Vén sendo un ruxerruxe dende que Alberto Núñez Feijóo iniciou a súa marcha definitiva cara ao liderado do PP en substitución de Pablo Casado e agora xa é o aínda presidente da Xunta quen verbaliza esta posibilidade. Fíxoo en respostas á prensa tras a primeira xuntanza con Pedro Sánchez en calidade de líder conservador. Alí admitiu que, tras dimitir como xefe do Goberno galego -prevé culminar a remuda en maio-, o seu destino pode pasar tamén polo Senado, como senador por designación do propio Parlamento de Galicia, para así ter máis visibilidade na escena estatal e a posibilidade de interpelar a Sánchez nalgúns debates.
Se finalmente culmina esa operación -Feijóo di que tomará á decisión tras falar cos grupos do PP no Congreso e no propio Senado, se ben a decisión está nas mans da dirección que el mesmo dirixe-, o presidente saínte seguiría os pasos de quen foi o seu antecesor no liderado do PP de Galicia, Manuel Fraga. En marzo de 2008, case tres anos despois de perder a Xunta e cando Feijóo levaba máis de dous como presidente do PPdeG, Fraga foi elixido senador por designación do Parlamento por segunda vez. Paradoxalmente, fíxoo cos votos dos gobernantes PSdeG e BNG e sen os sufraxios do PP.
A primeira elección de Fraga como senador en substitución de Corina Porro aprobárase en 2006 por unanimidade do Parlamento
A súa primeira elección como senador producírase apenas dúas semanas despois da remuda no liderado do PPdeG, en febreiro de 2006. Daquela, Corina Porro renunciara ao escano na Cámara Alta conformada tras as eleccións xerais de 2004, o PP propuxo formalmente no Parlamento que fose substituída por Fraga e o voto unánime do lexislativo galego deu o seu visto e prace á remuda, sen maiores sobresaltos. Este sería o procedemento que agora seguiría Feijóo, previa renuncia de Elena Muñoz ou Juan Carlos Serrano, que ocupan actualmente os postos do Parlamento que designa o PP galego na institución -o terceiro posto dos tres que corresponden ao Parlamento galego ocúpao actualmente o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga-.
Tras as xerais de 2008, PSdeG e BNG aprobaron asignar a cada grupo un dos tres postos no Senado que corresponden ao Parlamento galego, pero o PP reclamaba manter dous por "proporcionalidade". Non o lograron e converteron os seus votos en nulos
O conflito chegou en marzo de 2008. Como marca a normativa, unha vez celebradas eleccións xerais -as segundas tras as que o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, o Parlamento galego ten que renovar os seus tres postos no Senado. Os daquela socios do Goberno galego -PSdeG e BNG- fixeron valer a súa maioría na Mesa do Parlamento para dispoñer o reparto dun posto para cada grupo. Os populares reclamaron formalmente contra a decisión, ao considerar que se trataba dun reparto "absurdo" do punto de vista da "proporcionalidade" por teren os mesmos senadores que o BNG malia contaren daquela con 37 escanos e o Bloque, con 13. Os de Feijóo reclamaban 2 postos, co terceiro e último para os socialistas e sen representación nacionalista.
Os populares discrepaban da posición política de PSdeG e BNG, mais tamén dun informe dos Servizos Xurídicos do Parlamento ao considerar que non tiña en conta os precedentes correctos, e pediron formalmente que os postos fosen asignados "a través da aplicación da fórmula d'Hondt", con 2 para o PP e 1 para o PSdeG. Un dos seus postos sería para Fraga e outro, para Manuel Cabezas, que fora alcalde de Ourense ata 2007 e así o fixeron constar no Rexistro do Parlamento.
Socialistas e nacionalistas mantiveron a súa postura, cun senador por grupo, e así chegou a votación do 25 de marzo de 2008. Na papeleta que recibiron os deputados e deputadas aparecía o nome de Fraga e xunto a el, os dos candidatos de PSdeG e BNG, Xavier Carro e Xosé Manuel Pérez Bouza. Os de Feijóo optaron por boicotear a votación, riscando o nome de Pérez Bouza e escribindo manualmente o de Cabezas, o que converteu os seus 37 votos en nulos. Foi así como Fraga quedou reelixido como senador sen os votos do seu partido. Sería membro da Cámara Alta ata 2011, cando con 89 anos renunciou a optar á reelección.