O "non" de PP, Vox e Junts impide a Galicia dispor de 280 millóns máis ata 2028

Feijóo, flanqueado por Tellado e pola voceira do PP no Congreso, Ester Muñoz, este 26 de novembro, co ex-deputado galego e actual asesor Adrián Pardo en segundo plano © PP

O Congreso rexeita a senda de estabilidade formulada polo Goberno de España, que permitía ás autonomías incorrer nun déficit do 0,1% anual nos vindeiros tres anos e daba á Xunta unha marxe de gasto adicional de case 300 millóns

A febleza parlamentaria do Goberno de España é un feito dende o inicio da lexislatura estatal e nas últimas semanas non fixo máis ca agravarse politicamente tras escenificar Junts per Catalunya a "ruptura" co gabinete de Pedro Sánchez ao anunciar que, de agora en diante, votará "non" por sistema ás súas iniciativas no Congreso. Ese "non" da formación de Carles Puigdemont non é, en todo caso, inédito. E, como sucedera hai apenas un ano, ao sumarse ás negativas de PP e Vox ten repercusións financeiras en todas as autonomías.

O pleno do Congreso rexeitou este 27 de novembro a senda de estabilidade orzamentaria presentada polo Ministerio de Facenda para o período 2026-28. Trátase dun paso previo e imprescindible para a eventual -e complexísima- potencial aprobación duns Orzamentos Xerais do Estado para o ano vindeiro e o seu decaemento implica case 300 millóns menos de capacidade de gasto para a Xunta no vindeiro trienio.

A vicepresidenta María Jesús Montero, ministra de Facenda, defendendo no Congreso a senda de estabilidade 26-28 © Congreso

Esta "senda de estabilidade" consiste en fixar o reparto do déficit entre todas as Administracións públicas. Facenda fixárao no equivalente ao 2,1% do produto interior bruto (PIB) estatal para 2026, no 1,8% para 2027 e no 1,6% para 2028. No caso das comunidades autónomas, nos tres exercicios situouno no 0,1%, é dicir, poderían incorrer nun déficit (diferenza entre ingresos e gastos) polo equivalente a esa proporción do seu PIB e, polo tanto, contar con máis marxe de gasto en cadanseus orzamentos.

O Ministerio de Facenda ten un mes para volver propoñer os obxectivos de déficit e, se o Congreso os volve rexeitar, a marxe que concedía ás autonomías pasa ao Estado

Traducido a euros, ese 0,1% supuña 5.485 millóns de euros para todas as autonomías, segundo as estimacións do Ministerio. E para Galicia serían 280,7 millóns que a Xunta podería gastar adicionalmente no vindeiro trienio: 89,8 en 2026; 93,6 en 2027 e 97,3 no 2028, ano final da lexislatura galega. "Terían esa marxe para incrementar o seu investimento en sanidade, educación ou vivenda", exemplificaba o Ministerio que dirixe María Jesús Montero cando deu o visto e prace a estas cifras.

Pero esa marxe non vai existir. O "non" de PP, Vox e Junts e tamén de UPN superou a maioría absoluta e chegou a 178 votos no pleno do Congreso, fronte a 164 votos a prol e 5 abstencións (Podemos e unha deputada de Compromís). Agora o gabinete de Sánchez ten ata un mes para volver tentalo e se o "non" se repite, esa capacidade de gasto adicional pasará ao Goberno de España, mentres que a Xunta e o resto de gobernos autonómicos estarán obrigados a pechar cada exercicio equilibrando ingresos e gastos, sen esa marxe do 0,1%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.