0 Gardados para despois

A Xunta anulou un acordo clave para a prometida remodelación do vello hospital de Lugo e ocultouno

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A finais de xaneiro de 2011 o moi deteriorado Hospital Xeral de Lugo despediu os seus derradeiros pacientes, que foron trasladados ao novo Hospital Lucus Augusti. O vello complexo pechaba case por derrubamento e o barrio ao que lle deu nome dende mediados do século pasado, A Residencia, ficaba sumido na incerteza. Vivendas, infraestruturas e innumerables pequenos negocios que medraran en torno ao hospital reclamaban non quedar "abandonados". Máis de media década e numerosas promesas despois o antigo complexo seguía abandonado e algún dos seus edificios "enfermos", en verbas da propia Xunta. Xa estaba, literalmente, a caer.

Para poñer en marcha os servizos non sanitarios prometidos por Feijóo cumpría devolver o edificio ao Ministerio cun trámite que a Xunta fixo en xaneiro e marzo, pero que anulou en maio

Neste punto e entre reiteradas reclamacións da Mesa da Residencia -comisión impulsada dende o Concello con representación dos grupos municipais e asociacións do barrio-, a mediados de 2017, máis de seis anos despois do peche, o presidente da Xunta convocou un acto solemne en Lugo para anunciar que tiña un plan para o vello hospital. Ía ser remodelado por completo: no que fora o edificio Materno Infantil íase erguer un "Centro Integral de Saúde"; ademais, a reconversión ía incluír un centro de maiores, un centro de "emprendemento aeronáutico", unha "oficina de información e emprego", unha planta de biomasa e un parque e, máis adiante, unha comisaría. Para poñer en marcha todos estes servizos adicionais aos sanitarios cumpriu realizar un trámite clave que a Xunta chegou a facer, pero que foi anulado o pasado 31 de maio sen que o Goberno galego o fixese público. Agora a Xunta admíteo, pero réstalle importancia.

Como o propio Feijóo avanzara, para levar adiante este plan era necesario modificar os acordos acadados entre a Xunta e o Estado a principios dos anos 90 no marco da transferencia das competencias sanitarias, segundo os cales o edificio do hospital lucense quedou adscrito ao Sergas, pero seguía sendo propiedade da Seguridade Social. Concretamente, para instalar no recinto "outros equipamentos públicos" non sanitarios a Xunta tiña que realizar unha "retrocesión patrimonial" a prol do Estado. Isto é, 'devolverlle' formalmente os edificios para que, á súa vez, o Ministerio os volvese ceder, pero con novos usos.

Certificación que acredita a anulación no Consello do 31 de maio dos acordos do 25 de xaneiro e do 8 de marzo

O Goberno galego non incluíu a anulación na referencia pública do Consello da Xunta e Feijóo tampouco a mencionou na súa comparecencia ante a prensa

Os trámites para ese cambio de usos comezaron o 19 de xullo nun acto público no que o propio Feijóo e a daquela ministra de Emprego, Fátima Báñez, asinaron o protocolo "para a reasignación de usos nos inmobles" do vello Xeral. En cumprimento dese acordo, o 25 de xaneiro de 2018 o Consello da Xunta "autorizou a retrocesión" do Pavillón Xeral do complexo e o 8 de marzo, do Pavillón Administrativo. Ese segundo acordo, o de marzo, foi incluído na referencia pública do Consello da Xunta e o Goberno galego divulgou un comunicado explicando a operación mediante a cal, avanzaba, ía poder instalar alí servizos como a devandita Oficina de Emprego e Formación. Todo o proceso semellaba estar en marcha e así, por exemplo, o 2 de maio a Consellería de Facenda formalizou por algo máis de 30.000 euros o contrato cun estudio de arquitectura para a "redacción do proxecto básico e de execución das obras de rehabilitación" do edificio "para a nova oficina central de emprego de Lugo" no vello hospital.

