Na primavera de 2004 o PP atravesaba momentos difíciles, tamén en Galicia. Mariano Rajoy fracasara no seu intento de substituír a José María Aznar á fronte do Goberno de España e o efecto Zapatero agudizaba o desgaste da Xunta de Manuel Fraga a un ano das eleccións galegas. Neste contexto o daquela alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, mantiña unha fronte de batalla aberta co conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, a quen esixía desbloquear un plan que vagaba polos caixóns de San Caetano dende a década anterior: transformar o vello cuartel de San Fernando, no centro da cidade, nun novo auditorio e centro cultural. O acordo entre ambas Administracións asinouse en agosto daquel ano, pero case nada seguiu o guión previsto. O auditorio chegou a construírse, pero noutro emprazamento e con moito atraso, e malia ser finalmente inaugurado en abril de 2016 segue pechado e xerando uns gastos de mantemento que, segundo documentación interna da propia Xunta, superan os 6.000 euros ao mes.
O proxecto do auditorio de Lugo remóntase á etapa de Feijóo como conselleiro de Política Territorial
O "obxectivo" formulado polo daquela conselleiro Feijóo era que as obras do vello cuartel lucense "comezasen" no ano electoral de 2005, pero iso nunca chegou a suceder. Ben ao contrario, tras o cambio de Goberno na Xunta o proxecto comezou a estar arrodeado de dúbidas: a proposta arquitectónica gañadora do concurso de ideas que organizara o Concello lucense en tempos do PP suscitaba fortes receos no departamento de Patrimonio do Goberno galego polo seu impacto. As incertezas acabaron sendo confirmadas polo ICOMOS, o organismo consultivo da Unesco en materia de monumentos que en 2007 confirmaba, nun crítico informe, que a obra tal e como estaba concibida podería poñer en risco a catalogación como Patrimonio da Humanidade da Muralla romana, situada a apenas 100 metros.
Neste contexto, non exento de tensións entre PSdeG e BNG, a principios de 2008 Concello e Xunta rubricaban a alternativa: o antigo cuartel desbotábase como sede do auditorio, pero sería reformulado como Museo da Romanización, operación para a cal o goberno local cedía o antigo recinto militar, que antes mercara ao Ministerio de Defensa. Mentres, o centro cultural trasladábase a unha parcela de titularidade autonómica no barrio de Magoi. O acordo implicaba que a Xunta construiría o auditorio e, unha vez rematado, a súa titularidade pasaría á Administración municipal. No entanto, non quedou claro se ese remate era sinónimo de completamente equipado, ou só construído.
A daquela conselleira de Política Territorial, a socialista María José Caride, expresara na sinatura do acordo que a súa previsión pasaba por licitar as obras do auditorio lucense no ano 2009. No entanto, o proceso dilatouse polo adianto das eleccións galegas a marzo. Aqueles comicios trouxeron consigo unha nova mudanza na cor política do Executivo e Feijóo, xa como presidente, non retomou o proxecto que tivera entre as mans como conselleiro ata o ano 2010, cando ambas Administracións asinaron modificacións no acordo de 2008 para "axustar definitivamente as achegas orzamentarias ao ritmo previsto de execución da actuación". Segundo o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o auditorio ía custar 13,4 millóns de euros e estaría rematado "a finais de 2013".
A Xunta accedeu finalmente a pagar os 3,5 millóns de equipamento do auditorio a cambio de que o Concello non lle cobre impostos polo mesmo importe
Finalmente as obras foron licitadas no outono de 2010 e adxudicadas en abril de 2011 por un importe próximo aos 18 millóns de euros e un prazo de execución de tres anos. Tras múltiples avatares e promesas, o 20 de abril de 2016 unha comitiva encabezada polo propio Feijóo acudiu ao novo auditorio para inauguralo oficialmente. "Inaugurar este edificio non supón unha foto baleira, senón un acto de xustiza", declarara o presidente nun discurso cun par de pistas para resolver a cuestión que seguía aberta, a do equipamento; a Xunta, dixo, estaba disposta a "colaborar" co Concello e a Deputación para poñer os cartos, estimados nuns 3,5 millóns de euros. Dous meses despois a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato, indicaba á alcaldesa lucense, Lara Méndez, que a Xunta non poría máis de 1,2 millóns, se ben estaba disposta a axudar na "busca doutras alternativas, como podería ser o financiamento estatal".
O gasto en mantemento dende a inauguración do edificio ata a súa entrega ao Concello ascenderá, se a Consellería cumpre o último prazo, a máis de 100.000 euros
Con este pano de fondo transcorreu case un ano máis e a pasada primavera outra alternativa chegou á mesa de negociación. A Xunta estaba diposta a pagar o equipamento do auditorio, como noutras cidades, pero cunha contrapartida: que o Concello non lle cobrase o imposto de bens inmobles do hospital Lucus Augusti e varios edificios públicos máis por un importe equivalente, o que segundo o goberno local equivale exonerar a Xunta deste pagamento durante seis anos. O pasado xuño, nunha nova xuntanza entre Mato e Méndez, ambas Administracións acordaban que este acordo será plasmado nun convenio, tras cuxa sinatura o auditorio será finalmente equipado e transferido ao Concello.
É neste contexto no que Medio Ambiente admite canto custa manter o edificio pechado. "Os gastos de mantemento do edificio do Auditorio de Lugo, que se refiren tanto ao mantemento das instalacións como aos gastos de mantemento xerais ascenden a 6.004,38 euros mensuais", indica a Consellería nunha modificación orzamentaria tramitada o pasado maio para atender os gastos correspondentes a xaneiro. "Será necesario asumilos (...) ata a entrega do edificio ao Concello, a cal se estima non antes do mes de setembro de 2017", di o documento. Se neste caso a previsión da Xunta é correcta cando dea en producirse esa transferencia levará gastados máis de 100.000 euros no mantemento do auditorio sen actividade e terán transcorrido 13 anos e 6 conselleiros encargados do asunto.