0 Gardados para despois

A Xunta gasta 6.000 euros ao mes en manter pechado o novo auditorio de Lugo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Na primavera de 2004 o PP atravesaba momentos difíciles, tamén en Galicia. Mariano Rajoy fracasara no seu intento de substituír a José María Aznar á fronte do Goberno de España e o efecto Zapatero agudizaba o desgaste da Xunta de Manuel Fraga a un ano das eleccións galegas. Neste contexto o daquela alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, mantiña unha fronte de batalla aberta co conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, a quen esixía desbloquear un plan que vagaba polos caixóns de San Caetano dende a década anterior: transformar o vello cuartel de San Fernando, no centro da cidade, nun novo auditorio e centro cultural. O acordo entre ambas Administracións asinouse en agosto daquel ano, pero case nada seguiu o guión previsto. O auditorio chegou a construírse, pero noutro emprazamento e con moito atraso, e malia ser finalmente inaugurado en abril de 2016 segue pechado e xerando uns gastos de mantemento que, segundo documentación interna da propia Xunta, superan os 6.000 euros ao mes.

O "obxectivo" formulado polo daquela conselleiro Feijóo era que as obras do vello cuartel lucense "comezasen" no ano electoral de 2005, pero iso nunca chegou a suceder. Ben ao contrario, tras o cambio de Goberno na Xunta o proxecto comezou a estar arrodeado de dúbidas: a proposta arquitectónica gañadora do concurso de ideas que organizara o Concello lucense en tempos do PP suscitaba fortes receos no departamento de Patrimonio do Goberno galego polo seu impacto. As incertezas acabaron sendo confirmadas polo ICOMOS, o organismo consultivo da Unesco en materia de monumentos que en 2007 confirmaba, nun crítico informe, que a obra tal e como estaba concibida podería poñer en risco a catalogación como Patrimonio da Humanidade da Muralla romana, situada a apenas 100 metros.

O proxecto do auditorio de Lugo remóntase á etapa de Feijóo como conselleiro de Política Territorial

Neste contexto, non exento de tensións entre PSdeG e BNG, a principios de 2008 Concello e Xunta rubricaban a alternativa: o antigo cuartel desbotábase como sede do auditorio, pero sería reformulado como Museo da Romanización, operación para a cal o goberno local cedía o antigo recinto militar, que antes mercara ao Ministerio de Defensa. Mentres, o centro cultural trasladábase a unha parcela de titularidade autonómica no barrio de Magoi. O acordo implicaba que a Xunta construiría o auditorio e, unha vez rematado, a súa titularidade pasaría á Administración municipal. No entanto, non quedou claro se ese remate era sinónimo de completamente equipado, ou só construído.

Fragmento do expediente no que a Consellería de Medio Ambiente admite o custo de manter pechado o auditorio de Lugo

A daquela conselleira de Política Territorial, a socialista María José Caride, expresara na sinatura do acordo que a súa previsión pasaba por licitar as obras do auditorio lucense no ano 2009. No entanto, o proceso dilatouse polo adianto das eleccións galegas a marzo. Aqueles comicios trouxeron consigo unha nova mudanza na cor política do Executivo e Feijóo, xa como presidente, non retomou o proxecto que tivera entre as mans como conselleiro ata o ano 2010, cando ambas Administracións asinaron modificacións no acordo de 2008 para "axustar definitivamente as achegas orzamentarias ao ritmo previsto de execución da actuación". Segundo o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o auditorio ía custar 13,4 millóns de euros e estaría rematado "a finais de 2013".

A Xunta accedeu finalmente a pagar os 3,5 millóns de equipamento do auditorio a cambio de que o Concello non lle cobre impostos polo mesmo importe

Finalmente as obras foron licitadas no outono de 2010 e adxudicadas en abril de 2011 por un importe próximo aos 18 millóns de euros e un prazo de execución de tres anos. Tras múltiples avatares e promesas, o 20 de abril de 2016 unha comitiva encabezada polo propio Feijóo acudiu ao novo auditorio para inauguralo oficialmente. "Inaugurar este edificio non supón unha foto baleira, senón un acto de xustiza", declarara o presidente nun discurso cun par de pistas para resolver a cuestión que seguía aberta, a do equipamento; a Xunta, dixo, estaba disposta a "colaborar" co Concello e a Deputación para poñer os cartos, estimados nuns 3,5 millóns de euros. Dous meses despois a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato, indicaba á alcaldesa lucense, Lara Méndez, que a Xunta non poría máis de 1,2 millóns, se ben estaba disposta a axudar na "busca doutras alternativas, como podería ser o financiamento estatal".

