Só un dos cinco ex-conselleiros que Feijóo presentou ás municipais mellora resultados, pero non gobernará

Mato e Rey Varela, candidatos do PP na Coruña e Ferrol, cando eran conselleiros de Feijóo © Xunta

O presidente fracasa coa maioría das súas apostas máis persoais e con operacións que, tras admitir que debilitaban a Xunta, agora fan o mesmo co PP en varios concellos que perde

Malia gabar constantemente a estabilidade do seu propio Goberno, hai medio ano Feijóo cambiaba novamente a súa composición e convertía a dous dos seus conselleiros en candidatos a alcalde. O propio presidente admitía que a operación empeoraba a Xunta, pero xustificábao como un sacrificio persoal para mellorar cidades que consideraba desgobernadas pola esquerda. Medio ano despois, nin eles nin os outros tres conselleiros que xa sacrificara previamente como candidatos locais e que agora o volvían intentar, apoiados con proxección mediática desde a propia Xunta, conseguiron o seu obxectivo de gobernar e só un, José Manuel Rey Varela en Ferrol, mellorou resultados. Feijóo fracasa así novamente coa maioría das súas apostas máis persoais e con operacións que agora debilitan o PP tamén en varios concellos que deixa de controlar. 

O primeiro dos seus conselleiros que Feijóo sacrificou para intentar manter o poder nunha das sete grandes cidades galegas foi en 2014 Agustín Hernández, daquela titular de Medio Ambiente e Infraestruturas que malia ser o último da lista de Santiago nas eleccións previas de 2011 se tivo que facer cargo da alcaldía tras a imputación de boa parte do goberno local tras un mandato de maioría absoluta popular marcado polos escándalos. Hernández gobernou menos dun ano e foi candidato nas eleccións de 2015, pero con el o PP baixou de 13 a 9 concelleiros, superado por Compostela Aberta. Agora Feijóo mantivo novamente a confianza nel e o resultado foi a perda doutro concelleiro e ser adiantado polo PSdeG cos peores resultados da historia do PP na capital galega.

Feijóo nun mitin con Hernández en 2015 CC-BY-SA PPdeG

Os tres ex-conselleiros que se presentaban por segunda vez, Hernández, Vázquez e Muñoz, volven empeorar os seus resultados

En 2015 Feijóo decidiu sacrificar outros dous conselleiros, os seus daquela titulares de Educación, Jesús Vázquez, e Facenda, Elena Muñoz, para intentar facerse coas alcaldías de Ourense e Vigo. Só o primeiro o logrou, en minoría, pero agora baixa de 10 a 7 concelleiros e só un improbable pacto con Democracia Ourensana lle permitiría gobernar por diante dos socialistas, que foron a forza máis votada. En Vigo Muñoz xa empeorara en 2015 os resultados previos do PP e agora faino aínda máis, baixando de 7 a 4 concelleiros e apenas o 14% dos votos.

Tras eses tres casos, hai medio ano Feijóo decidiu prescindir tamén dos conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e Medio Ambiente, Beatriz Mato, para intentar que o primeiro recuperase a alcaldía de Ferrol que xa ocupara e a segunda intentase tombar á Marea Atlántica. “Reafírmome en que se por min fose non cambiaría a Xunta”, dixo Feijóo daquela, evidenciando que ao seu ver o sacrificio que facía para intentar conseguir esas alcaldías estaba a empeorar o seu propio Goberno. Agora Mato vén de perder un escano e deixa a alcaldía en mans do PSdeG mentres que Rey Varela vén de ser o máis votado en Ferrol, gañando un escano, pero sen obter maioría suficiente para impedir outra alcaldía socialista.

Coa remuda da Xunta tras as municipais de 2015 Feijóo deu consellerías aos daquela recén electos alcaldes de Baiona e Melide, vilas nas que o PP perde agora a maioría absoluta

Tras perder en 2015 a alcaldía de Ferrol, Rey Varela foi recolocado a finais daquel ano na Xunta como conselleiro na máis ampla remuda do Goberno galego realizada por Feijóo. Ademais do ferrolán derrotado, o presidente deu entrada daquela como conselleiros a dous exitosos alcaldes que viñan de obter maiorías absolutas: deu Sanidade ao rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e Medio Rural á de Melide, Ángeles Vázquez, que foron substituídos nesas dúas vilas polos seus segundos: Ángel Rodal Almuiña, primo do conselleiro, e Dalia García, á que a propia Xunta promocionou en campaña electoral. Pero ningún dos dous foi quen de consolidarse nestes tres anos e medio e tanto en Baiona como en Melide os populares veñen de perder as súas maiorías absolutas.

Jiménez Morán, protexido de Feijóo en Verín tras enfrontarse aos Baltar, baixou do 38% ao 23%

A man de Feijóo tamén está por detrás doutra derrota municipal, a de Verín, onde o PP xa non gobernaba pero cuxo candidato, Juan Manuel Jiménez Morán, que xa fora alcalde entre 1995 e 2004 e de 2007 a 2015, vén de empeorar aínda máis os resultados baixando do 38% ao 23% dos votos. Jiménez Morán foi a aposta de Feijóo para intentar en 2010 quitarlle o control do PP provincial aos Baltar, pero non o logrou. O simple feito de que puidese volver presentarse en Verín malia o seu enfrontamento coa dirección provincial evidencia que contaba coa protección persoal de Feijóo, que o vén compensando tamén desde 2011 cun posto de senador por designación autonómica. 

Juan Manuel Jiménez Morán, á dereita, con Feijóo e Baltar Dominio Público PP

O PP obtivo en Cerdedo-Cotobade un número similar de votos aos que sumaba antes nos dous concellos

Outra das apostas persoais de Feijóo dos últimos anos que puido avaliarse nestas eleccións municipais si resultou positiva para os intereses populares. O presidente vén esforzándose por lograr fusións de concellos e igual que fixo en 2013 cos coruñeses de Oza e Cesuras, cuxa cidadanía seguiu apoiando maioritariamente ao PP nas municipais de 2015, en 2016 impulsou a unión dos pontevedreses de Cerdedo e Cotobade. Nestas primeiras eleccións municipais desde esa fusión o PP vén de obter un número similar de votos aos que sumaba antes nos dous concellos, uns 2.500, mentres que o PSdeG que antes sumaba preto de 1.200 agora queda por baixo dos mil. A fusión e suma de votos si permite que agora entre na nova Corporación o BNG cun edil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.