizaban membros do Goberno de coalición -por exemplo, o ex-vicepresidente Quintana-. Nas sucesivas compras e arrendamentos dos últimos anos algúns dos vehículos incorporados foron Citroën e outros, non. Non en van, nestes procedementos a Xunta -como calquera Administración- celebra concursos públicos nos que pide ás empresas ofertas de coches a partir de características técnicas determinadas como dimensións, potencia ou número de prazas, pero sen solicitar unha marca determinada, requisito que implicaría outorgar vantaxe previa a unha marca de automóbiles sobre as demais.
Datos abertos: explora o parque móbil da Xunta
A seguinte táboa interactiva, elaborada a partir da documentación fornecida pola Xunta ás compañías de seguros para contratar as pólizas do seu parque móbil, permite explorar todos os automóbiles incluídos no inventario oficial da Administración autonómica a comezos deste 2018. É posible realizar buscas textuais na xanela superior dereita ou consultar todos os datos mediante a navegación por páxinas cos controis inferiores. Tamén existe a opción de descargar e reutilizar os datos mediante a ligazón situada ao pé da táboa.