Feijóo pide un pacto PP-PSOE para priorizar o AVE a Lugo e que BNG e En Marea se sumen

Lara Méndez e Núñez Feijóo © Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo este venres á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, "un acordo PP-PSOE" para esixir a chegada do AVE a esta cidade, ademais de convidar a En Marea e BNG a que se sumen ao pacto. Segundo o xefe do Executivo galego, a "prioridade de Galicia despois da conectividade con Ourense" da alta velocidade debe ser a conexión con Lugo. 

Feijóo considera clave "poñerse de acordo en priorizar" o tramo do AVE a Lugo

Para Feijóo, logo de anos de promesas, a chegada do AVE a Lugo é "un obxectivo irrenunciable" e considera que é clave poñerse "de acordo en priorizar este tramo" e en defendelo ante os responsables de infraestruturas do Estado. Así, segundo dixo, "será máis fácil" acadar un obxectivo que considera "xusto e lexítimo" para que a capital lucense "non quede descolgada" da alta velocidade.  

A alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez, incidiu na importancia da chegada do AVE para que Lugo non quede illado pero reclamou tamén que se avance na construción da "importantísima" estación intermodal que, segundo Feijóo, é "imprescindible" pero debe avalarse e xustificarse no volume de pasaxeiros. 

Feijóo prometeu hai anos que a Xunta pagaría o AVE Lugo-Ourense

O da alta velocidade a Lugo é unha vella promesa de Feijóo, que na precampaña electoral de 2009 e acompañado de Mariano Rajoy prometeu facer "dende a Xunta o AVE Lugo-Ourense". Máis de sete anos despois, a conexión ferroviaria entre ambas cidades é esencialmente a mesma e, semanas antes das eleccións autonómicas do pasadoo 25 de setembro, os populares teimaron na promesa, se ben xa non prometeron que os cartos vaian chegar dende o Goberno galego.

Por outra banda, Méndez arrincoulle a Feijóo o compromiso de construír unha nova residencia pública de maiores na cidade tras cualifica de "necesaria" e lembrar que hai xa 40 anos que non se fai ningunha nunha cidade moi envellecida e coas pensións máis baixas do Estado. "Quero ser o presidente que faga esa residencia", dixo o xefe do Executivo galego ante unha rexedora que lembrou que os "a maioría" dos asuntos tratados entre ambos en 2015 aínda seguen pendentes. 

Con todo, Méndez expresou o seu "agradecemento" a Feijóo e sinalou que cre que se empeza unha "etapa nova" de colaboración institucional. O presidente da Xunta ofreceu, ademais, afrontar o equipamento do auditorio a través da exoneración do pagamento do IBI do hospital e os centros de saúde, unha "fórmula" que xa se empregou noutros concellos. 

Lara Méndez e Núñez Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.