Alberto Núñez Feijóo foi designado senador polo Parlamento galego o pasado ano, co obxectivo de pasar directamente do Senado á Moncloa e ante a imposibilidade de ter praza antes no Congreso dos Deputados. O líder do PP deixou a Xunta co propósito de alcanzar a presidencia do Goberno de España vía Cámara Alta, na que o seu partido si recuperou a maioría absoluta nas eleccións xerais deste pasado domingo.
O PP obtivo a maioría absoluta no Senado, con 120 representantes aos que haberá que sumar os 23 que ten por designación autonómica
Foi no Senado onde Feijóo puido confrontar con Pedro Sánchez durante a pasada lexislatura. Agora, os populares recuperan a Cámara Alta cunha maioría absoluta que atrancaría algo un hipotético goberno de coalición progresista. O PP obtivo 120 das 208 prazas de senador que se repartían nos comicios, aos que haberá que sumar os 23 parlamentarios que ten por designación autonómica (ata os 143), dous no caso de Galicia para os populares, sendo o outro para o BNG.
Serán elixidos o vindeiro venres nun pleno extraordinario e os nomes elixidos polo PP son José Manuel Baltar e José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol. O barón ourensán terá así adxudicado un escano apenas unha semana despois de deixar a presidencia da Deputación de Ourense e, mentres está pendente de xuízo polo seu exceso de velocidade aos mandos dun vehículo oficial da Deputación, pasará a estar aforado.
Así, cos resultados deste 23X no país, a vitoria do PP nas eleccións ao Senado é inapelable. Aumentou representación, pasando dos 11 de 2019 aos 12 deste domingo, gañando un senador que arrebatou ao PSdeG, que queda en catro.
En Galicia, o PP pasou de 11 a 12 senadores, gañando o representante que perdeu o PSdeG, que quedou en catro
Os populares obtiveron tres representantes na Cámara Alta por cada unha das provincias, acadando o PSdeG un senador tamén por cada un dos territorios. Nin o BNG nin Sumar obtiveron representación, malia que nalgún caso os votos recibidos por algúns dos seus candidatos superaron os conseguidos pola respectiva candidatura provincial. O PPdeG terá 14 senadores, por catro do PSdeG e un do BNG.
En Lugo, Ourense e Pontevedra foron elixidos catro alcaldes e alcaldesas do PP que veñen de renovar o seu mandato logo das eleccións municipais do 28M
Nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra foron elixidos para o Senado catro alcaldes e alcaldesas do PP que veñen de renovar o seu mandato logo das eleccións municipais do pasado 28 de maio. Así, o presidente da Deputación ourensá e alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, compatibilizará eses dous cargos co de senador en Madrid.
Tamén terán dobre responsabilidade María José Gómez, alcaldesa de Guntín; Nidia Arévalo, rexedora en Mos; así como Xosé Crespo, de Lalín. Tamén obtivo acta na Cámara Alta o xa ex-alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que perdeu o bastón de mando tras un acto entre BNG, PSdeG e unha formación independente na localidade do Barbanza.
Pola Coruña, ademais, tamén representará o PP no Senado Rosa Gallego, ex-voceira dos populares no consistorio da capital provincial, así como a ferrolá Verónica Casal. Polo PSdeG foi elixido Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago ata as últimas eleccións municipais.
Por Lugo, o PP coloca no Senado a José Manuel Barreiro, que foi portavoz dos populares na Cámara Alta durante sete anos, ata 2018, e Juan Carlos Serrano, o senador que cedera o seu posto a Feijóo en maio de 2022 e que fora nomeado director da Casa de Galicia en Madrid. Polo PSdeG o representante será César Alejandro Mogo.
Ademais, tamén será senadora por Pontevedra a popular María José Pardo Pumar e polos socialistas, Carmela Silva, ex-presidenta da Deputación. En Ourense completan a representación galega María del Carmen Leyte e Roda María Sánchez polos populares e Rafael Rodríguez Villarino, que fora voceiro socialista no concello da capital provincial.
No resto do Estado, o sistema maioritario que beneficiou o PP foi na contra doutras formacións. O PSOE obtivo 72 representantes fronte aos 93 de 2019. A terceira forza no Senado corresponde a Izquierdas por la Independencia, coalición que formaron EH Bildu e ERC. Con todo, a formación catalá consumou na Cámara Alta os seus malos resultados, xa que chegara a sumar once senadores hai catro anos. Junts, pola súa banda, queda con un fronte aos tres que tiña, metnres que o PNV perde cinco e queda con catro.