O home de confianza de Feijóo no PP de Ourense deu unha licenza ilegal a unha alto cargo da Xunta

Juan Manuel Jiménez Morán, á dereita, con Feijóo e Baltar Dominio Público PP

O Tribunal Superior anula o permiso de construción que o senador Jiménez Morán deu cando era alcalde de Verín a Carmen Pardo, ex-directora de Turismo

O actual senador do PP Juan Manuel Jiménez Morán concedeu en 2012, cando era alcalde de Verín, unha licenza ilegal para que a súa compañeira de partido e de candidatura nalgúns procesos internos do PP Carmen Pardo, que foi directora de Turismo, puidese edificar un chalé sobre terreo rústico.

O permiso acaba de ser anulado pola sección segunda da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestimou o recurso presentado pola ex-alto cargo do Goberno de Alberto Núñez Feijóo contra un fallo anterior do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense que invalidou a licenza en abril de 2016. O fallo agora do Superior confirma a nulidade da prórroga da licenza que Carmen Pardo, directora xeral de Turismo no primeiro Goberno de Feijóo, obtivo o 19 de outubro 2012, só tres días despois de solicitala ao Goberno municipal que presidía Jiménez Morán.

O Tribunal Superior lembra que esa prórroga pediuse "cando xa o chan sobre o que se pretendía levantar a vivenda adquirira novamente a condición de rústico despois da anulación do plan de ordenación urbanística do 2007, aprobado pola Corporación municipal sendo alcalde Juan Manuel Jiménez Morán". O fallo cualifica como "unha infracción urbanística moi grave" a autorización para continuar as obras da vivenda unifamiliar de Pardo, segundo adiantou La Región.

A historia vén de lonxe. Fora o propio Jiménez Morán en 2009 o que dera permiso como rexedor de Verín para edificar ese chalé de cantería de acordo co plan urbanístico aprobado en 2007. Pero as obras non arrincaron nunca e en 2012 a daquela directora xeral de Turismo da Xunta solicitou unha prórroga para edificar a súa vivenda. Polo medio, anulouse o plan urbanístico e rexían unhas normas subsidiarias anteriores que cualificaban a parcela como chan rústico.

Jiménez Morán e Carmen Pardo formaron parte da candidatura que o presidente galego auspiciou para tentar evitar, sen éxito, que Manuel Baltar herdase a presidencia do partido en Ourense

Por iso o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula definitivamente o permiso para construír o chalé. O alcalde de Verín e a solicitante da licenza que obtivo por dúas veces do concello ourensán son dous vellos coñecidos do PP provincial. Ambos foron altos cargos no Goberno de Alberto Núñez Feijóo, o primeiro como superdelegado na provincia de Ourense e Carmen Pardo como responsable de Turismo entre 2009 e 2013. Ambos tamén formaron parte da candidatura que o presidente galego auspiciou para tentar evitar que Manuel Baltar herdase a presidencia do partido en Ourense do seu pai, José Luis. A lista de Jiménez Morán a ese conclave interno de 2010 contou con Carmen Pardo e con outros pesos pesados da provincia aliñados con Feijóo, pero fracasou fronte a Baltar fillo, que consolidou a dinastía en Ourense.

Jiménez Morán e Carmen Pardo no centro da imaxe nun acto da segunda como directora de Turismo Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.