Tras as xerais de abril os populares demoraron dous meses a elección dos representantes autonómicos para paliar os malos resultados nas municipais de maio, pero agora volven aos ritmos habituais
Este martes día 19, apenas 9 días despois das eleccións xerais, o Parlamento de Galicia elixiu os tres representantes que lle corresponden no Senado por designación autonómica, os populares Elena Muñoz e Jesús Vázquez e o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga. A data elixida supón a volta á normalidade nos prazos de designación de senadores por parte da Cámara galega despois de que tras as xerais de abril os populares a adiasen dous meses para poder recolocar neses postos a candidatos fracasados nas municipais de maio.
Outras comunidades elixen os senadores por designación autonómica tras os comicios autonómicos, pero Galicia faino coincidindo coas lexislaturas estatais
A diferenza doutras comunidades que elixen os seus senadores e senadoras por representación autonómica tras as eleccións autonómicas, en Galicia o Estatuto de Autonomía establece que se debe facer en función de cada lexislatura estatal, como a que agora comeza. Unha elección que tradicionalmente se viña facendo poucas xornadas despois dos comicios, como os apenas tres días que pasaron tras as xerais de 2015, ou as dúas semanas tras as de 2016. Porén, tras as xerais do pasado 28 de abril os populares demoraron a votación no Parlamento de Galicia dous meses, ata o 25 xuño, para recolocar no Senado a dous dos candidatos que polo medio fracasaran nas municipais do 26 maio, Muñoz e Vázquez, que agora repiten.
Leiceaga substitúe a Sande ao recuperar o PSdeG a condición de segunda forza no Parlamento tras a división de En Marea
Daquela, xunto cos dous populares tamén foi designado José Manuel Sande, ex-concelleiro de Marea Atlántica na Coruña, pero a división do grupo de En Marea no Parlamento de Galicia fixo que o PSdeG volva ser a segunda forza e polo tanto teña o dereito de elixir o terceiro escano, neste caso o ata agora portavoz parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga, cuxo protagonismo mermou tras a entrada na Cámara do líder da formación, Gonzalo Caballero. Por outra banda, se na elección adiada de xuño Muñoz e Vázquez non acudiron á tribuna de invitados da Cámara, como era habitual neste tipo de designacións e como fixo Sande, desta volta si estiveron presentes.
Coa designación deste martes por parte do Parlamento de Galicia, os tres novos senadores súmanse aos 11 que obtivo o PP nas urnas por elección directa da cidadanía o 10 de novembro e os 5 logrados polo PSdeG.