Nas eleccións xerais de xullo do pasado ano o PP logrou a maioría absoluta no Senado impulsado polo sistema maioritario que rexe a súa composición. Dende o inicio da lexislatura, os de Alberto Núñez Feijóo apostaron por converter a Cámara Alta nunha caste de contrapoder á maioría do Congreso que investiu a Pedro Sánchez. As máis das veces, a capacidade do Senado cínguese a atrasar iniciativas do Goberno de España, pero en aspectos puntuais a súa capacidade de veto é real.
O plan do Goberno de España permitía á Xunta gastar uns 75 millóns máis dos que ingrese en 2024, pero o veto dos populares no Senado obriga a pechar este ano "en equilibrio orzamentario"
Unha das áreas nas que Goberno e Congreso non poden seguir adiante se o Senado se opón é a dos obxectivos de estabilidade orzamentaria de cada ano, segundo o fixado nunha das leis aprobadas durante a crise financeira da década pasada, baixo a atenta ollada da troika. O Ministerio de Facenda fixara para este 2024 uns obxectivos de déficit globais do 3%, pero cun reparto que, para as comunidades autónomas, se situaba no equivalente ao 0,1% do seu produto interior bruto (PIB) en 2023.
Traducido a euros, o proposto polo gabinete de Pedro Sánchez era que a suma das comunidades autónomas puidese incorrer nun déficit -diferenza entre ingresos e gastos- duns 1.456 millóns de euros para 2023. Dentro dese montante, a Galicia correspondíanlle uns 75,83 millóns de euros, o equivalente ao 0,1% do PIB galego estimado para o pasado 2023, segundo datos do Ministerio.
A decisión do PP tamén afecta aos concellos, obrigados agora a lograren este ano un superávit do 0,2%
Pero tras, un primeiro "non" a principios de febreiro, o PP impuxo este 6 de marzo no Senado o seu "non" definitivo. E con ese bloqueo decaen os obxectivos de déficit que, confirma o Ministerio, pasan a ter que rexerse polo Programa de Estabilidade que o Estado remitiu á Comisión Europea o ano pasado. A repercusión para as comunidades autónomas é que teñan que rematar 2024 "en equilibrio orzamentario", polo que Galicia xa non poderá gastar 75,8 millóns máis dos que ingrese.
O pasado 2023, Galicia pechou cun déficit do 0,3%, segundo datos da Xunta. Para elaborar os Orzamentos de 2024, a Consellería de Facenda estimou escenarios cun déficit do 0% aludindo a falta de información do Estado. No entanto, esas estimacións cadran agora coa consecuencia do "non" do PP no Senado.
A decisión do partido de Feijóo afecta tamén aos concellos. O plan gobernamental recollía que tivesen que pechar 2024 coa mesma cantidade de ingresos que gastos, pero agora terán que reformular as súas contas cun superávit (máis ingresos ca gastos) equivalente ao 0,2% do PIB. Isto é, terán "uns 2.924 millones de euros menos de capacidade fiscal para poder investir en políticas públicas", resume Facenda.
A ministra Montero lamenta o "tiro no pé" dos populares e reafirma a súa intención de presentar os Orzamentos Xerais do Estado para este ano
Entre os argumentos aludidos polos populares para reiterar o seu veto figurou "pechar as portas ao abuso de poder" e "poñerse ao lado dos españois", afirmou a súa voceira no debate, Eva Ortiz. A ministra María Jesús Montero, pola súa banda, lamenta que "impidan que comunidades autónomas e concellos teñan máis capacidade de gasto", xa que non logran "nada máis" ca iso, e aínda que nalgúns casos, coma o galego, supoña "pegarse un tiro no pé", xa que limitan a marxe de manobra orzamentaria dos seus propios gobernos. A ministra agrega ademais que este veto non altera os seus plans para presentar os Orzamentos Xerais do Estado para 2024.
Na mesma liña, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, coida que "o capricho do PP, co único fin de facer dano ao Goberno de España, sae moi caro e prexudica gravemente aos galegos e galegas". A Xunta do PP, lamenta, queda como "cómplice" da perda de "máis de 75 millóns para educación, sanidade ou dependencia".