A Mesa do Parlamento decidiu que o nome que se vote o martes para o terceiro senador, o que corresponde á oposición, sexa o de José Manuel Sande, proposto polos críticos de En Marea antes da ruptura do grupo deste xoves
Eran dúas apostas persoais do propio Feijóo en dúas prazas de futuro dubidoso e agora o presidente galego agradécelles o seu sacrificio dándolles os dous escanos de senadores por designación autonómica a que ten dereito o PP. Os ex-conselleiros e candidatos do PP o pasado 26M en Vigo e Ourense, Elena Muñoz e Jesús Vázquez, serán os que ocupen eses postos tras perder as eleccións a primeira fronte á previsible maioría absoluta de Abel Caballero e verse o segundo empregado como moeda de cambio para que Baltar manteña o control da Deputación provincial a cambio de darlle a alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome.
Aos dous senadores por designación autonómica que agora propón o PP hai que engadir un terceiro pola oposición. A Mesa do Parlamento, tras consultar cos letrados da Cámara, decidiu este venres que o nome que se vote o martes no pleno para ese posto sexa o de José Manuel Sande, proposto polos críticos de En Marea antes da ruptura do grupo deste xoves.
Nas xerais o PP viu como a súa derrota a mans do PSdeG supuña pasar de 12 a só 4 senadores electos nas urnas
A histórica derrota do PP en Galicia nas pasadas eleccións xerais fronte ao PSdeG fixo que os populares pasasen de ter tres senador electos nas urnas por provincia a só un, o que suscitou o debate sobre se algún dos que quedaran sen escano, como a ex-presidenta do Parlamento Pilar Rojo ou o ex-rexedor de Ferrol Juan Juncal, resultaría recolocado nalgún dos dous postos por designación autonómica que lle corresponden ao PP como primeira forza no Parlamento de Galicia.
Ata agora un dos senadores por designación autonómica era Jiménez Morán, a quen Feijóo colocou no Senado tras intentar sen éxito en 2010 quitarlle o control do PP en Ourense aos Baltar
Eses dous postos estaban ocupados ata agora por Juan Manuel Jiménez Morán, ex-alcalde de Verín, e por Fernando Carlos Rodríguez, que fora alcalde de Bóveda. A designación no seu momento de Jiménez Morán para ese escano xa fora lida como un agradecemento de Feijóo por intentar en 2010, sen éxito, quitarlle o control do partido en Ourense aos Baltar. Agora ese agradecemento cun posto no Senado vai para as dúas apostas persoais sacrificadas nas municipais en Vigo e Ourense.
En Ourense Jesús Vázquez viuse na tesitura de ter que votar a favor de Jácome como alcalde no pleno de investidura do pasado sábado
Elena Muñoz e Jesús Vázquez eran dous dos cinco ex-conselleiros que Feijóo presentou ás municipais o pasado 26M como apostas persoais, dos que só un, José Manuel Rey Varela, mellorou resultados pero insuficientes para gobernar. En Vigo Feijóo xa encargara en 2015 á súa daquela conselleira de Facenda Elena Muñoz intentar socavar a alcaldía a Abel Caballero. Tampouco o logrou o pasado 26M no seu segundo intento, no que o socialista, como xa prognosticaban as enquisas, acadou o 67% dos votos deixando o PP por baixo do 14%. Agora Muñoz será senadora.
Tamén en 2015 Feijóo decidira prescindir do seu daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para que fose o candidato do PP en Ourense. Logrou a alcaldía como candidato máis votado pero en minoría e a imposibilidade de chegar a acordos nin co PSdeG nin coa Democracia Ourensana de Jácome converteu o seu mandato municipal nun calvario. Aspirou á reelección o pasado 26M pero o PP optou por sacrificalo e darlle a alcaldía a Jácome a cambio de que este manteña na Deputación a Baltar. O propio Vázquez viuse na tesitura de ter que votar a favor de Jácome como alcalde no pleno de investidura do pasado sábado. Agora Feijóo faino senador.
A elección dos tres senadores por designación autonómica resolverase definitivamente o próximo martes, cando está convocado o pleno do Parlamento que os elixirá
O terceiro senador por designación autonómica correspóndelle designalo á primeira forza da oposición no Parlamento de Galicia. Esta era En Marea ata este mesmo xoves, pero a súa ruptura deixou en mans dos servizos xurídicos da Cámara decidir se o PSdeG, que agora a adiantará, resultaba beneficiado no Senado. Os críticos de En Marea xa chegaran a enviar unha proposta de senador, José Manuel Sande, ex-concelleiro de Marea Atlántica na Coruña, nome rexeitado polo portavoz do grupo, Luís Villares. Malia que Villares e tres deputados afíns pasarán agora ao Grupo Mixto, o que dará o liderado da oposición ao PSdeG, a Mesa do Parlamento decidiu que ese cambio aínda non entrou en vigor e polo tanto segue vixente a proposta de Sande como senador. A situación resolverase definitivamente o próximo martes, cando está convocado o pleno do Parlamento no que os deputados votarán aos tres senadores por designación autonómica.