Malia non ocupar ningún cargo público, Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela teñen protagonismo en actos oficiais do Goberno galego na Coruña e Ferrol, a cuxas alcaldías aspiran, como tamén ocorre cos portavoces da oposición en Vigo ou Santiago
Xa pasou na campaña das eleccións municipais de 2015 e volve ocorrer agora de cara aos comicios do próximo 26 de maio. Candidatos do PP en diferentes vilas e cidades, en especial ex-conselleiros, volven coarse nas fotografías oficiais da Xunta, nalgún caso malia non ocupar ningún cargo público, promoción gratuíta das súas figuras que hai catro anos o Goberno galego negaba asegurando que era unha “cuestión persoal” de quen ve as imaxes.
É habitual que nos diversos actos que os membros do Goberno galego celebran en todo tipo de municipios aparezan xunto a eles os rexedores locais e mesmo outros concelleiros de calquera das forzas políticas presentes en cada corporación. No últimos tempos a axenda oficial da Xunta xa está a primar a concellos gobernados polo PP, como é o caso de Ourense, única cidade popular e na que é alcalde o ex-conselleiro de Educación Jesús Vázquez. Pero é en municipios gobernados por outras formacións e nos que os candidatos para o 26 de maio non son actualmente concelleiros onde máis rechamante é a súa presenza en actos oficiais da Xunta e nas súas fotografías.
Unha nota de prensa oficial da Xunta dun acto da conselleira de Política Social en Ferrol no que tivo protagonismo Rey Varela, que non ten ningún cargo público alén do escano, chegou a gabar "o seu compromiso, traballo e esforzo"
A promoción por parte da Xunta dos candidatos do PP chegou ao extremo, o pasado 17 de decembro, con José Manuel Rey Varela, ex-conselleiro de Política Social candidato á alcaldía de Ferrol pero que na actualidade non ocupa ningún cargo público alén de ser deputado. Malia iso, foi protagonista na presentación en Ferrol dun libro con imaxes de galegos con máis de cen anos por parte da actual conselleira, Fabiola García. Rey Varela, que non é nin concelleiro da oposición, compartiu escenario e fotografías e a el estivo dedicada parte da nota de prensa distribuída pola Xunta, na que salientou “o seu compromiso, traballo e esforzo”.
Mato e Rey Varela xa multiplicaran a súa presenza en actos na Coruña e Ferrol nos seus últimos tempos como conselleiros, cando xa era un secreto a voces que ían ser candidatos do PP a esas alcaldías
Tampouco ocupa xa ningún cargo alén do escano a candidata do PP na Coruña, Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente. Iso non lle impediu aparecer no centro da imaxe nunha visita que a actual conselleira, Ángeles Vázquez, fixo tamén o 17 de decembro ás obras de urbanización do Parque Ofimático da cidade. Alí estaban presentes o responsable de Urbanismo do goberno local da Marea Atlántica e outros concelleiros, pero quen aparece entre a actual conselleira e os técnicos que explicaban a obra na imaxe distribuída pola Xunta é Mato, que non ten ningún cargo.
Unhas presenzas, as de Mato e Rey Varela en actos da Xunta na Coruña e Ferrol sen ter xa ningún cargo público, que se produce despois de que os dous multiplicasen os seus actos nesas dúas cidades nos seus últimos tempos como conselleiros cando xa era un secreto a voces que ían ser candidatos do PP a esas alcaldías.
Malia estar na oposición, o feito de ser concelleiros xustifica a presenza doutros ex-conselleiros da Xunta en actos organizados polo Goberno galego en municipios que non controla o PP. Ese é o caso do ex-conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández en Santiago ou da ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz en Vigo. Pero tamén nos seus casos a Xunta dálles un protagonismo nas súas imaxes oficiais que non sempre ofrece a rexedores ou concelleiros doutros partidos.
En Vigo a portavoz e candidata do PP, Elena Muñoz, aparece en todo tipo de actos da Xunta, algo que xa fixo na campaña de 2015 cando non ocupaba ningún cargo público
O pasado 16 de xaneiro, novamente nun acto da conselleira de Política Social, nunha visita a un centro de discapacitados da Asociación San Francisco en Vigo, a que aparecía en lugar destacado nas imaxes da Xunta era Elena Muñoz. No seu caso, é habitual que a candidata do PP apareza xunto a cargos autonómicos en todo tipo de actos oficiais celebrados por estes en Vigo, algo que leva facendo desde a súa primeira candidatura en 2015, cando non ocupaba ningún cargo público pero tanto a Xunta como a Autoridade Portuaria de Vigo, tamén controlada polos populares, lle dedicaron unha atención especial.
Tamén o ex-conselleiro de Medio Ambiente e candidato do PP en Santiago Agustín Hernández (no seu caso, como Muñoz, portavoz da oposición), é habitual en actos da Xunta na cidade, onde ás veces as imaxes oficiais danlle un protagonismo especial. Como no caso de Mato na Coruña, o 11 de xaneiro Hernández aparecía tamén en lugar central nunha visita da actual conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ás obras de construción da nova estación de autobuses intermodal da cidade.
A promoción de candidatos do PP por parte da Xunta non se limita aos que foron conselleiros e en Lugo dedica tamén unha atención especial ao xefe territorial da Consellería de Presidencia, Ramón Carballo, aspirante popular á alcaldía da cidade
A promoción de candidatos do PP por parte da Xunta non se limita aos que foron conselleiros, malia ser estes os recoñecibles por maior cantidade de poboación. Concelleiros populares aparecen en todo tipo de imaxes oficiais do Goberno galego nas que non adoita haber tanta presenza de representantes doutros partidos. E en Lugo, onde o candidato popular será Ramón Carballo, xefe territorial da Consellería de Presidencia, a Xunta está a converter en habitual incluílo na súa axenda oficial na cidade, un protagonismo mediático pouco habitual noutros xefes territoriais das distintas consellerías no resto de Galicia.