"Efectivamente, convidámolos a un cubata": a Xunta defende a celebración dos 25 anos do Igape

Feijóo, o conselleiro Francisco Conde e o director do Igape, con persoal da entidade na celebración do seu aniversario CC-BY-SA Xunta

O pasado 30 de novembro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de celebración do vixésimo quinto aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Un dos titulares que saíron daquel acto, celebrado no compostelán Palacio de Congresos de Galicia, foi o recoñecemento expreso do xefe do Goberno a todos os directores da historia desta institución dependente da Consellería de Economía, incluíndo expresamente a Joaquín Varela de Limia, un dos dous directivos da institución condenados no caso Campeón, aos que a Xunta non acusara no proceso, algo que si fixera con outros dos procesados.

"Despois de tantos anos escoitando falar dos mojitos de La Habana, o que se pagou con diñeiro público no aniversario do Igape foron as copas de alta graduación dos traballadores", ironizou o deputado do PSdeG Abel Losada

Aquel evento e o conxunto das celebracións do XXV Aniversario da institución regresaron este xoves ao Parlamento, concretamente no marco dunha pregunta do deputado socialista Abel Losada ao actual director do Igape, Juan Cividanes, a respecto do sector naval. A pregunta de Losada chegaba despois doutra do PP centrada, precisamente, no aniversario da entidade, o que levou o deputado socialista a introducir un comentario sobre os eventos organizados para celebralo.

Losada considerou "moi acaído" falar desa celebración "despois de levar anos escoitando neste Parlamento falar dos mojitos da Habana nun acto de fomento e difusión internacional da cultura galega". O deputado evocaba así unha das acusacións máis reiteradas do PP na oposición sobre o suposto "desbalde" da Xunta nun acto da Feira do Libro da capital cubana en 2008, onde Galicia era país convidado -os célebres mojitos eran parte dun aperitivo que custara 1.626 dólares, segundo fora publicado daquela-.

Cividanes, director do Igape, nun intre da súa resposta a Losada CC-BY-SA Praza Pública

"Démoslles unha placa de metacrilato e, efectivamente, convidámolos a un 'cubata'", admitiu no Parlamento o director do Igape

"No aniversario do Igape no Hostal dos Reis Católicos o que se pagaba con diñeiro público eran as copas de alta graduación dos traballadores" e "parece que alí non estaban difundindo ningunha cultura galega especialmente relevante", ironizou Losada. Xa que "escoitamos falar tanto tempo dos mojitos, eu reivindico tamén os cubatas"; concluíu.

Na súa quenda de resposta o director do Igape quixo matizar a "información" dao deputado. "O 25 aniversario celebrouse no Palacio de Congresos e houbo un recoñecemento ás 37 persoas que facían vinte e cinco anos no Instituto" con "responsabilidades sobre a xestión dos fondos públicos". A ese persoal veterano "démoslles unha placa de metacrilato" e "efectivamente, convidámolos a un cubata", admitiu o directivo da Xunta.

Os gastos do Igape ligados á celebración do seu aniversario ascenderon, como mínimo, a 65.096 euros

Efectivamente, o acto central daquel aniversario celebrouse no Palacio de Congresos, se ben tamén implicou gasto público na empresa pública Paradores, propietaria do devandito Hostal dos Reis Católicos, así como noutras empresas. A máis cuantiosa, de 18.137,90 euros, foi a abonada á empresa concesionaria do recinto compostelán. 

No entanto, o Igape tamén abonou, cando menos, unha ducia máis de pagamentos co concepto "Servizos Xornada 25 aniversario Igape" ligados ao propio evento e a accións relacionadas coa efeméride. Estas abrangueron dende servizos de organización de congresos ata edición dun libro e a produción dun vídeo. En concreto, a pagada a Paradores ascendeu a 4.515,72 euros. En total, os gastos ligados á celebración do aniversario ascenderon, como mínimo, a 65.096 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.