No entanto, o día 31 do mesmo mes de maio, mentres en Madrid se debatía a moción de censura que acabaría con Mariano Rajoy fóra da Moncloa e Pedro Sánchez na presidencia, o propio Consello da Xunta acordaba "deixar sen efecto os acordos" do 25 de xaneiro e do 8 de marzo. Así consta nunha certificación asinada polo presidente da Xunta e mais polo vicepresidente, Alfonso Rueda, á que tivo acceso Praza.gal. Esa anulación non foi incluída na referencia pública do Consello, na que o Goberno galego si deu conta doutros asuntos como un "informe sobre o plan de dotación de tractores aos concellos", e Feijóo tampouco o mencionou na súa comparecencia ante a prensa.

Recreación do complexo remodelado divulgada pola Xunta en 2017, co espazo do vello Pavillón Xeral á dereita 

A alcaldesa pide explicacións e a Xunta ínstaa a "non entorpecer"

A alcaldesa de Lugo amosa o certificado da anulación xunto aos edís Miguel Fernández e Daniel Piñeiro / Concello de Lugo

Lara Méndez: "Mentiu a Xunta do PP dende o principio? Era todo fume? Renunciou ao proxecto?"

Tras saber da anulación "grazas ao interese" da nova subdelegada do Goberno de España na provincia lucense, Isabel Rodríguez, a alcaldesa de Lugo apresurouse en reclamar "explicacións" do Goberno galego a respecto desta "moi preocupante inforación". A xuízo de Lara Méndez, a anulación do trámite e a ocultación da mesma "poñen de manifesto, como mínimo, unha falta de dilixencia e interese por parte da Xunta para acometer o proxecto tal e como nolo presentaron". "Non sabemos o motivo, pero si sabemos que sen este trámite a Xunta non pode acometer as partes do proxecto da Residencia con uso non sanitario". Isto é, o Goberno galego podería seguir adiante co centro de saúde, pero non cos demais edificios prometidos.

"Xorden moitas preguntas -coida a rexedora socialista-: Mentiu a Xunta do PP aos lucenses dende o principio? Era fume todo o que prometeu? Renunciou ao proxecto?". O gabinete de Feijóo, advirte, debera "explicar á veciñanza o que está pasando", xa que "me nego a crer que despois de sete anos de atraso en propoñer un plan" para a residencia, "sigan con mentiras e desprezos a Lugo". En calquera caso e aínda que "os antecedentes non son alentadores", o Concello "segue adiante" coa parte do proxecto que lle corresponde en materia de licenzas para o centro de saúde.

A Delegación da Xunta en Lugo admite a anulación e asegura que se produciu "a instancias" do Goberno de Rajoy porque "viu conveniente realizar máis adiante" o trámite; Feijóo acusa o Concello de ralentizar o proxecto

A Xunta, pola súa banda, retruca á petición de explicacións da rexedora ínstándoa a "non entorpecer". Segundo o delegado territorial do Goberno galego en Lugo, José Manuel Balseiro, a anulación aprobada e non difundida en maio produciuse "a instancias do Goberno central", isto é, do gabinete de Rajoy, porque "vía conveniente realizar máis adiante unha retrocesión global do complexo". "O Goberno local -agrega Balseiro- o que ten que facer é colaborar coa Xunta e non entorpecer o proxecto".

Nun sentido semellante pronunciouse o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, dende onde tamén cargou contra o Concello lucense. "Creo que hai unha confusión", di Feijóo, quen acusa o gabinete de Lara Méndez de ralentizar a concesión de licenza para a construción do centro de saúde, isto é, para o único dos edificios que non precisa do trámite anulado. "Todo o que dixen se mantén ao cen por cen e pido que nos deixen construír en Lugo", di Feijóo, quen afirma que neste proxecto a Xunta non vai "marcha atrás nin marcha ao lado; só queremos ir cara a adiante" e "o que hai que levantar é o freo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.