Coas obras do AVE na recta final, as eleccións locais de dentro de medio ano sitúan no centro do debate político os lugares aos que chegarán eses trens e as reformas urbanas que implicarán
Agora que as obras do groso da liña de AVE entre Galicia e a Meseta están na súa recta final e xa non valen os argumentos de que o partido de enfronte vai paralizalas, o novo campo de batalla político coas eleccións municipais de dentro de medio ano no horizonte é o lugar ao que chegarán eses trens, as denominadas estacións intermodais. Os alcaldes de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago mantiveron a pasada semana reunións en Madrid coa presidenta de Adif ás que tamén asistiu a conselleira de Infraestruturas, o que fixo que esas administracións centrasen boa parte da súa actualidade informativa en como cada unha está a avanzar coa súa parte de cada proxecto fronte ás supostas cambadelas das outras nuns proxectos de moi distinta envergadura e que se atopan en moi diversas fases de concreción que van máis alá do transporte e condicionarán o deseño urbano do futuro.
Vigo
O Concello de Vigo di que Adif, controlada polos socialistas, vai colaborar agora tamén na mellora da contorna da estación
Cando en Vigo se decidiu que o AVE chegase soterrado ata o centro da cidade para facilitar así unha futura saída sur cara a Portugal, condicionante técnico que non se dá nas outras cidades galegas, non quedou máis remedio que derrubar a vella estación de tren e executar unha nova baixo terra. Sobre ela planificouse un centro comercial que aínda vai comezar a construírse agora, sete anos despois de que se derrubase a anterior estación, e que servirá de gran recibidor co que conectará tamén unha nova estación de autobuses que se executará ao seu carón, trasladando así a existente actualmente na entrada á cidade pola avenida de Madrid. Mentres Adif executou as vías soterradas (uns 300 millóns de euros, incluíndo o túnel desde Redondela e a estación provisional de Guixar) e será unha concesión a que constrúa e xestione por outros 83 millóns o centro comercial deseñado por Thom Mayne (cuxo proxecto orixinal ascendía a 152 millóns), a estación de autobuses será construída pola Xunta por uns 15 millóns e o Concello deberá adecuar os accesos á mesma.
Ata o de agora o Goberno galego viña gabándose de desbloquear o remate do complexo grazas á lei autonómica específica que aprobou para evitar que a anulación por parte da xustiza do plan de urbanismo de Vigo paralizase grandes proxectos na cidade. Tras o cambio de Goberno en Madrid, o gran anuncio realizado agora polo alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, é que Adif tamén se implicará coa reforma dos accesos e espazos urbanos exteriores do complexo que suporán un custo duns 10 millóns.
A Coruña
Adif lamenta o enfrontamento entre o Concello da Coruña e a Xunta, que anuncia que vai reiniciar o deseño da súa estación de autobuses, o que a demorará
A chegada do AVE á Coruña requirirá de varias adaptacións de menor calado que as de Vigo da actual estación de tren, a cuxo carón se proxecta construír unha nova estación de autobuses para facilitar a intermodalidade. Un proxecto máis modesto que recurta a gran nova estación ferroviaria de 200 millóns deseñada por César Portela durante o anterior Goberno central socialista e que foi desbotada por faraónica polo seguinte executivo popular. Como no resto de cidades, a nova estación de buses é competencia autonómica, pero o encaixe do proxecto da Xunta cos desexos do Concello para mellorar o deseño urbano desa zona da cidade vén supoñendo un elemento de confrontación das dúas administracións. Cando hai unhas semanas se constatou que os Orzamentos autonómicos para o ano próximo non contemplan partidas para esa actuación, a Xunta reiterou como xa dixera anteriormente que perdera fondos europeos polos obstáculos postos polo goberno local da Marea Atlántica, algo que non é certo xa que eses fondos se poden empregar ata 2023, como lle ratificou a propia Comisión Europea ao diario La Opinión.
Xunta e Concello acúsanse de non responderse mutuamente en anos pasados a comunicacións sobre cambios significativos no proxecto, ao tempo que o Adif socialista aproveita para lamentar o enfrontamento das outras duas administracións dicindo que “mentres se acada un acordo entre Concello e Xunta” sobre o deseño da estación de buses ela seguirá adiante coa reforma da de trens porque “non pode condicionar a modernización das instalacións ferroviarias ao futuro da intermodal”. Segundo avanzou esta semana, Adif licitará esas obras en 2019 por máis de 40 millóns de euros “sen comprometer a intermodalidade das futuras instalacións”. No encontro, tanto Adif como o Concello comprometéronse a ter listos os seus proxectos ferroviarios e de accesos en dous meses, mentres que a Xunta anunciou que licitará un novo deseño da súa estación de autobuses, o que demorará a súa construción.
