A precampaña municipal en marcha: a Xunta adapta a súa axenda oficial aos intereses locais do PP

Feijóo, nun dos varios actos incluídos na súa axenda no último mes co alcalde de Ourense, o único do PP nas sete cidades galegas Dominio Público Xunta de Galicia

Ourense, única cidade que gobernan os populares, e vilas tamén controladas polos conservadores están a concentrar os actos do Goberno galego fronte a municipios da esquerda que pasan a un segundo plano

O plan reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que afecta a terreos de Vigo, Vilagarcía, Bueu e Ribeira, foi presentado en público pola Xunta o pasado 28 de decembro no último deses municipios, ao que pertence a pequena illa de Sálvora e único gobernado polo PP. Ese mesmo día a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, que afecta a 21 concellos, non era presentada polo propio Feijóo no maior dos municipios implicados e referencia comarcal, o de Monforte, gobernado polo PSdeG, senón no veciño de Pantón, do PP. Estes son só dous exemplos de como, a menos de cinco meses para as eleccións municipais, o Goberno galego está a primar na súa axenda oficial os actos en concellos gobernados polo PP, algo que nas sete cidades supón sobrerrepresentar á de Ourense, a única que controlan os populares e elixida este ano para a retransmisión por parte da CRTVG da cabalgata dos Reis Magos do pasado día 5. 

Feijóo na declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC), acto celebrado en Pantón, do PP, e non en Monforte, do PSdeG Dominio Público Xunta de Galicia

Xa antes de deixar a Xunta a finais do pasado setembro, os ex-conselleiros Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela, candidatos ás alcaldías da Coruña e Ferrol, multiplicaran os seus actos oficiais nesas dúas cidades

O PP non vén de empezar agora a empregar o Goberno galego para a longa precampaña das eleccións municipais do 26 de maio. Xa antes de deixar a Xunta a finais do pasado setembro, os ex-conselleiros Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela, candidatos ás alcaldías da Coruña e Ferrol, multiplicaran os seus actos oficiais nesas dúas cidades. Pero a medida que avanzan os días a axenda oficial do Goberno galego reflicte cada vez máis a súa adaptación aos intereses dos populares a nivel local, algo que xa ocorrera na campaña das municipais de 2015.

Deixando de lado os actos que se celebran habitualmente en Santiago como capital galega, ou os que están ligados a algunha outra entidade ou celebración allea á Xunta á que se despraza algún membro do Goberno galego (entrega de premios empresariais en Ferrol ou celebración militar na Coruña), este está a primar os actos con presenza de autoridades municipais en concellos gobernados polo PP. Só no último mes, desde comezos de decembro, e con numerosos festivos polo medio nos que estivo baleira, a axenda do propio Feijóo reflicte tres actos co alcalde de Ourense, o seu ex-conselleiro de Educación Jesús Vázquez, único alcalde popular das sete cidades galegas. Con el estivo o 5 de decembro visitando o albergue de peregrinos de Ourense, o 17 de decembro presentando a futura ampliación do hospital da cidade no auditorio municipal e o 19 de decembro inaugurando unha exposición nunha sala de mostras tamén municipal. 

Este martes foi A Estrada, tamén con alcalde popular, o lugar elixido por Feijóo para repasar as súas políticas demográficas

En todos eses actos en Ourense as fotos oficiais da Xunta presentaron ao alcalde en lugar destacado, xunto a Feijóo. Pola contra, nesa galería de imaxes do presidente do último mes só é posible atopar outra cun alcalde doutra cidade, o da Coruña, Xulio Ferreiro, de Marea Atlántica, nunha reunión institucional similar ás que vén mantendo desde hai meses con todos os rexedores e que se fixo coincidir coa asistencia de Feijóo, o 4 de decembro, á inauguración dunha mostra no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt).

Este mesmo martes foi A Estrada, concello gobernado polo PP, o lugar elixido por Feijóo para anunciar, na escola infantil que abriu alí as súas portas hai catro meses, unha ampliación do bono coidado para a atención infantil puntual e facer repaso ás medidas do seu Goberno en materia demográfica. Ao lado do presidente nas fotos oficiais, novamente, o rexedor local. 

Feijóo, este martes nun acto na Estrada co seu alcalde do PP Feijóo, este martes nun acto na Estrada co seu alcalde do PP Dominio Público Xunta de Galicia

Tamén os conselleiros e delegados territoriais da Xunta están a primar actos con profusión de alcaldes populares nas súas fotos oficiais

Pero non só Feijóo está a centrar a súa axenda oficial en concellos do PP. Tamén os conselleiros e delegados territoriais da Xunta o están a facer, con profusión de alcaldes populares nas súas fotos oficiais. Ademais da antedita presentación por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, do plan reitor do Parque das Illas Atlánticas en Ribeira, concello gobernado polo PP, fronte aos de Vigo, Vilagarcía e Bueu que contan con máis superficie protexida, este luns ela mesma elixiu Sanxenxo para anunciar, xunto ao seu alcalde popular Telmo Martín, unha liña de axudas a concellos de menos de 50.000 habitantes. E este martes a mesma Vázquez desprazouse a Trasmiras, tamén do PP, para unha reunión sobre o urbanismo dese municipio.

A conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez, co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín Dominio Público Xunta de Galicia

Estes luns e martes o delegado da Xunta na Coruña viaxou a Dodro e Melide, con alcaldes populares, pero para un encontro co alcalde nacionalista de Mazaricos foi este o que se desprazase ata a delegación provincial

Tamén este martes a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazábase a Porto do Son, con rexedor popular, para visitar o inicio dunhas obras na estrada que atravesa o municipio. E este luns era o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen visitaba en Soutomaior, tamén do PP, unhas obras realizadas con axudas municipais do seu departamento. Por outra banda, tamén está a haber actos con alcaldes populares non anunciados previamente na axenda oficial da Xunta pero dos que o Goberno galego difunde posteriormente imaxes oficiais, como unha reunión este martes do conselleiro de Medio Rural, José González, co rexedor de Bande.

A diferenza de trato da Xunta a uns ou outros gobernos municipais pode comprobarse na axenda oficial destes dous últimos días. Este martes o delegado do Goberno galego na Coruña, Ovidio Rodeiro, desprazábase ata Melide, gobernado polo PP, para visitar unhas obras da Consellería de Medio Ambiente (cuxa titular foi alcaldesa desa vila), e este luns viaxaba igualmente ata Dodro, tamén con rexedor popular, para visitar unha zona na que se construirá unha senda peonil. Ese mesmo día Rodeiro asinou co alcalde de Mazaricos, nacionalista, a finalización dunhas obras municipais realizadas co fondo de compensación ambiental da Xunta, pero nese caso non foi o delegado do Goberno galego o que se desprazou a ese concello que non controla o PP senón o rexedor o que viaxou ata o seu despacho na cidade da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.