0 Gardados para despois

O PP teima en que fará un AVE Lugo-Ourense, pero xa non promete que o pagará a Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi unha das promesas máis pirotécnicas da precampaña electoral galega de 2009. Das realizadas cando, se cadra, o PP aínda traballaba coa hipótese de seguir catro anos máis na oposición ao bipartito de PSdeG e BNG e co socialista José Luis Rodríguez Zapatero a gobernar en España. O 10 de xaneiro de 2009 o candidato Alberto Núñez Feijóo compartiu mitin con Mariano Rajoy en Lugo. Foi un acto destinado a alentar o entusiasmo na tropa conservadora no que o aspirante á Presidencia deu en realizar un compromiso inédito: "Faremos dende a Xunta o AVE Lugo-Ourense", anunciou. Sete anos despois a conexión ferroviaria entre ambas cidades é esencialmente a mesma e, ante as eleccións do 25S, os populares reciclan a promesa, se ben xa non prometen que os cartos vaian chegar dende o Goberno galego.

Agora, como en 2009, para se desprazar en tren entre as dúas principais cidades do interior galego cómpre investir practicamente dúas horas para apenas 100 quilómetros e as frecuencias son moi escasas: tres trens de media distancia ao día aos que se suma, dende o ano pasado, o Alvia que sae da cidade da Muralla con destino a Madrid. Mentres, no que atinxe á futura infraestrutura de alta velocidade a única novidade é o lentísimo avance das obras na variante da Pobra de San Xiao (Láncara), en construción dende 2007, e a sucesiva inclusión de discretos fondos nos Orzamentos Xerais do Estado para a elaboración de estudos previos.

O panorama ferroviario lucense dista, polo tanto, moi notablemente do bosquexado por Feijóo naquel mitin de 2009. O "compromiso" expresado daquela dende o escenario do auditorio Gustavo Freire non deixaba lugar a dúbidas: despois da "lexislatura do cambio decepcionante", o PP "garantía" que, ao chegar á Xunta, ía "asumir, comezar, realizar e rematar o AVE Lugo-Ourense. "Será o compromiso do meu Goberno que a Xunta lidere e realice as obras". "Despois -engadía- xa lle pasaremos a factura" ao Ministerio de Fomento, pero as obras íanse realizar "con diñeiro da Xunta".

"Faremos o AVE Lugo-Ourense con cartos da Xunta", prometeu Feijóo en 2009

Como cabía agardar, ao obter a Presidencia o PP non realizou movemento ningún dende a Xunta para cumprir unha promesa que, no entanto, foi sendo matizada nos anos seguintes. Sucedeu, por exemplo, durante a campaña das eleccións xerais de decembro de 2015. Daquela, noutra intervención electoral na capital lucense, Feijóo condicionou a realización desta infraestrutura a que Mariano Rajoy recuncase na Moncloa. Agora, "que o AVE está ás portas de Galicia", tamén ía chegar a Lugo, "pero non nun PowerPoint". Boa mostra, engadiu, de que "aos galegos lles interesa votarlle ao presidente Rajoy", dixo, aínda que o líder do PP fose candidato por Madrid, e non por ningunha das circunscricións galegas.

O programa de 2016 promete "impulsar a alta velocidade a Lugo" e a conclusión da conexión con Madrid en 2018 aínda que xa é tecnicamente imposible

É nesta liña na que os populares se volven expresar no seu programa para as eleccións galegas. "Impulsaremos a alta velocidade a Lugo. Os lucenses non poden quedar ás portas da alta velocidae e deben darse os pasos precisos para que a alta velocidade chegue dende Ourense a Lugo", sinalan, sen ofrecer máis detalles e xusto despois de volver presentar como "irrenunciable" o remate das obras do tren rápido entre Madrid e Galicia "no ano 2018", un prazo que é xa tecnicamente imposible de cumprir por mor da demora na construción do treito entre Taboadela e Ourense. Adicionalmente, o propio programa rebaixa tamén promesas anteriores a respecto da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, liña para a que agora se anuncia unicamente unha "demanda de optimización".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.