Ourense
Fronte ás críticas da Xunta ao resto de gobernos locais polo que considera obstáculos ás súas actuacións en favor das intermodais, no caso do goberno local de Ourense do PP, o único de todas as cidades galegas, só hai eloxios
Fronte ás críticas da Xunta ao resto de gobernos locais polo que considera obstáculos ás súas actuacións en favor das intermodais, no caso do goberno local de Ourense do PP, o único de todas as cidades galegas, só hai eloxios por parte do executivo autonómico. Nesa cidade é a única na que as obras da estación de autobuses anexa á de trens xa comezaron, cun investimento por parte da Xunta de 9 millóns. E Concello e Xunta van da man nas súas esixencias ao actual Goberno central socialista para que Adif concrete o proxecto para a reforma da parte ferroviaria, que reducirá o deseño orixinal de Norman Foster. Aquel superaba os 200 millóns de euros, pero o novo, aínda en proceso de reformulación por parte de Adif, supera aínda segundo as últimas estimacións da empresa pública os 146 millóns de euros para intentar reducir a fenda que as vías provocan nesa parte da cidade. Á espera de que Adif concrete ese proxecto, cunha presión autonómica e local que non se daba cando o PP gobernaba tamén en Madrid, a empresa pública vén de licitar o novo aparcamento subterráneo do complexo por 6,5 millóns.
Lugo
En Lugo a sintonía política entre o goberno local socialista e a nova dirección de Adif evitou declaracións altisonantes tras a decisión de seguir estudando o anteproxecto do edificio para asinar máis adiante o acordo que o desenvolva
Lugo e Ferrol serán as dúas cidades galegas que queden descolgadas da rede de alta velocidade, contemplándose só no caso da primeira algunhas melloras da actual liña convencional que a conecta con Ourense. Iso permitirá que os trens Alvia, ou futuros AVE de ancho variable, cheguen a Lugo algo máis rápido que actualmente, pero sen que iso supoña un aumento tan grande no número de servizos ferroviarios que terá a cidade como para requirir de grandes novas infraestruturas de recepción deses viaxeiros. A motivación de Lugo para impulsar unha intermodal, que como nos casos da Coruña e Ourense non suporá máis que construír unha estación de autobuses anexa ás actuais estacións de tren melloradas, é a oportunidade de liberar o espazo da actual terminal de buses no centro da cidade. Neste caso a sintonía política entre o goberno local socialista e a nova dirección de Adif evitou declaracións altisonantes tras a decisión de seguir estudando o anteproxecto para asinar máis adiante o acordo que o desenvolva. O complexo custaría entre 27 e 31 millóns, pero mentres Adif di que esa contía inclúe xa os 2,7 millóns do custo da nova estación de buses que executaría a Xunta, esta cifra a súa terminal en 6,3 millóns. Como no caso da Coruña, o proxecto de Lugo está nunha fase demasiado previa como para cuantificalo con precisión e poñerlle datas.
Santiago
En Santiago, tras meses de liortas entre Xunta e Concello, ao que Fomento eloxiaba, as principais actuación están xa lanzadas co obxectivo de que o complexo estea en funcionamento antes do Xacobeo 2021
A estación intermodal de Santiago é unha das que non provocou esta semana ningún gran conflito entre administracións porque as súas principais actuacións xa están lanzadas co obxectivo de que o complexo estea en funcionamento antes do Xacobeo 2021. Pero en meses anteriores foi unha das principais armas políticas da Xunta contra o goberno local de Compostela Aberta, ao que acusaba de lentitude na tramitación dos accesos á nova estación de autobuses anexa malia que ela mesma aínda non comezara as obras desa terminal nin da pasarela que a unirá á estación de tren, na que Adif xa ten en fase avanzada as súas obras de adaptación á alta velocidade. Paradoxalmente, mentres a Xunta criticaba ao Concello, este recibía eloxios por parte do Ministerio de Fomento daquela controlado polo PP.
No caso de Santiago a estación de autobuses que executará a Xunta custará uns 10 millóns, a reforma da estación de tren que acomete Adif vénse executando en diversas fases tanto nas vías como nos edificios e suporá uns 20 millóns de euros (unha reforma máis ambiciosa executaríase nun futuro en función do aumento de usuarios) e a pasarela que unirá as dúas e os barrios de Santiago separados polas vías outros 6 millóns que pagarán as tres administracións.
A construción dunha nova estación de autobuses xunto á de tren permitirá á súa vez liberar o espazo da actual xunto á sede central da Xunta en San Caetano, que será convertido nun novo edificio administrativo dese complexo do Goberno galego.
Pontevedra
En Pontevedra, na práctica, xa existe unha intermodal polo simple feito de que as estacións de tren e autobús levan anos construídas xuntas
A 'intermodal' de Pontevedra será con diferenza a máis barata e sinxela de executar de todas as cidades galegas. Na práctica, xa existe. Un cento de metros é o que separa a porta das actuais estacións de tren e autobús, construídas xuntas, polo que a súa integración consistirá na execución dunha marquesiña ou pasarela que protexa da climatoloxía nos desprazamentos entre unha e outra.