"Dende 1985 non se facía nada". O vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, compareceu esta semana ante a comisión de orzamentos do Parlamento para debullar as contas para 2017 do seu departamento, cuxas competencias abranguen o mantemento de todas as instalacións da Administración. Na súa explicación ante a Cámara o número dous do Goberno adiantou a previsión de destinar uns 6,4 millóns de euros a "adecentar" a sede central da Xunta, o complexo administrativo de San Caetano. Alí, asegura, non se fixo traballo ningún dende a súa posta en marcha hai máis de tres décadas. No entanto, esta afirmación chega apenas sete anos despois de que o PP centrase boa parte da súa campaña electoral, dirixida por Rueda, nas obras realizadas polo bipartito de PSdeG e BNG nese mesmo complexo.
Aínda que o Goberno traballa no proxecto de ampliar as súas instalacións cara ao edificio que actualmente ocupa a estación de autobuses de Santiago, explicou Rueda, "era necesario tamén actuar sobre o edificio principal", xa que "dende 1985 non se facía nada no que foi a antiga sede dun instituto, e este ano vaise facer un investimento importante". Nomeadamente, especifica o vicepresidente, o Goberno considera que é "o momento de facer unha mellora da eficiencia enerxética, ambiental e de comodidade e adecentamento da sede principal" para "os traballadores públicos que desenvolven nel o seu labor".
Entre 2017 e 2018, agrega Rueda, o orzamento que a Xunta destinará a esta finalidade serán os devanditos 6,4 millóns de euros, que "van supoñer un cambio moi importante neste edificio". No proxecto orzamentario que actualmente se tramita no Parlamento explícase que "concretamente, no complexo administrativo de San Caetano levarase a cabo (...) unha ampla intervención arquitectónica para optimizar o seu comportamento enerxético, mellorando o seu illamento térmico tanto en fachada como en cuberta e substituíndo parte da carpintaría metálica e vidros".
O vicepresidente anuncia un investimento de 6,4 millóns de euros para "adecentar" o complexo administrativo de San Caetano e mantén que alí "non se facía nada dende 1985"
Se ben é certo que os edificios de San Caetano presentan múltiples deficiencias, algunhas delas denunciadas polo propio persoal nos últimos anos, e que parte do complexo está practicamente intacto dende a súa inauguración en 1985, non o é menos que durante estas tres décadas si foron realizadas múltiplas intervencións de mellora e rehabilitación, tanto arquitectónicas como de equipamento. Estes traballos apenas transcenderan á opinión pública ata a lexislatura de 2005 a 2009, a do bipartito, cando os populares galegos presentaron, a través do propio Rueda, as obras en San Caetano como mostra de que o goberno de PSdeG e BNG e o presidente Touriño en particular tornaran en "campións do desbalde".
Así, por exemplo, apenas un mes antes das eleccións de 2009 o daquela secretario xeral e xefe de campaña do PPdeG, o actual vicepresidente, cualificaba de "bochornoso" e "escándalo maiúsculo" que a Xunta destinase 4 millóns de euros a remodelar espazos de San Caetano como os destinados ás xuntanzas do Consello, que o goberno do PP estreou a finais de decembro de 2009 para aprobar alí o controvertido decreto do plurilingüismo. "Dixémolo cando soubemos que o presidente da Xunta gastou máis de dous millóns de euros en remodelar as súas dependencias de San Caetano e agora volvémolo denunciar: Touriño non aprende dos seus erros e segue empeñado en vivir a corpo de rei co diñeiro de todos", agregaba.
Obras como sinónimo de "malgasto e carísimos gustos"
Na súa etapa na oposición o propio Rueda encabezou a campaña contra as obras realizadas polo bipartito en San Caetano, un "escándalo maiúsculo" polo que acusou a Touriño de querer vivir "de luxo, como unha estrela de cinema"
Segundo sinalaba daquela o actual vicepresidente, o bipartito debera aforrar aqueles cartos e limitarse a utilizar "as dependendencias que podía utilizar sen problemas Manuel Fraga para falar cos seus conselleiros". Pero Touriño, teimaba, "vive empeñado en levar vida de estrela de cinema en lugar da propia dun presidente que goberna unha autonomía", é "sinónimo de malgasto, de luxos, de carísimos gustos", por iso empregaba "un coche máis caro que o do presidente Obama, que viaxa nunha limusina con blindaxe antigranadas e sistemas de defensa con bombas de fume" resaltaba, ademais de calcular a equivalencia do custo das obas en prestacións por desemprego.
As acusacións de Rueda tiveran daquela un efecto xeral de desconcerto nas forzas que sustentaban ao Goberno, e Touriño optara por non retrucar directamente a cuestións como a dos coches -a maioría mercados na etapa de Fraga- ata despois das eleccións que supuxeron a maioría absoluta do PP. No entanto, nos meses previos membros do equipo da Presidencia si detallaran o destino de investimentos como os 2,2 millóns de euros en remodelar a área de Presidencia de San Caetano. Moitos deles, afirmara daquela o Goberno, eran traballos xa previstos polo PP e de "necesidade urxente e inaprazable", xa que atinxían mesmo a problemas de seguridade ou de estabilidade do sistema eléctrico, entre outros.
A aquel cruzamento de acusacións pertenceu tamén unha das promesas máis pirotécnicas de Feijóo naquela campaña. Despoisd e que o diario ABC publicase que os novos mobles da Presidencia custaran uns 200.000 euros e Rueda os considerase propios "do sultán de Brunéi" e "un insulto á dignidade dos galegos", máis aínda por seren subministrados "por empresas catalás", Feijóo acusara a Touriño de cometer un "delito moral" e prometeu que, se chegaba ao poder, "eses mobles que insultan a dignidade sairán dos despachos da Administración". Sete anos despois, o presidente e o seu equipo seguen a utilizalos.