O gasto en mantemento dende a inauguración do edificio ata a súa entrega ao Concello ascenderá, se a Consellería cumpre o último prazo, a máis de 100.000 euros

Con este pano de fondo transcorreu case un ano máis e a pasada primavera outra alternativa chegou á mesa de negociación. A Xunta estaba diposta a pagar o equipamento do auditorio, como noutras cidades, pero cunha contrapartida: que o Concello non lle cobrase o imposto de bens inmobles do hospital Lucus Augusti e varios edificios públicos máis por un importe equivalente, o que segundo o goberno local equivale exonerar a Xunta deste pagamento durante seis anos. O pasado xuño, nunha nova xuntanza entre Mato e Méndez, ambas Administracións acordaban que este acordo será plasmado nun convenio, tras cuxa sinatura o auditorio será finalmente equipado e transferido ao Concello.

É neste contexto no que Medio Ambiente admite canto custa manter o edificio pechado. "Os gastos de mantemento do edificio do Auditorio de Lugo, que se refiren tanto ao mantemento das instalacións como aos gastos de mantemento xerais ascenden a 6.004,38 euros mensuais", indica a Consellería nunha modificación orzamentaria tramitada o pasado maio para atender os gastos correspondentes a xaneiro. "Será necesario asumilos (...) ata a entrega do edificio ao Concello, a cal se estima non antes do mes de setembro de 2017", di o documento. Se neste caso a previsión da Xunta é correcta cando dea en producirse esa transferencia levará gastados máis de 100.000 euros no mantemento do auditorio sen actividade e terán transcorrido 13 anos e 6 conselleiros encargados do asunto.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo anuncia que parte do vello hospital lucense volverá ter uso sanitario cando leve case unha década pechado

O 31 de xaneiro de 2011 o vello Hospital Xeral de Lugo despedía os seus derradeiros pacientes e no barrio da Residencia, así alcumado polas instalacións sanitarias que acollía dende finais dos anos 50 do século pasado, comezou a reinar a incerteza. Veciñanza e comerciantes reclamaban dende había tempo que a contorna non ficase "abandonada" cando o Xeral fose substituído polo moderno Lucus Augusti e a Xunta garantiu que iso non acontecería. Máis de seis anos despois os vellos edificios seguen a degradarse, nalgúns casos con serios riscos de derrubamentos, e o presidente Feijóo vén de formular a que, semella, será a promesa definitiva para parte do recinto: que cando estea a piques de cumprirse a primeira década do peche un dos edificios recupere o uso sanitario.

Os edificios do vello hospital están pechados e degrádanse dende 2011, con derrubamentos nalgunhas das súas áreas

Este luns, xusto tres anos despois de que as rúas da capital lucense se ateigasen de manifestantes que esixían ao Goberno galego o cumprimento das súas promesas de servizos sanitarios tanto para o HULA como para o vello Xeral, o propio Feijóo encabezou un acto na cidade para desvelar o plan. Na sede provincial do Goberno galego, a uns dous quilómetros do barrio da Residencia, presentou o bosquexo dun "novo impulso" para o máis antigo dos edificios, o vello Materno Infantil, o que abrira en 1957 como Residencia Sanitaria Hermanos Pedrosa e que no horizonte de 2020, asegura o presidente, pasará a ser o "primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia".

Feijóo anuncia a conversión do edificio do vello Materno nun "Centro de Saúde Integral" e, seis anos despois, asegura que non vai "improvisar" sobre o resto do complexo

Atendendo ao avanzado por Feijóo o plan pasa por reabrir o materno como centro de saúde que acolla parte da demanda do saturado centro da Milagrosa, ubicar ademais nel "a base do 061" na cidade un servizo de saúde mental. Adicionalmente, avanza, neste espazo da antiga Residencia pasará a funcionar un Punto de Atención Continuada (PAC) pero non para ser o segundo da cidade, como reclamaban as plataformas veciñais, senón para substituír ao do barrio de Fingoi, cuxo centro de saúde "poderá aumentar as consultas de atención primaria".

Co futuro despexado para parte do Materno -o proxecto non contempla utilizar inicialmente o último andar- e para o vello pavillón central do complexo, que será derrubado, o interrogante segue a pairar sobre o maior dos edificios da residencia, o Xeral, que aínda é titularidade do Goberno de España. O que a ex-conselleira de Sanidade Rocío Mosquera definiu como un "edificio enfermo" polo seu avanzado deterioro foi xa obxecto de varios anuncios, dende unha residencia de maiores a unha comisaría de Policía pasando por un laboratorio de saúde pública. Feijóo asegura agora que este verán procurará despexar tamén esta cuestión. Seis anos despois do peche, mantén, a Xunta non vai "improvisar" ao respecto.